ENSAIO
Matarán a Reboiras
Luís Rey Núñez
Edicións Xerais
Vigo, 2022
480 páxinas
por Camiño Noia
Matarán a Reboiras, a última novela do coñecido escritor e xornalista Luís Rei, é unha historia de historias sucedidas en Galicia na década dos anos setenta. Recrea os conflitos obreiros que tiveron lugar en Vigo e Ferrol no ano 1972, a persecución e morte de Moncho Reboiras en 1975 e os acontecementos sucedidos en Ferrol, varios anos despois, coa implantación na ría de Ferrol da planta regasificadora de Reganosa. Coma outros autores desta modalidade narrativa, o autor remóntase ós traumas producidos pola guerra civil, onde ve a razón da represión daqueles anos. Fala de personaxes que teñen débedas sen saldar adquiridas na contenda fratricida, e alude a situacións que son consecuencia evidente da historia herdada.
A novela é unha narración política ou crónica social, un modelo narrativo que opta pola recuperación de sucesos da historia contemporánea, presentados desde a ficción literaria. Este tipo de narrativa é o que caracteriza o conxunto da obra do autor, que adoita recrear a figura de pintores, políticos e escritores, situando a narración nos límites entre a creación e o xornalismo, facendo unha interrelación entre o tempo histórico e o tempo novelado. A historia (story) refírese á Historia real (history), fundindo unha e outra na trama literaria.
A meirande parte dos personaxes son reais e recoñecibles para o lectorado maior de sesenta anos. Os de ficción, que fan de apoio narrativo, son menos. Entre eles están os protagonistas: o xornalista Nardo que anda pola corentena e Sor Marabillas. Ambos actúan na historia novelada documentando os acontecementos da historia que queren contar. O personaxe de Sor Marabillas, singular na miña opinión, fai de narradora a partir do segundo capítulo no que nos dá unha minuciosa caracterización do personaxe de Nardo, que xa aparece no primeiro. Mais a análise do protagonista continuará ó longo da súa aventura con Marabillas; análise que, por veces, fai el de si mesmo, como na páxina 336. A caracterización de Sor Marabillas hai que facela a través do seu comportamento na acción e dos datos que ela mesma vai dando da súa biografía.
A novela de Rei Núñez, ademais de achegarnos á historia, ten trazos de narración policial e longos parágrafos de narrativa intimista que en ocasións levan ó psicoloxismo. Moi notable nas conversas entre ambos protagonistas, que teñen longos debates, en ocasións nun discurso poético cheo de metáforas, nas que se pode percibir un certo flirteo amoroso.
O autor desta interesante novela, que ademais de narrador é un poeta que ama a vida, escribe con claridade sobre asuntos que coñece ben dándolle a cada obra o mellor de si, o amor á verdade histórica. Por iso a lectura da súa novela é importante para a que a xente nova, interesada ou non pola Historia de Galicia, reciba a memoria da resistencia ó fascismo capitalista, e indispensable para aquela a xente que só coñece os feitos a través da prensa da Ditadura.