Sábado 3, Xuño 2023
HomeCultura O último de Álex de la Iglesia

[CINEMA] O último de Álex de la Iglesia

CINEMA
El cuarto pasajero
Dirixida por Álex de la Iglesia
Guión: Jorge Guerricaechevarría e Álex de la Iglesia
Reparto: Alberto San Juan, Blanca Suárez, Ernesto Alterio, Rubén Cortada, Carlos Areces, Enrique Villén, Jaime Ordóñez, Gorka Aguinagalde, Carolo Ruiz, María Jesús Hoyos, Josep Maria Riera
España, 2022

 

por Xan Daniel García Rodríguez

Lorena e Julián viaxan tódolos fins de semana de Bilbo a Madrid, e viceversa. En concreto, o soporte argumental do filme “El cuarto pasajero” é una destas viaxes, na que Lorena e Julián non van sós no coche, senón acompañados de dúas persoas máis (como, por outra parte, sucede tódolos fins de semana). Nesta ocasión, nesta concreta viaxe, os “acompañantes” son amentados como Rodrigo e Sergio. O hábito de se faceren acompañar por sucesivas persoas alleas, previo contacto por vía de redes sociais, explícase pola utilización comercial que do uso desas dúas prazas do seu vehículo, fai Julián, motivado, segundo el mesmo afirma, polas dificultades económicas nas que ficaba, por mor do seu divorcio. Outra cousa é o carácter absolutamente non crematístico e gratuito ó que obedece  a presencia fixa de Lorena no coche, en cada unha destas viaxes.

Esta será unha viaxe especial, pois a presencia dos “otros dous”, Rodrigo e Sergio, servirá decisivamente para desenmascarar a auténtica materia de fondo do filme: ¿Qué hai verdadeiramente entre Lorena e Julián? ¿Qué sinten o un polo outro? ¿Son simplemente amigos ou as súas emocións e sentimentos responden a un distinto tipo de relación que trascende á simple amizade?. Todas estas cuestións resolveranse ó final da película (como tamén o concerninte a saber quen son verdadeiramente Julián e Lorena na faciana humana… e varios asuntos máis).

No que atinxe a cacacterización do filme, compre facer una distinción: externamente sería unha comedia de acción, aínda que a súa caracterización interna sexa de comedia de amor. En todo caso non semella existir dúbida ninguna no sentido de atopármonos diante dunha película descritiva (ou, alomenos, moito máis descritiva que reflexiva). Neste senso, o ámbito descritivo abrangue  toda caste de parámetros, anque poderíamos fixarnos, con especial interese, nalgúns aspectos, como son : os ritmos da propia acción do filme, as relación entre as personaxes  (especialmente entre Lorena e Julián), o grao de violencia en cada momento, e mesmo en cada intre (non deixa de ser un filme de Alex de la Iglesia, e, por tanto, non é un “mar de tranquilidade”).

É suliñable que as transicións entre os diversos momentos da película non se producen de xeito tranquilo, e nin sequera pacífico. Pola contra, podemos dicir de xeito gráfico, que estamos perante un filme de golpes e a golpes. Concordemente, o argumento non transcorre en base a procesos graduais, senón mediante sucesos traumáticos e bruscos… e constantes “complicacións” e problemas para as personaxes. Este modus operandi na trama complica bastante facer a crítica cinematográfica da película (ás veces, cando o crítico enfoca este filme, semella que estiver fronte a un feixe ou una manchea de películas no canto dun único filme; e isto, polo fraccionamento que no argumento e no guión producen os sucesivos e traumáticos “golpes”). Alén disto, una consecuencia lóxica e evidente é que os “tempos” do filme son, e están, moi marcados, mesmo no que atinxe ós escenarios.

Tamén é particularmente salientable (incluso singular) o ronsel de acontecementos que inciden no ritmo da película; toda esa serie de golpes que producen o devandito fraccionamento. Deste xeito, dende o inicial “tempo-de-paz” e harmonía entre os dous “tortolitos”-ainda-non-revelados, que son Lorena e Julián, o ambiente no interior do coche modifícase (e deteriórase) substancialmente coa chegada dos dous pasaxeiros non habituais (carácter difícil , caprichoso e dominante de Rodrigo, tensión-tensión-tensión en Julián, coqueteos e flirts entre Lorena e Sergio que non deixaran, en absoluto, indiferente a Julián). Despois disto, non serán xa convulsións nos estados de ánimo, senón auténticos “sinistros” ou malos modos, o que se rexistre ó redor dos catro pasaxeiros do vehículo. Xa que logo, asisteremos sucesivamnte a una escandalosa pelexa a puñazos e labazadas  cos clientes dunha gasolineira,  a un primeiro accidente de tráfico no que se verán implicados os protagonistas, ó abandono de Rodrigo na autoestrada polos seus “compañeiros”, ós tensos acontecementos ocorridos nun hotel de campo por mor dos cales agromarán os celos de Julián e a máxima distancia emocional en toda a película entre este e Lorena, a fuxida da guardia civil (máis ben as “fuxidas”, en plural), ó segundo accidente… é, de este xeito, “golpe a golpe”, ata chegaren a Madrid.

Chama a atención una cuestión que non é totalmente nova neste director: o papel que desempeña a Guardia Civil (que quizáis no imaxinario de Alex de la Iglesia signifique o “poder”, ou simplemente a instancia limitadora dos dereitos ciudadáns). Canto á actitude  do director do filme ó respecto deste corpo (que segundo entendemos se extende, en xeral, a todas as forzas de orde pública). semella fluctuar entre seren os membros destes corpos obxecto de crítica polo seu rigorismo (vid. episodio dos triángulos e chaleques), e tamén certo tratamento satírico e incluso humorístico. De todos os xeitos, detéctase unha especie de fascinación no ámbito estético: pensemos na placticidade dos motoristas da Guardia Civil conducindo “a contra-man” por una vía rápida, na pescuda dos “fuxidos” que se agacharan entre os coches mergullados nun atoamento de tráfico.

Para concluir, podemos facer alusión a como está presente Alex de la Iglesia nesta obra, como é patente a súa pegada en “El cuarto pasajero”. Detectamos o xogo da noción do “oculto”: en definitiva , adiar a revelación das incógnitas  que se van desenmascarando ó longo do filme (e que é unha pegada da presencia de Alex de la Iglesia).

Posiblemente este filme non é tan bo como outros de Alex de la Iglesia. Porén, cómpre dicir que o encorsetamento por vía argumental que supón o claustrofóbico marco espacial dun coche ateigado de persoas, non semella ser o máis axeitado para as características deste director.

Do mesmo xeito, haberá tamén quen di que estamos diante dun Alex de la Iglesia que non é o de sempre, que é distinto. No rexistro estético, malia que a cidade-protagonista é Bilbo, sería difícil negar a presencia do habitual Alex de la Iglesia, se ollamos a secuencia na que dende o lugar onde está o coche, chegamos a ver o “sky-line” dos rañaceos de Madrid (como en O día de la Bestia). Así e todo, coido que, se ben abandonando materias como o ocultismo, as sectas ou a parasicoloxía, son claramente palpablen en “El cuarto pasajero” as trazas tradicionais neste director, como a da violencia, que é omnipresente neste filme.

Alex de la Iglesia tamén teima, ainda que, dun novo xeito, na noción de APOCALIPSE, anque non sexa no sentido ontolóxico e cosmolóxico do Fin do Mundo. A apocalipse radica, en “El Cuarto Pasajero”, na falta de harmonía que pode chegar a prevalecer, en determinadas circunstancias e momentos, na esfera das relacións humanas (sería, máis ben, una apocalipse sociolóxica e afectiva, e un tanto irrisoria).