Domingo 19, Setembro 2021
HomeOutrosCHILE (e III): ABRÍRONSE POR FIN AS GRANDES ALAMEDAS

CHILE (e III): ABRÍRONSE POR FIN AS GRANDES ALAMEDAS

por Manoel Barbeitos

Dende que Patricio Alwyn, candidato da Concertación, asumira a presidencia (11 de marzo de 1990) á actualidade en que Sebastián Piñera, empresario chileno, ocupa o cargo (11 de marzo 2018), Chile coñeceu importantes cambios tanto a nivel político, como económico e social. Cambios que se enmarcan nunha longa e difícil transición dende unha criminal ditadura a unha democracia xa claramente consolidada aínda que a sombra dos militares chilenos segue sendo moi alargada. Cambios que a nivel externo supuxeron unha reincorporación de Chile a escena internacional e que a nivel interno trouxeron importantes novidades en materia económica e social que, a pesar diso non foron quen de eliminar as grandes diferencias e desigualdades creadas pola ditadura militar.

Unha transición a democracia tutelada

A transición a democracia en Chile tivo un percorrido moi difícil, cheo de dificultades. Arrancaría cun goberno (P. Alwyn) tutelado (a xefatura do exercito seguía en mans de A. Pinochet, quen ademais nomeaba a un número relevante de senadores). As dereitas chilenas, a democracia cristiá, serían quen levarían inicialmente o timón gobernamental (P. Alwyn, E. Frei,) que máis tarde (1999) cederían á socialdemocracia (Lagos, Bachellet). Un suceso externo (a detención de Pinochet en Londres: 1998) vería a favorecer a transición á democracia ao debilitar aos sectores máis reaccionarios e partidarios da anterior ditadura e abrir fisuras nun exército que se mantivera monolítico durante décadas. Estes cambios a unha maior democratización do exército, o procesamento xudicial de Pinochet e unhas reformas constitucionais importantes levadas a cabo polo goberno de Lagos marcaron (2005) o que sería o final da transición e o inicio dunha democracia consolidada.

A nivel económico o empuxe derivado dunha política fiscal máis expansiva e unha melloría no comercio exterior (alzas no prezo de cobre e no dos produtos agrícolas) favoreceron políticas que posibilitaron o crecemento económico e algúns avances na erradicación da pobreza. Crecemento que sería bruscamente freado polo forte impacto que en Chile provocaría a crise financeira dos tigres asiáticos (1997). A economía chilena caería nunha crise que se prolongaría en demasía (2003) e que so se superaría coa recuperación do comercio exterior. Axudaría o forte impulso que recibiron as infraestruturas viarias por parte da administración pública.

Recuperación da democracia perdida

Coa elección de Michelle Bachelet (2006) como presidenta da república, mandato que repetiría posteriormente, pódese afirmar que Chile se incorporaba definitivamente á democracia. Unha democracia non libre de crises políticas provocadas unhas polas batallas partidistas (moi fortes na democracia cristiá) e outras polas crecentes diferencias internas entre os partidos que apoiaban ao goberno de concertación. Diferencias que levaron a divisións, especialmente nas esquerdas, e que facilitaron o trunfo (2010) do candidato das dereitas, Sebastián Piñeira, quen acadaría a maioría que o lanzaría á presidencia de Chile a cuxo fronte, cun período intermedio no que sería elixida de novo Michelle Batcheller (2014-2018), se mantén na actualidade.

Unha recuperación da democracia que non foi quen de agochar a realidade dunhas grandes diferencias sociais e uns enormes déficits nos servizos públicos básicos (ensino, sanidade….) que permanecen dende a ditadura e que derivaron en grandes protestas sociais (estudantes, minorías ). Pero novamente a xa citada mellora na situación do comercio internacional (alzas no prezo do cobre) viría en axuda do goberno chileno que por esa vía puido incrementar os seus ingresos fiscais. Incremento que lle permitiría poñer un maior acento social nas súas políticas (pensións, pobreza, ensino)  e calmar así, en parte, o descontento social. Desgraciadamente Chile non foi quen de escapar á crise financeira (2008) e aos casos de corrupción política que a ditadura pinochetista favorecera e que se mantiveron coa democracia xa recuperada.

Un país enormemente desigual e mercantilista

A reelección de Sebastián Piñeira (2018), que se atopa entre as 500 familias máis ricas do planeta, non fixo máis que confirmar e, de paso, consolidar en Chile o pensamento e a acción política neoliberal cuxos fundamentos subliñaba no artigo anterior sobre os programas de axuste. Unha senda, na que en moitos momentos conta coa  compañía dos partidos da chamada Concertación incapaces de presentar unha alternativa crible, que goza do apoio dos organismos internacionais (FMI, OMC, BM, OCDE) e os seus medios afíns (The Economist, Wall Street Journal) pero que  conduce a situacións e realidades como as que a continuación resumo.

Chile é un caso paradigmático da evidencia de que non debemos confundir crecemento económico con desenvolvemento social. Así, mentres o nivel de desenvolvemento humano (IDH: 0,85) é considerado moi alto e aparece no primeiro lugar entre os países latinoamericanos, e no 48 do mundo, as evidencias empíricas o sitúan entre os países máis desiguais non so de Latinoamérica senón da propia OCDE, onde ocupa o primeiro lugar na distribución de ingresos máis desigual e o cuarto con maior índice de pobreza relativa. Unha desigualdade que se vén arrastrando dende hai décadas e que se manifesta en que un 20% dos fogares chilenos posúen máis da metade da riqueza do país, mentres que o 20% máis pobre non chega ao 4%. Entre as tres familias máis ricas controlan o 12,5% do PIB, e o 10% máis rico o 50%.

Chile é tamén un país enormemente mercantilizado. A liberalización e flexibilización do mercado laboral non foi quen de reducir o desemprego que nas vésperas de que estourara a pandemia afectaba ao 10% dos activos, mentres a ocupación informal representaba o 26,5% dos empregos e un 30% dos/as traballadores non chegan a cobrar o SMI. A desigualdade de xénero a nivel de ingresos é moi acentuada (o soldo medio anual das mulleres apenas supera o 72% do soldo medio dos homes) entre outras razóns porque Chile presenta unha das taxas máis baixas de incorporación da muller ao mundo laboral. Unha desigualdade salarial que tamén se manifesta entre os traballadores do sector público e o privado e entre empresas segundo tamaño e sector. En xeral Chile é un país con “un considerable atraso salarial”: o 50% dos/as traballadores/as do sector privado son pobres.

O réxime pinochetista instauraría o modelo de aforro privado para as pensións, sistema que segue vixente, que levaría a unhas pensións realmente miserables. Entre 165$ e 265$ de promedio mensual para os homes, entre 85$ e 120% para as mulleres: o 85% dos pensionistas chilenos reciben unha pensión menor que o SMI, que xa de seu é moi baixo. Mentres, os traballadores que teñen un emprego informal -26,5%- quedan fora do sistema público.

En relación aos servizos públicos básicos Chile presenta uns indicadores superiores á media en Latinoamérica pero moi lonxe da media na OCDE. En atención sanitaria o auxe da iniciativa privada trouxo aparellada un grave deterioro da atención pública (o 85% dos cidadáns chilenos pensan que a súa calidade é mala) tal que impide unha atención universal e que presenta uns indicadores en mortalidade infantil (6,9/1000), nivel de desnutrición infantil (0,5/1000) e esperanza de vida (79,9) que si están entre os mellores de Latinoamérica pero quedan moi lonxe dos promedios da OCDE. A nivel de ensino Chile practicamente conserva intacto o modelo implantado pola ditadura: un modelo clasista que prima a privatización tanto no ensino medio (60% das prazas) como moi especialmente no universitario onde non existen universidades públicas gratuítas, o que fai que o 65% dos estudantes de familias con rendas medias e baixas non poidan rematar os estudos universitarios dado que Chile ten, xunto cos Estados Unidos, os custos universitarios máis altos de América.

Como sucede practicamente en todas as experiencias, as políticas neoliberais non foron quen de reducir as débedas. Se en 1970 a débeda externa chilena era de 3.000 millóns de dólares, ascendería a 38.000 millóns no ano 2000 e dispararíase hasta 210.956 millóns (75% do PIB) no ano 2020. O mesmo sucedería ca débeda pública que si no ano 2000 ascende a 11.132 millóns de dólares (13,22% do PIB) no ano 2020 sumaba 72.070 millóns (32,5% do PIB). Un crecemento da débeda que se estendeu ao sector privado: o 70% das familias chilenas están endebedadas.

A pesar diso non se poden negar certos avances sociais tendo en conta o punto de partida (1989) e a situación en que a ditadura militar deixara o país. A pobreza tivo unha importante redución (do 19,1% ao 8,6% ) máis notable na pobreza extrema (do 12,6% ao 2,3%). A pesar deste dato global positivo hai que subliñar que en materia de exclusión social e pobreza se manteñen grandes diferencias tanto a nivel territorial (un 16,5% do poboación rural vive na pobreza), como rexional (o 14,5%  da poboación indíxena é pobre) e de idade (a pobreza afecta a un 15% da poboación infantil).

Por todas estas razóns resulta axeitado afirmar que en Chile aínda “non se abriron as grandes alamedas” porque este país non escapa aos problemas económicos, políticos e sociais que afectan, con maior ou menor intensidade, a toda Latinoamérica. Problemas que a pandemia non fixo máis que amplificar facendo a estes países máis pobres e vulnerables.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]