BRASIL (I): A ERA LULA

| Outros

por Manoel  Barbeitos

Cando Luiz Inácio Lula da Silva abandona a presidencia do Brasil (2010), logo do dous mandatos sucesivos, deixa tras de si un balance social impresionante. Este membro dunha familia moi pobre, antigo torneiro mecánico e líder sindical, que collera a presidencia dese enorme país (70% da superficie de America Latina, 80% da poboación) afirmando que un dos seus obxectivos prioritarios sería “que ningún brasileiro pasara fame” (segundo algúns cálculos, un terzo dos brasileiros pasaba fame) marcaría un fito na historia moderna do Brasil e de Latinoamérica.

Un balance social marcado por enormes logros. Durante o seu mandato, 40 millóns de familias brasileiras deixaron de pasar fame, 20 millóns de brasileiros saíron da pobreza no que se considerou o programa de maior transferencia de renda no mundo, a malnutrición infantil caeu nun 46% (74% nalgunhas zonas), co que se conseguiu que a mortalidade infantil baixara do 35,9% ao 21,2%. Logros que  fixeron que a Lula se lle coñecera a nivel internacional (ONU) como o campión mundial na loita contra a fame.

Outros logros foron tamén notables. As familias máis pobres viron incrementar progresivamente os seus ingresos nunha media anual do 8%. A nivel laboral os avances foron así mesmo sobresalientes como, por caso, que o salario mínimo interprofesional (SMI) se incrementase durante os dous mandatos nun 53,6%, que as rendas do traballo pasasen do 40 ao 43,6% do PIB, que se creasen 14 millóns de empregos e se implementase un moi eficaz programa de loita contra o traballo escravo. Aumentou un 29% o nivel de escolarización, posibilitando que a idade media de escolarización pasase dos 6 aos 8 anos, e multiplicouse o número de becas e prazas universitarias. Asemade no obxectivo de “luz para todos”, nun pais onde 10 millóns de familias non tiña luz eléctrica, tamén se conseguiron grandes avances.

Todas esas medidas tiveron un cuádruple impacto: 1. A pobreza extrema reduciuse a máis da metade (do 14% ao 5%); 2. Reduciuse considerablemente a desigualdade; 3. Duplicouse practicamente o PIB, conseguindo que Brasil pasase do lugar 13º ao 6º entre os países no mundo por nivel de riqueza global; 4. Foi quen durante o seu mandato de cancelar a totalidade da débeda (15.500 millóns de dólares) cos organismos internacionais (FMI).

Aínda que, como sucede sempre nestes casos, ese balance no estivo libre de críticas como, por caso, que Lula non fora quen de rematar coa corrupción, ou que estivera moi obediente cos organismos internacionais como o FMI, o balance social da “era Lula” foi indiscutible. Non menos relevante foi poder constatar, grazas a el, que as enormes desigualdades que arrastraba secularmente Brasil podían revertirse xa que as causas eran políticas. Que un país con enormes recursos como Brasil tiña capacidade para que ningún brasileiro pasara fame.

A acción exterior de Lula

Se os logros en materia de política interior, moi especialmente no que se refire a unha máis xusta distribución da riqueza, foron relevantes, non menos importancia tivo a acción exterior de Lula, que xirou en torno a dous eixos: a integración rexional e a proxección internacional do Brasil.

No ámbito rexional, Lula foi un dos grandes revitalizadores de MERCOSUR (Tratado do Mercado Común do Cono Sur) que, ademais de Brasil, asinaran no ano 1991 Arxentina, Uruguai e Paraguai. Na esfera internacional Lula contribuíu a que Brasil asumira o liderado de Latinoamérica no mundo, e a que fixara alianzas con megapotencias como Rusia, India e China, formando o foro de influencia internacional coñecido como BRIC. Asemade, Brasil pasou a ocupar un lugar de relevancia na ONU. Actuacións todas elas que colocaron a Brasil nun lugar destacado da diplomacia internacional e a Lula como un recoñecido portavoz dos estados do Sur.

Na hora da súa retirada temporal da política brasileira (2010) Lula deixaba un legado impresionante. Un legado que lle crearía poderosos inimigos internos e externos, dispostos a non parar ata lograr borralo e danar a súa figura como referente político das clases populares brasileiras e latinoamericanas. Unha referencia que a nivel social xa acadara nos foros de Sao Paulo e Porto Alegre. A que xa tiña recoñecida dentro do seu país: cando deixou o goberno, Lula tiña entre os seus cidadáns un nivel de aprobación do 80%.