Domingo 18, Abril 2021
HomeOutrosBRASIL (II): A DIFÍCIL HERDANZA DE LULA

BRASIL (II): A DIFÍCIL HERDANZA DE LULA

por Manoel  Barbeitos

Coa desaparición -temporal- de Lula da primeira fila do escenario político brasileiro, as cousas, dende o punto de vista das clases populares, empezaron a torcerse. Varios factores incidiron nun retroceso que coñecería o seu cénit co ascenso ao poder do incompetente político, de mentalidade fascista, Jair Bolsonaro.

A partir do 2010, a economía brasileira empeza a enfriar basicamente porque o vento que sopraba de cola (comercio de mercadorías e capital) virou disparando o déficit por conta corrente e debilitando a demanda externa. Tivo así Brasil que apoiarse nunha demanda interna feble e claramente insuficiente. Menor crecemento supuxo menor riqueza e máis desemprego, máis desigualdade e maior vulnerabilidade, acentuadas polo impacto da crise financeira mundial. Xa plenamente integrado na nova orde mundial, Brasil non escapará tanto ao reflectido impacto da crise financeira como aos cambios que se estaban xerando e que afectaban de xeito desigual aos países BRIC, grupo no que Brasil aparece como un eslavón floxo tanto pola situación de vulnerabilidade do sistema bancario como polo nivel de débeda.

Este deterioro da economía contribuirá a que a situación política no Brasil se faga máis fráxil e o goberno de Dima Rousseff máis vulnerable. Esa vulnerabilidade verase alimentada polas discrepancias no seo da esquerda, moi especialmente cun antigo aliado como fora o movemento sindical que mediante grandes mobilizacións (2013, 2015) mostrara o seu rexeitamento a uns axustes orzamentarios aliñados na ideoloxía neoliberal, agora  introducidos polo goberno de Dima Rousseff, que mostraban un claro xiro a respecto das políticas anteriores e que aquel culpa, con razón, de que medren de novo as desigualdades.

 Non menor será o descontento provocado entre as clases populares a comprobación de que as promesas de emprego e prosperidade feitas co gallo da Copa do Mundo de fútbol (2014) e os Xogos Olímpicos de Río (2016) non terían plasmación. Unhas mobilizacións que xuntarán reivindicacións laborais e sociais (oposición aos recortes nas prestacións, o ensino, a sanidade…) con protestas polas fundadas sospeitas de crecentes prácticas corruptas por parte do partido gobernante (PT) -financiamento ilegal, enriquecemento ilícito…-, que debilitarán ao goberno brasileiro e a propia economía, pois aparecerán involucrados grupos empresariais (Petrobras, Barskem. Odebrecht…) que forman a columna vertebral do sistema e aos que se acusa de teren relacións privilexiadas co goberno de torno (PT). Esas protestas tamén porán en evidencia como as clases de rendas baixas e medias brasileiras, as principais damnificadas pola recesión, ían progresivamente dándolle as costas a un goberno ao que antes apoiaran.

Cómpre subliñar por outra banda que o partido gobernante (PT) sempre tivo a súa marxe de manobra moi limitada ao no contar coa maioría suficiente tanto no Congreso coma no Senado. Unha situación que lle obrigou a alianzas transversais que trouxeron renuncias significativas e custosas (os membros do PT non chegarían a ocupar o 50% das carteiras ministeriais e serán minoritarios no Congreso). Esas renuncias serían rexeitadas por diversos sectores da poboación, especialmente pola nova clase media xurdida grazas ás medidas sociais do goberno Lula, posto que as súas expectativas están agora moi por riba das posibilidades. Se a esta insatisfación se lle suma a “indignación” polas demostradas prácticas corruptas e despilfarradoras de fondos públicos, temos o caldo de cultivo das xa citadas protestas habidas neses anos, e que comportaron un grande custo político para o goberno de Dilma Rousseff, pero un grande alimento para os partidos da oposición. A maiores, esas protestas dividirían internamente ao partido gobernante (PT) e afastarían del a unha grande parte da súa antiga base social, como poría en evidencia o resultado electoral (2014) onde a candidata Dilma Rousseff sería reelixida, pero por unha marxe moi pequena.

Non menos relevante no que causou ese deterioro político e social foi a actuación conspiradora e subversiva dos Estados Unidos. Certo que iso xa non adopta as formas e os métodos tan violentos de antano. En lugar de fomentar golpes militares, utilizan fórmulas que desestabilicen gobernos botando man de forzas e instancias locais (aparatos de xustiza, medios de comunicación…..). Dende apoiar folgas xerais ata financiar partidos políticos e medios de opinión opositores, pasando se é preciso por corromper aos poderes do estado (xustiza, exercito, policía…) para que dean golpes brandos.

A esa estratexia conspirativa engádeselle no Brasil outro axente, o constituido pola igrexa evanxelista, que conta con unha moi grande influencia no país (contaría cun 22% da poboación, segundo as fontes mais fiables) e que se amosa moi activa aproveitando intelixentemente os baleiros creados pola ausencia de servizos públicos (alimentación, vestimenta, emprego, ensino, esparexemento….) e a insatisfación crecente das novas clases medias. Apoiado polos medios de comunicación privados,ese activismo permítelle aumentar o seu poder político grazas ao incremento da presencia de pastores evanxelistas entre os deputados. Eles faranse notar no seo de relevantes comisións, como as do ensino, a sanidade, dereitos humanos, aborto, etc.

A decisiva actuación do poder xudicial

Porén, será o poder xudicial quen se vai encargar de darlle a puntilla definitiva  ao goberno de Dilma Rousseff, utilizando como arma a investigación feita polo TSE (Tribunal Superior Electoral) do financiamento da campaña nas eleccións presidencias de 2014. Unhas investigacións que darían alas á oposición, conseguindo así que o Senado brasileiro aprobara (31 de outubro do 2016) a destitución de Dilma Rousseff. Pero esas investigacións non só facilitaron tal impeachment, senón que irían moito máis aló: conducirían finalmente ao feito insólito da detención e traslado ao cárcere do expresidente Lula baixo a acusación de “branqueo e ocultación de patrimonio”. Aproveitárono ben os medios de comunicación dominantes, e moi especialmente os do grupo Globo, eternos inimigos do PT, dándolle a ese proceso penal o máximo de publicidade, utilizando todo tipo de fórmulas sensacionalistas, contribuindo así de maneira decisiva ao que, como se confirmaría máis tarde, foi sen dúbida un auténtico linchamento mediático e xudicial.

 Tamén o soubo aproveitar moi ben a oposición, que contaría neses momentos cun grande apoio nas rúas ateigadas de manifestantes (o 13 de marzo os manifestantes chegaron a case tres millóns), a maioría pertencentes a clases medias e altas, berrando duras consignas contra os dirixentes máis carismáticos do PT  (“Fora Dilma”, “Cadea para Lula”) acusándoos, entre outras cousas, de corrupción. Un contexto que lles serviría a moitos medios de comunicación internacionais, entre eles españois, para alinearse coa posición da maioría dos medios brasileiros de sempre, claros antagonistas de Lula da Silva e o seu partido PT, e destacados animadores da oposición. Unha auténtica alianza conformada pola xustiza, os medios de comunicación, os partidos da dereita, as clases medias e altas…, cun único obxetivo: abater ao PT e ao lulismo, e enterrar as reformas e os logros sociais levados adiante polos gobernos de Lula e Rousseff.

Triste punto e aparte. O final aínda non está escrito. O periodo marcado pola grande e magnífica personalidade de Luiz Inácio Lula da Silva dou paso a un escuro e  moi incerto periodo que poderíamos cualificar, seguindo a Vinicio de Morais e a Toquinho, como “a tonga da mironga do kabuleté”.

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]