Domingo 25, Xullo 2021
HomeOutrosBRASIL (e III): A SAMBA, NON O TERMIDOR

BRASIL (e III): A SAMBA, NON O TERMIDOR

por Manoel Barbeitos

Remataba o artigo anterior sobre o Brasil afirmando que, en referencia ao que podemos chamar o termidor de Lula, “o final aínda non está escrito” e o tempo veu darme a razón. O Tribunal Supremo de Brasil vén de anular todas causas xudiciais abertas contra o vello loitador, Luiz Inacio Lula da Silva.  Unha decisión xudicial que moveu todos os marcos do escenario político brasileiro, abrindo a porta a novas oportunidades como que Lula poida volver a presentarse como candidato á presidencia do Brasil. Segundo as enquisas máis fiables, segue contando cun grande apoio popular.

A pesar diso, non hai que desbotar que a moi poderosa dereita xudicial brasileira manobre para dalgunha forma impedir que Lula se poida presentar ás presidenciais do vindeiro ano (2022). Así, a Fiscalía Xeral xa presentou unha apelación contra esa decisión xudicial. Porén, tales manobras non poderán impedir que en Brazil se abra un novo e moi diferente escenario político.

Queda por ver o impacto do todo o transcorrido nestes derradeiros anos de clara persecución xudicial a Lula e o seu partido (PT). Uns anos que tamén puxeron en evidencia algúns dos máis importantes déficits dos gobernos de Lula e Dima, como por caso a crise institucional permanente, a politización da xustiza e a corrupción sistémica. Déficits aos que hai que sumar a difícil situación económica.

O sistema electoral brasileiro -proporcional pero por distritos, favorable aos pequenos distritos, asimétrico, de arrastre….- dificulta enormemente a renovación da clase política e favorece a perpetuación do caciquismo pois, por caso, votar a un candidato é facelo por toda a candidatura, o que leva unha importante presenza de “famosos” e “millonarios” dados os elevados custos das campañas. Isto, unido ao elevado número de candidaturas que se presentan, leva a que ningunha chegue a contar cunha maioría relativa: na última lexislatura do PT (Dilma Rousseff) había 28 partidos presentes no Congreso, e o partido con maior representación (PT) tiña só 69 deputados dun total de 513. Semellante mapa parlamentar obriga a continuas negociacións nas que a chantaxe e a compra de vontades están á orde do día.

Ese estado de cousas, unido á propia debilidade interna dos partidos, provoca situacións incontrolables e de continua inestabilidade parlamentaria e institucional por mor de que os intereses particulares (das “bancadas” como, por caso, a dos evanxelistas, os terratenentes, os militares) priman por riba dos demais. Se non se ten a maioría absoluta (cousa moi difícil polas razóns apuntadas), resulta moi difícil gobernar, como puido comprobar Dilma Rousseff. Velaí unha das razóns da derrota da esquerdas brasileiras: non aproveitar as súas maiorías para reformar un sistema político que impide o exercicio real da democracia.

A brutal ofensiva que o poder xudicial lanzou, e segue lanzando, contra Lula e o seu partido dá fe da politización do mesmo no Brasil. Os modos e formas que empregan, a natureza das súas decisións, a parcialidade e arbitrariedade das súas actuacións, tal que incluso chegarían a propiciar o que se deu en chamar “un golpe de estado xudicial”, pon en evidencia o aliñamento do poder xudicial cos sectores máis conservadores e oligárquicos. Un poder xudicial que, como sinalamos nun artigo anterior, conta co apoio e complicidade duns medios de comunicación propiedade das familias oligarcas e acérrimos inimigos das esquerdas, moi especialmente do PT. O comportamento xudicial e mediático partidista queda en evidencia cando se trata de, por caso, denunciar e investigar unha corrupción que é sistémica pero que aqueles circunscribiron exclusivamente ao PT.

A recuperación do poder por parte das dereitas brasileiras (2016) supuxo a volta do liberalismo á economía e o conservadorismo á política: un cambio de ciclo que se confirmaría nas eleccións presidenciais (2018) das que sairía triunfador un exmilitar e extorturador (Jair Bolsonaro) que representa a unha extrema dereita identitaria, sexista, homófoba e racista. Un cambio reflectido no económico polos duros axustes fiscais, a eliminación dos programas sociais, unha maior flexibilidade do mercado laboral e a privatización de activos públicos: receitas de sobras coñecidas en Europa.

Todo iso fixo máis profunda e ampla unha crise económica que xa estoupara cando gobernaba Dilma Rousseff, e que en parte contribuiría a unha perda evidente dos apoios sociais e progresistas anteriores. Da mesma maneira, todo iso trouxo tamén que a violencia institucional (maiormente a cargo da policía) estea de volta e poñendo o foco en activistas sociais e dirixentes locais. E finalmente, comportou a volta dos militares ao poder, detentando cargos relevantes no novo goberno de Bolsonaro (Vicepresidencia, Ministerios de Defensa e Sanidade….). Ese novo goberno confirmou o pago dos servizos prestados aos xuíces que propiciaran “o golpe de estado xudicial” (o xuíz da operación “Lava Jato”, Sérgio Moro, sería nomeado Ministro de Xustiza, aínda que duraría pouco no cargo).

Pero cando parecía que o neoliberalismo económico ao tempo que o conservadorismo político máis extremo ían reinar por moito tempo en Brasil, unha (inesperada) resolución xudicial veu mover os marcos políticos e traer a incerteza ao futuro inmediato do país, á vez que unha nova esperanza para as súas clases populares brasileiras. Contra o que esperaban as elites conservadoras, non se produciu o termidor de Lula, senón que é posible que retornen os tempos da samba máis popular: “samba da miña terra……”.

Os gobernos de Lula e Dilma tiveron luces e sombras indiscutibles. Cando gobernaron pareceron esquecer algunhas das súas reivindicacións máis relevantes e que meirandes esperanzas crearan, o que os levou a perder unha parte importante dos antigos apoios. O seu partido PT converteríase nunha organización diferente, máis institucional e menos social. Unha organización que non estivo libre da sospeita de corrupción. A pesar diso, calquera esperanza de futuro inmediato para as clases populares do Brasil ten que pasar por Lula e o PT, que farían ben en recuperar aos antigos aliados sociais e populares.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]