Xoves 28, Outubro 2021
HomeOutrosCHILE (II): OS PROGRAMAS DE AXUSTE ESTRUTURAL

CHILE (II): OS PROGRAMAS DE AXUSTE ESTRUTURAL

por Manoel Barbeitos

Remataba o artigo anterior sinalando que a ditadura militar chilena (1973/90) “implantou a nivel económico un modelo (“Escola de Chicago”) que sería a antesala do neoliberalismo quen coñecería a súa explosión internacional durante os mandatos de Ronald Reagan (1981-1989) e Margaret Thatcher (1975-1990)”. Unha ditadura que formaría parte do proceso de militarización -golpes de estado encabezados por militares- que Latinoamérica viviu durante as décadas de 1960 e 1970, e que tiveron como adianto a Brasil (1964), Bolivia (1971), Uruguay e Chile (1973) e Arxentina (1976).

Aplicado inicialmente e a gran escala ese capitalismo liberal nos estados do Sur, para logo estenderse urbi et orbi, adoptaría o formato dun grande receitario de medidas que teñen como obxectivo central someter a estes países aos intereses dos grandes capitais, e moi en especial da grande banca e as grandes multinacionais, situados no norte . Un conxunto de medidas agrupadas en torno ao que se chamarían Programas de Axuste Estrutural que serían postos en marcha polo FMI (Fondo Monetario Internacional) e BM (Banco Mundial), que aproveitarían a situación de debilidade financeira da maioría dos países do Sur para impoñerlle estas medidas.

Chile sería, xa que logo, un dos estados pioneiros na imposición destas medidas que, como era o caso, precisan de gobernos fortes para a súa aplicación, dado o enorme impacto negativo que teñen sobre as clases populares. Ditadura e programa de axuste estrutural camiñaron da man e durante décadas nos estados do sur. Agora veremos algunhas das razóns deste matrimonio ben avenido que tivo como casamenteiros aos citados FMI e o BM.

A implantación destes programas benefíciase da condición de debedores dos países intervidos. Países que, vítimas do intercambio desigual, importan máis do que exportan, polo que precisan de axuda financeira. Aí é cando entran en acción o FMI e o BM como prestatarios.

Estes países para seguir comprando (importando) precisan que lles presten. Tamén precisan de axuda financeira para pagar as débedas acumuladas. Están, xa que logo, nunha situación internacional de enorme debilidade. Conxuntura que aproveitan o FMI e o BM para impoñer as súas condicións e conceder os préstamos. Unhas condicións que teñen como horizonte garantirlle aos acreedores internacionais -que son maiormente os bancos do Norte- o pago das débedas por estes países.

As reformas esixidas polos prestamistas

Para a concesión dos préstamos que precisan os países endebedados, estes organismos internacionais (FMI, OM) esixen a aplicación dunha serie de medidas de política macroeconómica liberal que poñen o acento no axuste fiscal, a liberalización comercial e financeira, a desregulación laboral e a privatización de activos públicos.

Coa xustificación de atallar os déficits, os prestamistas esíxenlles aos países intervidos un sumarísimo plan de austeridade no gasto público (transferencias, investimentos, persoal…). Trátase como se pode comprender facilmente de retraer recursos públicos, con especial atención aos que se dedicaban a gasto social (sanidade, ensino….), para destinalo ao pago da débeda. Dentro do gasto social as institucións prestamistas poñen especial atención no que se destinaba tanto ao pago das pensións como a axudas aos máis pobres. No caso das pensións tentan que se substitúa o sistema público polo de capitalización que a gran banca controla.

O afán liberalizador afectará tanto ao comercio internacional, con supresión de aranceis e calquera outra medida proteccionista, como ao comercio interior, eliminando neste caso os subsidios e outras medidas de control dos prezos. A xustificación é a de favorecer a competitividade. Co gallo de impulsar as exportacións e reducir así o déficit comercial, imponse unha devaluación do tipo de cambio, eliminando calquera control sobre o mesmo. Unha liberalización que, por suposto, afecta tamén ao sistema bancario, para así facilitar a entrada no país do capital e a banca internacionais.

A nivel laboral, novamente en aras de favorecer a competitividade, esíxeselles aos países intervidos e eliminación de calquera forma de rixidez laboral, de tal maneira que impida a mobilidade ou dificulte o despido. Na mesma liña impoñen o debilitamento do movemento sindical para así eliminar a negociación colectiva, facilitar a rebaixa salarial e proceder a supresión de medidas de apoio aos desempregados.

Finalmente, e seguindo na liña de reducir o gasto público, imponse a privatización de activos públicos, incluso de empresas publicas que teñen beneficios.

Os efectos dos Programas de Axuste Estrutural

 A aplicación das medidas citadas ten efectos inmediatos, especialmente sobre o benestar dos cidadáns con rendas medias e baixas, pero sen que se recuperen as economías. Sen que tampouco diminúan as débedas, que se disparan. Chile non foi unha excepción, pois se en 1.970 a débeda externa era de 3.000 millóns de dólares, alcanzaría a cifra de 12.000 millóns en 1980 e de 38.000 millóns no ano 2000.

Aínda que no artigo anterior  xa daba detalles do impacto provocado por estas políticas, resulta oportuno volver a incidir nos máis relevantes. En primeiro lugar, unha moi forte caída dos salarios reais provocada polo efecto múltiple da precariedade laboral, a supresión da negociación colectiva e a suba dos prezos nos produtos máis básicos que se deriva tanto da eliminación dos subsidios básicos como da liberalización comercial e da suba dos impostos indirectos, como o IVE. Prodúcese tamén un crecemento exponencial do desemprego por mor tanto dos despidos no sector público como pola caída do investimento público que arrastrará consigo ao privado.

A caída do consumo interno, a suba no prezo dos combustibles e a liberalización comercial que facilita a entrada do capital internacional provocan unha moi forte caída produción interna, que afecta fundamentalmente as empresas de tamaño medo e pequeno que en Latinoamérica e, xa que logo, en Chile eran maioritarias.

A liberalización do sistema bancario provoca unha perda de control por parte dos gobernos nacionais da política monetaria, que pasa a ser dirixida polos organismos financeiros internacionais (FMI) que impoñen unha fortes subas das taxas de xuro, coa xustificación de evitar que se dispare a inflación, pero que funde o crédito e dispara os prezos internos. Esta perda de control da política monetaria e bancaria facilita que medren a fraude fiscal e o diñeiro negro.

Como sinalaba anteriormente, os muñidores destes programa poñen o foco no sistema público de pensións. Por caso, en Chile, que pasou a ser unha experiencia piloto (falida) no sistema de capitalización. O efecto conxunto da caída dos salarios reais, o crecemento do desemprego, a rebaixa nas pensións, e o deterioro das modestas funcións de benestar fai que se dispare a pobreza e a exclusión social, que reaparezan doenzas que se pensaban superadas e medre o índice de mortalidade especialmente entre os/as cativos/as e as mulleres embarazadas. No caso de Chile, estas mortes ademais de por razóns de falta de atención sanitaria, tamén se produciron por efecto da violencia institucional (torturas): “a morte de nenos ao longo do país foi moi numerosa en toda a ditadura. Algúns foron asasinados de forma premeditada e outros por estar no lugar incorrecto á hora incorrecta, é dicir, as súas mortes foron produto do sistema” (“As pequenas vítimas de Pinochet”. Tesis de Pregado de Martina Natalia Venegas Grifferos).

Como colofón subliñar que a adopción dos Plan de Axuste Estrutural supón unha total perda de soberanía por parte dos países intervidos que perden o control, por caso, das políticas fiscal, monetaria e comercial.


 

Novidades