Luns 25, Setembro 2023
HomeOutrosCambio en Galicia. COMEZA A CONTA ATRÁS

Cambio en Galicia. COMEZA A CONTA ATRÁS

por Manuel M. Barreiro

Os estrategos do PSOE fixeron contas, a repetición electoral achegaríalles beneficios: ampliarían a súa presenza no Congreso e no Senado, debilitarían electoralmente a Ciudadanos e crebarían politicamente a Unidas Podemos. O 10-N deitaría mellores condicións para que Sánchez puidese pactar un goberno de centroesquerda-centrodereita con Rivera. A «maioría cautelosa» santificaría o acordo PSOE-Ciudadanos e aplaudiría o aggiornamento marianista do PP como leal oposición. Fracaso redondo. Recuou o PSOE. Crebou Ciudadanos. Debilitouse Unidas Podemos. A recuperación do PP ficou lonxe dos máximos que sinalaban as sondaxes. As forzas independentistas e soberanistas mantiveron, cando non melloraron, as súas posicións en Cataluña, Euskadi e Galicia. Vox quedou cos loureiros electorais: consolídase unha forza neofascista alegremente branqueada nos medios do establishment e nas urnas ao ganar o favor de liberais autoritarios descolgados de Ciudadanos e dos aznaristas máis exaltados.

O reproches de Sánchez en precampaña e campaña semellaban enterrar a posibilidade dunha coalición de goberno con Unidas Podemos. Debilitados, máis que a audacia se impuxo a resignación. Sánchez deu un novo golpe de temón e ollou á súa esquerda. O martes 12 anunciouse un preacordo de goberno entre o PSOE e Unidas Podemos. Grave expresión nos líderes asinantes. Ilusión morna dos electores progresistas. Moderada expectación nas forzas soberanistas catalás. Pranto apocalíptico na vella garda do PSOE. Desconcerto iracundo da dereita.

Feijóo, profeta do caos

Os resultados do 10-N foron recibidos en Monte Pío sen entusiasmo. O PPdeG recuperou a súa condición de forza máis votada, pero non había máis nada que celebrar. Nas autonómicas, no tempo do fraguismo, sumou sempre máis do 44 % dos votos emitidos. Foi derrotado en 2005 co 45 % dos sufraxios. Con Feijóo superou o 45 % dos votos e nas autonómicas de 2016 asinou un 47,53 %. Nas xerais de 2016, o 41,5 %. Nas tres últimas eleccións, o PPdeG rexistrou un 24,4 % (28-A), un 29,8 % (26-M) e un 32 % (10-N).

En Galicia, a moderación mariana rende mellores resultados que a exaltación neoaznariana, pero non abonda. A «Solución Tellado» (meter papeletas do PPdeG nos sobres dos envíos electorais de Vox) e absorber todo o voto de Ciudadanos tampouco vale para cadrar as contas do PPdeG. As bolsas electorais de veciñanza ideolóxica suman un 12 %, un 7,8 % é de Vox. O dilema estratéxico de Feijóo ten difícil solución: debe ganar voto centrista, agora acomodado no PSdeG, e cortar as súas transferencias electorais cara a Vox. Unha estratexia de sedución dos moderados engordará a Vox. Unha estratexia de dereita arisca arredará ao PPdeG dos electores moderados, dos propios e dos alleos.

O medo é a única estratexia que lle queda a Feijóo para intentar gañar. O contraste entre a estabilidade feixoniana e o caos alentará a narrativa do PPdeG até a vindeira noite electoral. Xa o fixo na campaña de 2016 e na de 2012. O manual de guerra sucia e desinformación funciona sen tregua desde 2009.

O luns postelectoral Feijóo exerceu de apóstolo do laissez faire. Para salvar o bloqueo, a solución pasaba por consentir un goberno en minoría de Sánchez. A norma inspiradora: o goberno da lista máis votada. A mellor solución para o Estado. A mellor para Feijóo se as cousas saen mal en 2020. O preacordo PSOEUP derrubou o castelo de naipes estratéxico de Feijóo. O mércores postelectoral Feijóo reapareceu como profeta do caos.

O medo é a única estratexia que lle queda a Feijóo para intentar gañar. Medo para alertar aos poderes fácticos de Galicia sobre o inevitable colapso da Autonomía galega se o PPdeG non continua na Xunta. Medo e guerra sucia como táctica operativa para abaixar ao PSdeG e os seus eventuais aliados. Estreouse xa cualificando un goberno PSOE-Unidas Podemos como «letal para a Constitución» e fixo un chamado aos socialistas de consello de administración para que abortasen o acordo con UP. O contraste entre a estabilidade feixoniana e o caos alentará a narrativa do PPdeG até a vindeira noite electoral. Xa o fixo na campaña de 2016 e na de 2012. O manual de guerra sucia e desinformación funciona sen tregua desde 2009.

No que queda de mandato, Feijóo exhibirá os seus atributos como valedor da estabilidade e caudillo reivindicativo. Para restar aire a Vox, intensificará as esixencias da Xunta fronte ao Goberno Central e tentará minorizar a Vox estigmantizándoo como un voto menos útil para garantir a gobernabilidade. É unha estratexia de desacreditación de difícil medida xa que, se a aritmética non deixa outra, os neofascistas serán aliados inevitables para non ceder a Xunta.

A festa de celebración por non sacar Vox deputados en Galicia ten pouco percorrido. A ultradereita medrou con forza e superou o 7% nas catro provincias. A consistencia electoral do PPdeG foi o que lles privou facerse con actas. As autonómicas de 2020 serán un test fundamental para a dereita neofascista. Haberá eleccións en Euskadi e en Galicia, e non é descartable que tamén en Cataluña. Nun caso ten pouco que facer, no outro algo que gañar e en Galicia moito por gañar. O PPdeG terá que encarar unha forte competencia en dúas frontes: á súa esquerda, co PSOE polos votos moderados; á súa dereita, con Vox polos votos dos indignados dereitistas. Un desfonde electoral de Feijóo daralle a Vox un amplo grupo parlamentario no Hórreo e, se a esquerda non fai ben o seu traballo, poderá ter a chave do goberno.

Boas novas para a galicia do cambio

A repetición electoral desgastou levemente ao PsdeG, pero certificou tamén que os seus apoios se sitúan tres puntos por riba da media do PSOE como xa ocorrera o 28-A e o 26-M. Sinal de potencia e fortaleza que lle outorgan o liderado na construción da alternativa de goberno a Feijóo. A pulsión polo cambio en Galicia verase multiplicada se Sánchez e Iglesias conseguen os apoios parlamentarios para o goberno de coalición. O diferencial electoral do PSdeG debería valerlle para esixir unha maior atención a Galicia nas políticas de Estado, e unha maior visibilización dos seus activos na estrutura do novo goberno. A primeira avaliación será para revisar a listaxe dos socialistas galegos no novo organigrama de poder toda vez que Nadia Calviño apenas nada ten que ver co PSdeG.

O BNG salvou con éxito unha complicada proba electoral e reforzou extraordinariamente o seu posicionamento de cara as autonómicas de 2020. Deu un gran paso adiante ao recuperar a presenza no Congreso que compensa con creces o tropezón electoral en Lugo e Ourense, onde se veu superado por Vox. Quedou aínda lonxe dos magníficos resultados electorais acadados nas eleccións europeas e municipais mais, con todo, o BNG verá substancialmente incrementada a súa capacidade de iniciativa política e o impacto do seu labor institucional. Unha reiterada narrativa de resistencialismo identitario e converterse nun voto útil antifascista para evitar que Vox se fixera cun escano coruñés levaron a Néstor Rego ao Congreso.

O diferencial electoral do PSdeG debería valerlle para esixir unha maior atención a Galicia nas políticas de Estado, e unha maior visibilización dos seus activos na estrutura do novo goberno. A primeira avaliación será para revisar a listaxe dos socialistas galegos no novo organigrama de poder, toda vez que Nadia Calviño apenas nada ten que ver co PSdeG.

Galicia En Común conserva as dúas actas gañadas o 28-A, mais 50.000 dos seus anteriores electores elixiron outras opcións ou decidiron non votar. En 9 meses Podemos-Esquerda Unida derramou o 21,3 % dos seus apoios. A desmellora é notable no voto urbano. Más País obtivo tan só 22 mil votos, un rotundo fracaso da improvisación. A división de Podemos prexudicou, pero máis prexudicou a incapacidade de sumar algo máis que Podemos e Esquerda Unida. A falta de acordo con Anova e as frías relacións coas principais candidaturas municipalistas reducen o diferencial da marca de Galicia En Común a unha simple transposición de Unidas Podemos a Galicia. Menor pluralidade, menor engado electoral.

A tentativa de Podemos-EU de hexemonizar o antigo espazo, en descomposición, da esquerda rupturista galega achega en cada consulta resultados minguantes. Desde o 28-A, Galicia En Común renunciou ao que era (a terceira forza política galega) polo que desexaba ser (unha forza ministerial) deixando a reivindicación da axenda galega ao BNG. O acordo Sánchez-Iglesias fará ministra a Yolanda Díaz, pero iso non será suficiente para encher de sentido o proxecto de Galicia En Común. Desde un ministerio fanse políticas públicas, non se constrúe unha organización. Convertidos en socios preferentes de goberno, perderase iniciativa crítica e autonomía. A primeira proba de lume do Goberno PSOE-Unidas Podemos será orzamentaria. Na memoria queda o paupérrimo proxecto de orzamentos fracasado en febreiro. Todo o que non sexa mudar radicalmente aquela oferta será un fracaso e un atranco insalvable para o avance do cambio político en Galicia. Desta volta, Feijóo sabe que non pode gañar, só confía en que perda a esquerda.

_____________