Sábado 22, Febreiro 2020
Home Destacadas COALICIÓN ALÍ, COALICIÓN AQUÍ

COALICIÓN ALÍ, COALICIÓN AQUÍ

por Antón Baamonde

Ben está o que ben acaba, e finalmente, despois da estúpida convocatoria electoral última, España inaugura un goberno de coalición. Dende a Sagrada Transición ata hoxe tal cousa non sucedera xamais. E miren por onde os deputados galegos, se queren, poden ter algo que dicir, dados os equilibrios resultantes. O do BNG, pero non só. Aos do PSOE e Galicia en Común tamén se lles poderá ver, se queren deixarse ver. Antes a fórmula usual foi a da alternancia dos dous partidos maioritarios, quendistas no exercicio do poder que, pola súa vez, pactaban con CiU&PNV, que eran o verdadeiro partido bisagra español. Eran os anos en que o ABC decretaba a Pujol “Español del año”. Fai como dous milenios disto.  

Pero despois pasou o que pasou. A acción combinada do estoupido da burbulla financeira e inmobiliaria en 2007, e a posta en causa do Estatut de 2004 polo TC en 2010, como consecuencia dun recurso do PP, puxeron en crise, segundo é criterio xeral, o así chamado “Réxime do 78”. Abdicou o anterior rei e transformouse o sistema de partidos, pero o seu efecto máis terrible foi o clima de descrédito non só das institucións, en especial o sistema xudicial, senón da propia democracia. 

A ruptura da alianza entre sistema democrático e mellora das condicións de vida, puxo as bases da desconfianza na acción política. Ver o Estado axudar sen pudor os de enriba restar indiferente á sorte dos de abaixo, non facilita o consenso social e político. O medre da desigualdade aparece cada vez máis como un fenómeno da natureza. A cidade reflicte moi ben ese aspectoCada vez máis as clases están territorializadas. Cada vez hai máis moral de gueto.  

A débil conciencia democráticao escaso peso do liberalismo de verdade en España, incluíndo Galicia, determinou as actitudes en relación ao conflito catalán. En realidade, o detonante non foi a posición das institucións catalás, por máis raro que pareza, visto dende a enrarecida atmosfera destes anosO dos cataláns foi unha teatralización, case me atrevo a dicir, inocua. E que esperaseoutra reacción do Estado case resulta conmovedor. Foi o PP, pero non só o PP, quen embarcado na aventura de reler a Constitución ao seu gusto e con malas artes, apoiándose no seu control de institucións básicas –o TC, o CGPJ, o TS, a JEC, intentou malbaratar a decisión democrática. 

O Estatut fora aprobado polo Parlament de Catalunya e polo Parlamento español e sancionado, a través dun referendo, polo pobo de Cataluña. Só o uso espurio do TC para deixar sen substancia o autogoberno pode explicar a fase histérica da historia española na que estamos. O soño das tres dereitas é reducir a Generalitat e a Xunta a negociados burocráticos que se limiten a aplicar as directrices superiores sen fungar (a Xunta xa o é por soberana decisión do pobo galego). É un avatar máis do centralismo de sempre, que é anti-español, ou, para dicilo doutra maneira, que só admite como lexítima a forma de selo que decidan os de sempre, onde sempre. 

Pero España non é así. O novo goberno foi votado, mal que lles pese, por españois, que o son todos, incluídos os votantes de ERC e JuntsXCat. E os nacionalistas tamén teñen dereito a expresar as súas demandas. Figúranse as dereitas que non son españois “auténticos”. Pero da mentalidade autoritaria, iliberal, carpetovetónica e de partidos quendistas tamén pode curarse un. Leo en “La forja de un líder”, libro dedicado á figura de Casares Quiroga, este discurso de Suarez Picallo: “Fálase como dun tópico fatigoso e molesto do caciquismo, e eu asegúrovos que o caciquismo vai aos partidos quendistas, ao que está no poder ou ao que vai a estalo”. 

O novo goberno terá que facer o que había que facer grazas a que o resultado das eleccións obriga a facelo. Se non fose por ese resultado, quen sabe onde andariamos agora. Hoxe ningún partido é de vangarda, todos se limitan a recoller demandas que están en suspensión na atmosfera social. O programa de goberno de Podemos e PSOE ten certo contido socialdemócrata porque non pode non telo. Pero xa veremos ata onde poderá… Polo mesmo motivo ha de reducir presión e reconducir o conflito catalán a un novo pacto constitucional que garanta calma para un par de décadas, e deixe no seu lugar o irredentismo dos dous lados. Esperemos que o faga ben, por estreitas que sexan as marxes. Aí é onde se xoga a súa continuidade. 

Os gobernos de coalición esixen, a diferenza dos programas electorais, ser moi elaborados e matizados. Cando hai que poñer de acordo dous ou máis partidos, esa é a base sen a que non pode realizarse unha acción de goberno eficaz. Menos se a práctica totalidade dos medios están na túa contra. Este é o caso de Galicia. O novo goberno, e as esperanzas que saiba erguer, facilitan o camiño para derrotar a Feijóo. Pero, no caso de que tal cousa suceda, quen o vai a facer é un sumatorio de tres forzas, unha réplica do goberno central: PSOE, Galicia en Común, BNG. Coalición alí, coalición aquí. 

Contra o que esa posibilidade ten que combater é, en primeiro lugar, contra o escepticismo dos propios votantes. A experiencia fai que moita xente (e non estou pensando nos articulistas da Voz, que valor xa se lles supón) xulgue que ese experimento vai derivar no caos e na trapallada. É un sentimento coriáceo, moi estendido e que ten moitas razóns da súa banda. Ninguén pode enganarse sobre o pouco entusiasmo que nestes momentos se detecta sobre un posible cambio de goberno. Non hai fe en que suceda e menos aínda en que sexa bo, convincente. O pesimismo é absoluto. 

Precisamente porque é así, as prioridades de quen se sinta chamado a construír esa alternativa son estas: a) Un programa de goberno serio e rigoroso; b) Unha selección de cargos con cualificación para desempeñar as súas areas; c) un goberno onde se mesturen membros de diferentes opcións  nas distintas áreas, para que calquera diferenza non mute nun conflito político inmanexable. Son prioridades obvias que non poucos líderes políticos queren obviar. Pido este desexo: que, por unha vez, non metan a pata.  

O resultado das eleccións últimas, tanto das municipais, como das sucesivas convocatorias ao Congreso e ao Senado suxiren que o PP pode perder as eleccións galegas. Iso pode suceder mesmo sen que a oposición mereza gañar, de modo digamos burocrático, sen que a ninguén o corazón lle palpite con máis forza. Pero non estaría de máis que PSOE, Galicia en Común, ou BNG fixeran, aínda que só fóra un pequeno esforzo por introducir unha miga, pequeniña, pequeniña, de ilusión.  

_______________                      

 

Novidades