Domingo 28, Novembro 2021
HomeOutrosCLARA CORBELHE, UN NOVO COLECTIVO PARA O DEBATE

CLARA CORBELHE, UN NOVO COLECTIVO PARA O DEBATE

texto Colectivo Clara Corbelhe

Clara Corbelhe foi unha muller galega que viviu a finais do século XIX. Aparece nomeada na tese doutoral do antropólogo José María Cardesín (1990) como unha «caseteira» da Terra Chá, isto é, unha muller que por ter ficado preñada fóra do matrimonio, houbo de vivir de xeito apartado á sociedade, nun caseto, como se dicía. As caseteiras eran iso: grupos familiares conformados por mulleres solteiras e as súas crianzas, que moraban en espazos relativamente separados da comunidade mais que, ao mesmo tempo, eran necesarias para esta. Pairaban por riba delas, por tanto, os discursos da deshonra, a violencia sexual ou a pobreza, mais tamén os da autonomía e a emancipación.

Clara Corbelhe é tamén o imaxinario desde o que queremos urdir un espazo novo para a produción crítica galega. A palabra «espazo» é importante para nós. Anuncia, por unha banda, un proxecto áxil e multivalente, que nos permita incidir en varios planos desde unha tese soberanista: o da socialización do coñecemento, o pensamento crítico, a investigación, a formación política, a acción transformadora. Por outra, representa a vontade de forxar (e mesmo demarcar) un espazo novo na esfera pública galega. As características de tal espazo iranse percibindo co tempo, agardamos, mais nós propoñemos desde xa guiarnos polos seguintes principios: a crítica ao poder e a institución, a escoita, a interrogación –desde o arquivo– do noso desposuimento cultural, material, simbólico, a renovación teórico-práctica das teses e estudos emancipadores galegos. Achamos que é importante reforzar os nosos ámbitos de pensamento e acción, pois a ofensiva histórica que tenta enfraquecernos como pobo adopta facetas cada vez máis abranguentes e complexas.

Por que xorde Clara Corbelhe?

A aparición do espazo responde a unha percepción compartida sobre o estado das esferas política e intelectual na Galiza de hoxe. Por unha banda, entendiamos que os marcos teóricos cos cales se segue a artellar a praxe política no país se atopan nun certo estado de anquilosamento, constituídos por inercias varias e respostas xa coñecidas a preguntas perennemente formuladas. Mais, por outra banda, observabamos que a inmensa masa intelectual crítica da cal goza o país hoxe en día, dentro e fora da academia así como na diáspora, figuraba desartellada e escasamente comunicada, forzada as máis das veces a verter as súas investigacións ben nos estancos e reducidos compartimentos do mundo académico, ben en espazos militantes escasamente imbricados entre si. Entendemos que a transformación do país require de novas ferramentas teóricas que dean conta das mudas que teñen acontecido ao longo das últimas décadas e as cales non teñen sido debidamente rexistradas polos marcos interpretativos dominantes. Con tal motivo, erguemos este espazo coa intención de se converter nun punto de encontro para as diferentes comunidades do soberanismo galego, un lugar desde o cal dialogar e discutir análises desde a fraternidade política e a radicalidade intelectual.

O Espaço Clara Corbelhe xorde, pois, coa intención de establecer unha ponte entre ambos mundos, isto é, contribuír á conformación dunha esfera intelectual na cal a radicalidade académica e a radicalidade política, malia teren unha historia chea de desencontros, podan confluír con vista á transformación do país nunha liña emancipatoria.

Que actividades vai desenvolver? 

O Espaço Clara Corbelhe busca situarse no cruzamento entre a produción teórico-crítica e a intervención social, e entre o traballo intelectual e a experimentación política práctica. Neste sentido, o noso obxectivo é desenvolver actividades focadas na reflexión, no estudo e na investigación desatendidas por outras instancias e en chave galega.

Para iso, poremos en andamento diversos formatos: publicacións, seminarios, conferencias ou programas de estudos, tanto organizadas polo propio espazo como en parcería con outras entidades. No entanto, aquilo que para nós é crucial, non é tanto xerar debates sobre determinadas áreas ou disciplinas que entendamos estratéxicas, senón alentar a creación dunha comunidade crítica arredor do exercicio da lectura, da escritura e da produción de nocións, categorías e horizontes con vocación de transformación social

Neste obxectivo, a nosa primeira iniciativa é o lanzamento dunha revista de teoría crítica que se publicará anualmente sobre un tema monográfico. Trátase dunha revista de base científica, pero dirixida a un público máis xeral. Conta con un Consello de Redacción que comisiona os artigos, edita os conteúdos e procura autoras e voces novas, auxiliada por un Consello Editorial formado por estudosas nos ámbitos da historia, as ciencias sociais e políticas, os estudos culturais ou a antropoloxía. O primeiro número sairá do prelo no mes de decembro co titulo “Poder e colonialidades: Espanha na Galiza de hoje”. Para alén da revista, na nosa web (www.claracorbelhe.gal) publicaranse con periodicidade quincenal artigos de análise e opinión enmarcados nas liñas de estudo definidas polo Consello de Redacción.

Así mesmo, podemos adiantar que nos próximos meses deseñaremos un completo programa de actividades de presentación do proxecto, que terá como ramo a celebración dun congreso anual onde se dará continuidade ás temáticas abertas co primeiro número monográfico da revista.

Que relación terá Clara Corbelhe con outros actores?

Unha das reflexións que nos fixo converxer como grupo foi a de percibir que a esfera pública galega, e en particular a xerada polo galeguismo, opera a través de comunidades de sentido estancas. Entre os efectos desta dinámica están o anquilosamento e a repetición nos discursos, factores que minguan a capacidade de xerar dialéctica en clave transformadora. A nosa diagnose é que esta dinámica está moi relacionada co poder autonómico na Galiza e as súas institucións. Trátase dun poder que, ao tempo que produce e permite certa resistencia, non deixa de danar. Dana a nosa lingua e xeitos de vida tradicionais, que esmorecen; dana a nosa propia capacidade organizativa, atomizándonos; dana a nosa capacidade de análise, perpetuando debates dóciles, superficiais e elitistas. Nós consideramos que para facer fronte ás diversas facianas deste poder fai falta unha diversificación dos diversos actores críticos na Galiza. Consideramos tamén que temos recursos intelectuais abondos para facer isto, se temos en consideración varias xeracións de investigadoras formadas no país ou na diáspora con coñecementos e voces ás que non nos podemos permitir renunciar.

O Espaço Clara Corbelhe nace como un proxecto independente con vocación de encontro e debate, mais que non fuxirá de formas de polémica dura. Imos procurar que a nosa independencia se traduza en contidos robustos e ben argumentados, que abran debate no canto de clausuralo. Á nosa nómina de autoras pedirémoslles rigor, complexidade e afouteza.


 

Novidades