COLOMBIA (I): A CULTURA DA VIOLENCIA

| Outros

por Manoel  Barbeitos 

Seguramente sexa Colombia un dos países de Latinoamérica dos que menos coñecemento real se ten en Galicia. Cando menos, seguro que é moito menos coñecido que,  por caso Venezuela, Argentina, Uruguai ou Brasil.

Durante moitos anos, décadas, Colombia trasmitíu ao mundo unha imaxe centrada en dous relatos moi violentos, seguramente dos máis violentos do mundo. Por unha banda, a relacionada coa existencia dun moi potente entramado de narcotráfico, seguramente o máis agresivo da época; pola outra, a dun movemento guerrilleiro, o máis poderoso de Latinoamérica, o que máis tempo estivo en activo e que, a diferenza do resto das guerrillas latinoamericanas, non foi derrotado militarmente. Dúas realidades con notable implantación social que  fixeron que durante décadas a violencia formara un capitulo moi destacado na historia de Colombia. E iso contribuiu a dar do país unha imaxe distorsionada, ou cando menos incompleta, que non se correspondía totalmente coa súa realidade social.

Unha violencia con raíces históricas

Se en Latinoamérica a violencia ten sido ao longo de historia máis recente unha das principais causas de morte, Colombia aparece como un dos países da rexión onde se deron, e seguramente se seguen dando, os índices mais elevados (80 mortos por 100.000 habitantes). Na segunda metade do século XX, ese estado de violencia tivo inicialmente dous axentes principais: os aparatos do estados (exército, policía e xustiza) e a guerrilla (FAR e EPL, apoiadas as primeiras polo Partido Comunista, inspirándose os segundos na revolución cubana e as ideas guevaristas). A violencia tivo de inicio unha raíz social -a loita pola terra entre un campesinado minifundista e uns grandes hacendistas- e unha moi forte división partidista -Partido Liberal e Partido Conservador, estando o Partido Comunista excluído do xogo político e perseguido, son os tempos da guerra fría-. Foi o campesiñado o que se convertiu na vítima principal desa violencia: 180.000 mortos entre 1946 e 1965.

Ao longo dos anos 80, os narcotraficantes irán ocupando un lugar cada vez máis relevante nese escenario. Mentres destacados grupos dos mesmos establecerían importantes alianzas con movimentos guerrilleiros -as FAR maiormente- outros, en alianza cos latifundistas e contando co apoio dos aparatos do Estado, crearían as AUC (Autodefensas Unidas de Colombia), auténticos exércitos privados que se enfrontan á guerrilla e son utilizados polas grandes facendas para expulsar violentamente aos campesinos e colonos das súas terras, especialmente daquelas que son máis fértiles. Nese periodo, no que aparece o fenómeno coñecido como “narcoterrorismo”, o número de homicidios acadou a portentaxe de 80 mortos por cen mil habitantes.

Nos anos seguintes, a violencia irá en aumento alimentada pola coca (3,5-6,5 do PIB). A guerrilla dispoñerá de grandes recursos grazas especialmente aos procedentes do comercio da coca. Un grupo de narcotraficantes cada vez máis rico e poderoso (é cando aparece o cartel de Medellín), que se introduce entre os sectores máis baixos dunha poboación urbana que fora expulsada do campo, creando as bases dunha economía somerxida que, sendo favorecida pola crise económica deses anos, aparece para moitos/as colombianos, maiormente mozos, como unha fonte segura de riqueza. Uns gobernos corruptos fortemente infiltrados polo narcotráfico, e con intereses latifundistas, contribúen a que durante estas décadas (1980-2000) a violencia, que agora pon o foco nos líderes políticos e sociais das esquerdas (mais de 3.000 asasinados moitos deles militantes da Unión Patriota creada por antiguos militantes da guerrilla), ocupe una gran parte do escenario político e da vida social do país.

A violencia como sistema de vida, chegando a integrarse na cultura popular colombiana, alimentando as distintas formas artísticas, a pintura, a literatura, a música, o teatro…. É polo que a vida económica, social, política e cultural van estar marcadas durante décadas pola violencia. Xa que logo, unha violencia sistémica, na que se poden recoñecer algunhaas características moi particulares: as distintas formas e intensidades que acadaría segundo a rexión da que se tratara e a amplitude de actores da mesma, non recoñecendo razón de idade -nenos/as, mozos/as, persoas de mediana idade, maiores…-.

Pero tamén acabou afectando aos países veciños. Segundo os maiores expertos latinoamericanos, esta violencia provocaría unha crise humanitaria no país que se reflectíu, por caso, en máis de 2 millóns de colombianos/as desprazados/as dos seus fogares e que, fuxindo dese inferno, buscaron refuxo no países veciños .

O final da violencia

Tiveron que xuntarse varios factores, externos e internos, para que esta violencia cando menos acabase baixando moito de intensidade. Sen orde preferente, cabe subliñar que a crecente e intensa implicación dos Estados Unidos na loita contra o narcotráfico (o 90% da droga que entra en EEUU procede de Colombia) contribúe decisivamente a este final. A captura e posterior traslado aos cárceres estadounidense de destacados narcotraficantes, así como a morte dos máis coñecidos fai retroceder a este grupo e diminuir a súa actividade que, pese a todo, seguirá activo.

Non menos importancia tivo o crecente cansazo entre os compoñentes do movemento guerrilleiro que, coincidindo coa morte dalgúns dos seus líderes históricos, fixo medrar entre os dirixentes máis mozos o convencemento de que a vitoria era imposible. Factor desmobilizador ao que se sumou o ascenso ao poder, por vías democráticas, de organizacións de esquerda en diferentes países latinoamericanos (Nicaragua, O Salvador, Urugai, Brasil…). Tamén contribuiu o final de guerra fría, e o derrubo dos réximes socialistas que restan apoio político e ideolóxico á guerrilla. Finalmente, o ascenso de movementos pacifistas con cada vez maior apoio entre unha cidadanía cansa de que os civís fosen a principais vítimas desa violencia.

Porén, o final do conflito armado que tras catro anos de duras negociacións e logo de superar grandes dificultades como por caso a votación negativa nun plebiscito premio, tivo a súa materialización política na sinatura no Teatro Colón de Bogotá do acordo de paz entre as FARC e o Goberno colombiano (“Acordo para a terminación definitiva do conflito”: 2016), que sería ratificado polas Cámara de Representantes e o Senado, aínda que deixar atrás o enfrentamento militar non comportase o remate definitivo da violencia. Seguiron producíndose asasinatos de líderes e dirixentes sociais e campesinos. A razón hai que buscala en que o negocio da coca derivou nunha cruel e sanguinaria batalla polo control deste mercado, no que están especialmente activos grupos paramilitares, carteis do tráfico e antigos guerrilleiros que non foron quen de integrarse na sociedade.

Esa actividade ten como principais vítimas a líderes sociais que loitan por erradicar ese negocio criminal enfrontándose a estes grupos violentos: superan os 200 os asasinatos cometidos entre 2016 e 2020. Unha confitividade que se ve favorecida pola sistémica debilidade do estado colombiano, incapaz de garantir no conxunto do territorio o exercicio das liberdades e os dereitos democráticos.