Martes 15, Xuño 2021
HomeOutrosCHILE (I): O EXTERMINIO DO INIMIGO INTERIOR

CHILE (I): O EXTERMINIO DO INIMIGO INTERIOR

por Manoel Barbeitos

A derrota de Pinochet no plebiscito de 1988, que o ditador convocara buscando prorrogar o seu mandato, marcaría o inicio do retorno á democracia en Chile. Esa transición tivo a súa confirmación definitiva nas eleccións presidencias de 1990, que levarían a Patricio Alwin, que se presentou á fronte dunha candidatura de amplo espectro,á Presidencia da República. Quedaban así atrás practicamente dúas décadas escritas con sangue na historia de Chile.

Analizar o balance social e económico de Chile durante os mandatos de Pinochet  (1973-1990) é meterse nun escenario de terror e horror provocado pola actuación dunha ditadura terriblemente cruel -como se houbera ditaduras que non o foran-, cuxo obxectivo central foi “o exterminio do inimigo interior” que viña a ser o pobo chileno. Segundo a Comisión Nacional da Verdade e a Reconciliación, organismo oficial creado para poñer ao descoberto as graves violacións de dereitos humanos cometidas pola ditadura pinochetista, un total de 28.500 chilenos/as foron vítimas de torturas, 2.125 foron asasinados/as e 1.100 déronse por desaparecidos. Súmense a estas cifras 200.000 chilenos/as que fuxiron ao exilio para evitar seren asasinados ou torturados. Para mellor valorar o magnicidio, pensen que con toda seguridade as cifras reais foron superiores, e que Chile conta cunha poboación de algo menos de 19 millóns de habitantes.

Se o exército foi o brazo executor deste magnicidio, o cerebro tanto da planificación do golpe militar como das posteriores accións da ditadura foino o Departamento de Estado dos Estados Unidos -equivalente ao Ministerio de Asuntos Exteriores-, que se propuxo “escarmentar” a todos aqueles gobernos e políticos latinoamericanos que tiveran previsto cuestionar o seu dominio na rexión: “O éxito dun goberno marxista elixido polo pobo pode constituír un claro exemplo, e incluso un precedente para outras partes do mundo” (Henry Kissinger, Secretario de Estado por esas épocas). Un dominio para o que contaron coa complicidade tanto das oligarquías locais como da maioría dos medios de comunicación e opinión que lles eran afíns.

A ditadura chilena actuou como cobertura e sostén de políticas económicas neoliberais que apoiadas na liberalización, a desregulación e a privatización, dispararon as desigualdades e a pobreza  entre as clases populares, ao tempo que favoreceron a perda de soberanía pola entrega dos principais resortes da economía chilena ao capital multinacional maioritariamente estadounidense. Políticas que  serían trazadas polos organismos financeiros internacionais (FMI. BM. OMC) e que adoptarían un formato (Plans de Axuste Estrutural) que serviría de experiencia para a súa posterior imposición nos estados do Sur.

O “milagre” con que os defensores do neoliberalismo cualificaron a ditadura chilena por algúns resultados macroeconómicos positivos, intentando así xustificar as políticas neoliberais, comportou en realidade un notable empobrecemento económico do país -unha caída da produción que chegaría ao 12% e coas débedas privada (25 ao 64% do PIB) e externa (36,4% ao 74,4% cun pico do 185,5%) disparadas-, e tamén o empobrecemento da maioría da poboación. En relación con isto último: unha caída do valor dos salarios ata un 40%, do SMI ata un 30% do SMI e o 9% das pensións públicas que provocan que o consumo das familias sexa un 23% inferior-. Ademais, multiplícase por tres o desemprego, que pasa 4,3 ao 12,7% -manténdose en todo este período por riba dos dous díxitos-, e a pobreza chega a afectar ao 40% da poboación -téñase en conta que durante a ditadura desaparece o seguro por desemprego-.

A redución do gasto público (20 puntos) e a liberalización e privatización dos servizos e funcións de benestar (ensino, sanidade, pensións) arrastran tamén consigo unha caída do investimento privado (do 20 ao 16% do PIB), sen poder evitar que se dispare a débeda pública (43,4%) a pesar dos axustes fiscais. As desigualdades acadan os niveis máis elevados: as catro familias máis ricas de Chile chegarán a acumular unha riqueza equivalente ao 20% do PIB.

Para definir o modelo chileno da ditadura resulta moi axeitada a cualificación de Manuel Castells sinalando que “o modelo de desenvolvemento chileno se caracterizou, a partir de 1973, por ser liberal no económico, autoritario no político e excluínte no social“. Para a historia, o réxime pinochetista será coñecido como un réxime de terror que apoiou o seu dominio na represión e a coerción. Velaí as cifras de vítimas citadas ao principio, e a implantación a nivel económico dun modelo (“Escola de Chicago”) que sería a antesala do neoliberalismo, que coñecería a súa explosión internacional durante os mandatos de Ronald Reagan (1981-1989) e Margaret Thatcher (1975-1990).

A ditadura chilena tamén formaría parte do proceso de militarización -golpes de estado encabezados por militares- que Latinoamérica viviu durante as décadas de 1960 e 1970, e que tiveron como adianto a Brasil (1964), Bolivia (1971), Uruguay e Chile (1973), ademais de Arxentina (1976).


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]