Sábado 5, Decembro 2020
Home Outros COLORINCHOS

COLORINCHOS

por Carlos Méixome

Non hai moito tempo que, na compaña do meu tío-avó Nilo, fomos recoller un veciño da aldea que exerce de profesor nun instituto. O centro escolar aséntase, en parte, sobre un aquelado edificio da que fora unha das máis relevantes e nomeadas “escolas americanas” da contorna. A vella construción é o máis visíbel do conxunto educativo, por atoparse abeirando a estrada. O arquitecto vigués Esténs Romero realizou una obra determinada polo hixienismo necesario nos centros educativos tal como naquela altura -foi inaugurado en 1913- comezaba a considerarse.

Mentres agardabamos no amplo aparcadoiro, meu tío non deixaba de arrandear a testa, mirar de esguello para o magnifico edificio e mougar palabras para dentro. Non entendía ben o que lle pasaba, pero como é un pouco “rariño” tampouco lle emprestei moita atención.

O vello edificio perdeu, nos últimos tempos,  o seu “skyline”, a súa silueta, o seu trazo de identidade. Rodeado dun pequeno xardín tras un valado enreixado, tiña dúas palmeiras centenarias que, tal cal dous soldados imperiais, vixiaban a escalinata de acceso ao corpo central de dúas plantas. Ambas aniquilounas a anterior pandemia, a do bicudo.

A construción complétase con  dous corpos laterais de planta baixa que, xunto ao corpo central,  forman un U arredor dun patio e unha galería aberta. O recercado de portas, fiestras, engarce dos corpos, etc. realizouse con perpiaño, mentres as paredes de cachotería están revocadas e pintadas.

Cando vin acercarse o noso veciño caín na conta do que estaba a amouchar ao meu tío-avó, moi mirado en asuntos da estética tradicional. Os amplos vans entre portas e ventás estaban pintados, en parte, nun ton que coido chaman verde pistacho, en parte nun vermello entre tipo florentino e terracota. O certo é que se vían máis as paredes coloreadas que a obra en pedra.

Logo, no xantar co noso veciño, falamos dunha encerellada de asuntos. No medio delas, o meu tío-avó deixou caer que por mor do seu lixeiro daltonismo non percibía con claridade, non as cores que ben se vían, senón o matiz dos tons vermellos e verdes que  escintilaban baixo o sol primaveral. O noso parroquiano, despois de deixar asomar un sorriso, comentounos que viña de estar o día anterior, por razóns profesionais, co arquitecto Xaime Garrido, infortunadamente xa finado, que lle botara unha boa filípica por retirar a pintura branca que dignifica a arquitectura e resaltaba o traballo na pedra dun edificio que cumpría coidar con dignidade e ata se meteu co claustro de profesores por consentir tal atentado estético. Pouco durou a colorista experiencia.

Estes recordos atropeláronse no meu maxín, cando, ao saír da autoestrada, no centro de Vigo, e coller entre os recunchos nunha especie de xincana de pivotes, para virar cara á Gran Vía, batéronme os ollos nunha enxurrada de colorinchos metálicos, onde antes lucían os verdes da natureza e a luminosidade das flores.  Seica baixo aquel estrafalario e rechamante estarivel vai decorrer unha escaleira metálica para asombro do mundo nunha nova festa dos manequíns tan do agrado do cosmopaletismo gobernante na cidade.

Abaneando a cabeza ao xeito do meu tío-avó, seguín camiño e, antes de chegar á sombra dos cabalos de Oliveira, lembrei unha frase de Manolo Gallego Jorreto.

Hai ben anos convidarámolo a dar unha charla. Ao día seguinte acompañámolo por algúns dos lugares senlleiros do Val Miñor, non lembro se por petición del ou decisión nosa. O caso é que nun  alto dende o que se ollaba a enchente de construcións que na altura estaban a inundar os currunchos valecos, o gran arquitecto, bambeando a testa ao xeito “niliano”, sentenciou: “Aos paisanos hai que sacarlles o `estuche´ das pinturas”.


 

Novidades