Xoves 15, Abril 2021
HomeOutrosCOLOMBIA (e II): A OUTRA VIOLENCIA

COLOMBIA (e II): A OUTRA VIOLENCIA

por Manoel  Barbeitos 

Se no artigo anterior sinalaba que a historia de Colombia vai intimamente unida á violencia, cómpre subliñar agora que entre as razóns desa violencia non é a de menor importancia a explotación dos recursos naturais colombianos, e moi especialmente os minerais. Colombia é un pais rico en minerais estratéxicos como o ouro, o platino, o uranio, o coltán e o molibdeno, recursos que dende hai décadas veñen sendo dende codiciados polas principais multinacionais mineiras de Estados Unidos, Sudáfrica, Australia, Canadá…

 A explotación deses minerais se atopou de entrada cun problema. Os terreos considerados como máis ricos nestes minerais estaban ocupados dende moi antigo por comunidades indíxenas. Para “superar” este problema, as compañías multinacionais contaron dende sempre coa axuda do goberno colombiano. Que tipo de axuda? A que se materializou nunha política expeditiva de expulsión dos nativos vía militari, utilizando con frecuencia o pretexto de que esas comunidades eran bases de apoio á guerrilla. Expulsadas as comunidades indígenas, o terreo quedaba libre para as multinacionais mineiras (40% do territorio), ás que o goberno de quenda lles concedía de inmediato licencias de exploración e explotación, dotándoo ademais de infraestruturas, sen que en ningún momento a súa actividade se vira condicionada polo impacto ambiental.

Porén, resulta indiscutible que coa sinatura do histórico Acordo para a terminación definitiva do conflito (2016), o escenario político en Colombia experimentou un cambio moi importante. Sen que por outra parte desaparecese totalmente a violencia, pois que afloraron conflitos sociais, por caso, o xa citado entre as grandes multinacionais mineiras -ás que se sumarían máis tarde as hidroeléctircas e as alimentarias- e as comunidades campesinas.

Ese conflito deixou en evidencia as dificultades que ten Colombia para verse libre de violencia. Cando desaparece un conflito, axiña aparece outro que acaba causando estragos entre a poboación. Non podemos esquecer que no interior do estado colombiano hai estruturas moi poderosas (exército, policía, aparato xudicial) con fortes ligazóns tanto coa oligarquía local como coas multinacionais, que teñen a guerra suxa (paramilitares) como instrumento de actuación e ás comunidades campesinas e indíxenas (os seus líderes con preferencia) como vítimas principais.

Esa guerra suxa que, tal como apunta o recoñecido xornalista colombiano Pedro Santana, provocou dende a sinatura do acordo de paz do 2016 nada menos que o asesinato de case dous mil colombianos/as entre exguerrilleiros, líderes campesinos e indíxenas, que se tiveron que enfrontar a preto dun cento de masacres. 

Variables que fan de Colombia o segundo país máis desigual de Latinoamérica

 No que respecta ao factor macroeconómico, será a partir de finais do século XX cando Colombia entre definitivamente na área de influencia da mundialización neoliberal ao través tanto dos Acordos co FMI (Fondo Monetario Internacional) e a OMC (Organización Mundial do Comercio) como do Tratado de Libre Comercio con Estados Unidos. Eses procesos terán importantes consecuencias económicas, comerciais e financeiras (1). Se o acordo co FMI comporta a adopción dos famosos Programas de Axuste Estrutural (PAE), os acordos coa OMC e o TLC traerán fundamentalmente a liberalización dos intercambios comerciais, especialmente co seu poderoso veciño do norte.

O do FMI comportaría entre outras medidas unha devaluación interna, provocando un incremento do déficit, e xa que logo, da débeda pública, ao tempo que se disparan aínda máis as desigualdades e os índices de pobreza. Os acordos coa OMC e o TLC impuxeron a liberalización do comercio exterior mediante a drástica reducción dos aranceis, favorecendo unha entrada masiva de alimentos importados do poderoso veciño de Norte, unha caída no prezo do principal produto exportado (o café), e un deterioro da balanza de pagos co conseguinte crecemento da débeda externa. Ese incremento da importación provocaría á súa vez a ruina de numerosas familias campesinas por mor da caída da produción interna. Os traballadores da industria viron caer os seus salarios e medrar o desemprego, a desigualdade e a pobreza. Colombia perdera moita da súa soberania económica e do control tanto da súa política fiscal como monetaria.

Na actualidade, ademais da violencia sistémica, Colombia agocha os mesmos problemas que a maioría de paises de Latinoamérica, que pasa por ser a rexión do mundo con maiores niveis de desigualdade. Con caídas significativas no IDH (Indice de Desenvolvemento  Humán), Colombia está entre os países latinoamericanos peor cubicados, con graves problemas na alimentación, o ensino e o emprego. Segundo as estadísticas máis fiables, o nivel actual de pobreza móvese entre o 45 e o 50% da poboación, pero é máis acentuada nas zonas rurais, onde arredor do 17% da poboación vive na pobreza máis absoluta. A tasa de mortalidade infantil móvese en torno ao 14,7 por mil nacementos, e a esperanza media de vida está nos 78 anos, que resulta moi alta para Latinoamérica grazas especialmente a que o sistema sanitario colombiano pasa por ser un dos mellores da rexión, o que ten un maior nivel de cobertura. A taxa de escolarización en secundaria está nun 46%: Colombia ocupa o lugar 59 entre as 72 nacións do informe PISA. Polo demais, o emprego segue sendo un dos graves problemas, pois só o 45% da poboación activa está ocupada (o 33% dos/as mozos/as nin estuda nin traballa).

Seguramente o aspecto máis destacable de Colombia sexa a enorme desigualdade que hai entre unhas rexións e outras. Así, segundo o Índice de Desenvolvemento Rexional de América Latina Colombia é o país de Latinoamérica máis desigual a nivel territorial, xa que as rexións do Suroeste e da Amazonía seguen afundidas na pobreza e o acceso aos servizos básicos como a saúde e o ensino non está garantido.


(1) Para unha maior información sobre o impacto de este tipo de acordos sobre os países do Sur recomendo a lectura de La bolsa o la vida. Las finanzas contra los pueblos, de Eric Touissant (Editorial Gakoa) e Pongamos a la OMC en su sitio, de Susan George (Icaria Editorial).

 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]