Xoves 21, Novembro 2019
Home Outros BUTÁN, A TERRA DO DRAGÓN

BUTÁN, A TERRA DO DRAGÓN

Texto Moncho Iglesias

Os buté era como se coñecía á xente que vivía en territorios a gran altura; nun territorio, tan, a medio camiño entre China e India, bu. Esas cordilleiras fixéronse famosas por seren fértiles en herbas útiles para calquera tipo de doenza, e ata elas chegaron os primeiros monxes budistas no século VII. Foi o Guru Rimpoché, recoñecido como o segundo Buda e de quen abundan lembranzas por todo o país, o que fortaleceu a fe no budismo, e que fixo que así se coñecese o lugar. É por esta razón que o país foi bautizado como a terra dos druk, os habitantes da terra do dragón.

Cóntase que Rimpoché aterrou nas montañas de Bután montado nun tigre que en realidade era unha das consortes do gurú, que se transformara no animal para someter así os malos espíritos. Nunha cova desa montaña meditou durante catro meses Rimpoché, que se manifestou en oito diferentes encarnacións, e logo construíuse un mosteiro, chamado Taktsang, niño de tigre. Entre as varias espenucas que compoñen o convento, a máis importante é a que conserva a reliquia da estatua falante, unha efixie milagrosa da que se saben varias lendas.

O mosteiro de Taktsang é unha pequena construción incrustada nun precipicio, dende onde se pode observar a extensión do val de Paro. A 800 metros da chaira e a 3.000 sobre o nivel do mar, esta torre de pedra á que se accede tras pasar 1000 chanzos, conserva parte da historia de Bután, esa narrada con lendas, como a da estatua que unha vez falou. Cando os homes encargados de subir a estatua ata o templo chegaron ao empinado carreiro final, descansaron para discutir o xeito de seguir, conscientes do difícil que sería. Entón, un deles propuxo cortar a cabeza e as extremidades para levalas en partes. Nese intre, falou a estatua: «Non é preciso, un home forte virá para cargarme». E así foi, a estatua chegou de forma milagrosa ao templo.

Un dos factores que fan máis célebre a Bután: o rexeitamento do PIB como indicador de desenvolvemento en favor do índice de felicidade nacional, que para os druk asenta en catro piares: bo goberno, tradicións, evolución socioeconómica e a protección medioambiental.

Mais non foi esta a única ocasión extraordinaria. Dous incendios abrasaron o lugar en 1951 e en 1958 e, malia perdérense a maioría das estatuas, a reliquia falante salvouse. Anos despois decidiuse restaurala e trasladala á capital, pero as dúas veces que se intentou non se logrou. Na primeira, un repentino ballón fixo intransitable o camiño, na segunda, un trono partiu un abeto pola metade e bloqueou a ruta. Resolveuse entón deixar a estatua no templo, e cesou de arroiar, e o sol brillou por detrás dun intenso arco da vella.

Timpu, a capital de Bután

Os peregrinos e visitantes que se achegan ata o templo do niño do tigre descansan na cidade que está aos pés da montaña, Paro, onde está o único aeroporto internacional. Este ten unha das pistas de aterraxe máis perigosas do mundo, e por iso moi poucos pilotos teñen o certificado que permite voar entre os picos do Himalaia. Os altos riscos son a razón pola que só hai voos entre o abrente e o ocaso, e só en días de boa visibilidade, cando é posible mergullarse nun sendeiro de montes labirínticos que teñen por meta o val de Paro, o pasaporte de entrada á mí(s)tica Shangri-la.

En Paro, como no resto do país, non existen os semáforos. Non son precisos, pois as pequenas rúas que conectan os camiños das principais vilas son tranquilas e ordenadas, e na capital, Timpu, un garda vixía e dirixe o tráfico con espaventos e xestos propios dunha histriónica auxiliar de voo durante un despegue. Alén do aeroporto, construído a ton coa natureza e a cultura propia e onde a portaequipaxes é un tractor, Paro posúe outros monumentos históricos e únicos. Un destes é o dzong, unha fortaleza monástica, e hoxe en día tamén gobernamental, típica do reino do dragón, que neste caso constitúe unhas das mellores mostras da arquitectura propia do lugar.

Phajo Drugom Zhingpo, fundador da escola budista drukpa, chegou dende Tíbet a Bután e, anos despois, un dos seus netos, Gyechok, fixo o camiño á inversa. Foi estudar teoloxía e ao regresar estableceuse fóra da casa familiar. No seu novo fogar, convocou ás deidades locais, que lle xuraron lealdade; todas, agás unha, que saqueou as propiedades dos campesiños ata que Gyechok conseguiu sometela e liberar así a aldea. Foi por este motivo que os veciños, como agradecemento e recoñecemento, decidiron construírlle un palacio ao seu salvador. A construción ampliouse despois e, malia o lume que a destruíu en 1907, logrou renovarse e conservar o aspecto orixinal, filmado nalgunhas escenas de O pequeno Buda, de Bernardo Bertolucci.

Dende mediados do século pasado, Timpu é a capital de Bután. As casas, como en todo o país, semellan templos en pequeno rodeados do constante murmurio do río e do verdor dos montes que se estenden ata o asfalto. Entre os sendeiros de vivendas, e no norte da cidade, entre o río e as abas das montañas, sitúase o dzong Tashichho, a casa real, que tamén congrega varias oficinas gobernamentais dun lado e un templo do outro. Como unha reconstrución da historia do país, en parte queimada nalgún dos moitos incendios e terremotos que sufriu, o dzong é un bo achegamento á cultura e sociedade do reino.

Nos xardíns da entrada, os homes engaden unha peza á vestimenta tradicional: un kabney, unha especie de bufanda grande que poñen ao ombreiro. Mentres o kabney apenas se ve nos edificios oficiais, o habitual é que a xente vista co traxe típico. Os homes levan unha especie de bata que chega ata os xeonllos e que pechan cun cinto, deixando a parte de arriba folgada para usala como peto ou bolso. As mulleres visten unha especie de mandilón que adoita ser colorido e con bordados para os días de festa.

Os peregrinos e visitantes que se achegan ata o templo do niño do tigre descansan na cidade de Paro, onde está o único aeroporto internacional con unha das pistas de aterraxe máis perigosas do mundo, e por iso moi poucos pilotos teñen o certificado que permite voar entre os picos do Himalaia.

Entre as montañas que rodean a capital, as mellores vistas do val están no cumio onde se topa a colosal estatua de Buda, de máis de 50 metros de alto. Xa Rimpoché mencionara dita construción, feita coa idea de protexer e de espallar a paz e a felicidade a todo o mundo. Esta figura de bronce e bañada en ouro alberga no seu interior 125.00 budas pequenos, máis cós habitantes de Timpu. Noutro dos montes que cercan a cidade está o parque natural de Motithang, reserva natural do takin, o animal nacional. Nun principio pensouse en construír un zoo para albergalo, pero isto oponse ás conviccións relixiosas e ambientais do país, polo que se decidiu deixalo ceibe. Isto provocou que o takin, tranquilo e manso, pasease polas rúas do centro na procura de comida, e por iso se optou finalmente por deixalo en catividade.

 O tolo divino e as tradicións fálicas

O takin é unha especie de cabra-ñu cuberto de pelo rubio e con patas pequenas, que pode chegar a pesar 200 quilos e que está asociado á mitoloxía butanesa. A lenda remítenos ao século XV, cando chegou ao lugar un monxe coñecido co alume de «tolo divino». Unha vez escoitaron as súas prédicas, a xente pediulle que obrase un milagre, ao que accedeu, mais cunha condición: que lle desen a xantar unha vaca e unha cabra enteiras. Déronlle o manxar e o santo non deixou máis cós ósos dos animais. Logo, colleu a cabeza da cabra e mais o esqueleto da vaca, chascou os dedos, pronunciou unhas palabras e o animal cobrou vida e comezou a pacer.

Punakha, a antiga capital do reino do dragón, foi o lugar a onde chegou Kuenley, «o tolo divino», un monxe que practicaba a vertente budista coñecida como sabia tolemia. Alí consérvase o templo Chime Lahkhang (templo sen can), entre arrozais e amuletos da fertilidade, todos eles rodeados de montañas. Conta a lenda que foi nese mosteiro onde o monxe matou un can enmeigado que devoraba a todo aquel que tratase de pasar por alí. Ao facelo, enterrouno baixo un petouto que semellaba o peito dunha muller e dixo: «chi med» («sen can») e construíu un chorten, un pequeno panteón que, a diferenza doutros, é de cor negra e non vermella, o cal indica que algo sucedeu nese lugar.

Dise que o divino tolo tratou de explicar as ideas do budismo por medio do sexo e do alcol. Parece ser que o seu xeito de convencer a xente era amosando o malo da hipocrisía casta e ríxida da sociedade, e que cando alguén procuraba a súa axuda esixía unha fermosa muller e unha botella de licor: «o mellor alcol descansa no fondo do garrafón e a felicidade baixo o embigo», aseveraba.

O falo, o talismán co que combater o mal, segue a ser un amuleto que afasta os malos espíritos e atrae a prosperidade. Por iso é habitual que as fachadas das casas butanesas estean decoradas cun pene erecto. Amais, cando se levanta unha casa, celébrase unha cerimonia na que se usan cinco falos. A dona do fogar cobre cunha cesta o prepucio de catro deles, como representación dos catro puntos cardinais, e sóbeos ao tellado, mentres o quinto queda no altar interior. A súa simboloxía relixiosa, produto do pasado patriarcal dun país incomunicado, estase a perder pola apertura a Occidente e devagar estase a converter nun atractivo turístico para esta aldea rural na que cada vez hai máis artistas e comerciantes.

«O tamaño non importa. O único necesario é un falo», reza o dito. Porque a mingalla, en Bután, é vida e a de Kuenley unha arma para vencer o mal e a infertilidade. Por iso aínda se conserva no templo unha imitación, en madeira e aceiro, da verga do divino tolo. Serve como antídoto contra a esterilidade, usada da mesma maneira que a empregaba o monxe: zóscaselle á muller na cabeza. Como mostra de fiabilidade, nunha das paredes do templo penduran cartas de agradecemento de parellas que concibiron despois de visitar o lugar e que amplían o mito máis alá do Himalaia.

Dise que o divino tolo tratou de explicar as ideas do budismo por medio do sexo e do alcol. O seu xeito de convencer á xente era amosando o malo da hipocrisía casta e ríxida da sociedade, e cando alguén procuraba a súa axuda esixía unha fermosa muller e unha botella de licor.

O illamento xeográfico deste reino ermitán permitiu que conservase unha idiosincrasia mística de seu, e que sexa posible visitalo como un museo espiritual orlado por montañas e ríos habitados por xentes acolledoras que profesan a alegría. Ese é precisamente un dos factores que fan máis célebre a Bután: o rexeitamento do PIB como indicador de desenvolvemento en favor do índice de felicidade nacional. Para os druk, a riqueza material non sempre supón felicidade, mais si o fai o GNH (felicidade interior bruta, polas siglas en inglés), que se fundamenta en catro piares: bo goberno, conservación e difusión da cultura e das tradicións, desenvolvemento socioeconómico e protección ambiental.

A terra do dragón, o país da felicidade, Bután, é unha historia por esfiañar nun conto de luces e cores. É unha fábula representada na bandeira nacional: un dragón que serpea en liña diagonal dun lado a outro, unindo os dous mundos, o celestial e o terreal, con dúas cores, a alaranxada para o mundo espiritual, a vermella para o temporal.

_____________

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]