por Manoel Barbeitos
Probablemente sexa Bolivia un dos países do mundo que está á cabeza polo número de golpes militares. A xulgar polo que aseguran algúns expertos, Bolivia sufriu 189 golpes militares ao longo da súa historia. Digo sufridos porque todos e cada un deles trouxeron asasinatos de civís por milleiros, torturas e represións violentas con episodios de auténticas masacres, desaparición de dirixentes políticos e activistas sociais, supresión de dereitos, ilegalización de partidos e sindicatos, pobreza e miseria.
Esas ditaduras facilitaron a venta de activos públicos, a entrega ás multinacionais estranxeiras -maiormente estadounidenses- da explotación dos recursos minerais, a extensión e multiplicación do tráfico de cocaína, a corrupción sistémica e o disparo da débeda externa. Como consecuencia, tamén trouxeron, como sinalaba, miseria e pobreza para a maioría da poboación.
En relación coa situación económica e social, a Bolivia anterior á da presidencia de Evo Morales (xaneiro 2006) aparecía, xunto con Haití e Honduras, como un dos países latinoamericanos con peores indicadores de desenvolvemento (IDH), ocupando segundo este indicador o lugar 111 no conxunto dos 189 incluídos e o último dentro da comunidade andina (Colombia, Ecuador, Peru, Bolivia).
Con Evo Morales, o cambio perseguido
Para facerse unha primeira idea do grande cambio experimentado por Bolivia durante os sucesivos mandatos de Evo Morales (2006-2020), hai que ter en conta os enormes avances sociais e económicos habidos durante eses quince anos. Utilizando de novo os informes das Nacións Unidas (IDH 2019), Bolivia aparece por primeira vez na súa historia formando parte do grupo de países de “desenvolvemento humano alto”. Un avance derivado das indiscutibles melloras conseguidas nas condicións de vida e saúde dos bolivianos.
O nivel de pobreza caeu do 60% ao 36,5%; o de pobreza extrema, do 37% ao 17%; o de desigualdade (Índice de Gini), do 0,60 ao 0,47, e a esperanza de vida incrementouse en 8,7 anos. Nestes avances influíron moi positivamente unha serie de axudas públicas para os colectivos máis desfavorecidos, tales como a renda Dignidade para maiores de 60 anos, o bono Juancito Pino de axuda escolar para primaria e secundaria e o bono Juan Azurda para mulleres embarazadas.
Son tamén destacables as melloras habidas nos servizos públicos máis básicos como sanidade e ensino. Incrementouse notablemente o gasto público en sanidade (4% PIB), e a taxa de mortalidade infantil reduciuse practicamente á metade (do 50,02 por 1000 ao 32%), aínda que se manteñen grandes diferenzas entre departamentos. No 2019 Bolivia inauguraba o SUS (Sistema Unico de Saúde), un servizo de sanidade universal e gratuíto cuxa cobertura beneficia a 5 millóns de bolivianos: “un fito histórico” segundo a OMS. Tamén se incrementou o gasto público no ensino (5% PIB) conseguindo grandes avances en abandono escolar que en primaria baixou do 6,5% ao 1,8% e en secundaria do 8,5% ao 4%, todo grazas a subir o prometio de escolaridade en 1,6 anos, estando na actualidade ás portas de acadar o acceso universal e igualitario no ensino primario. Avances que resultan excepcionais se temos en conta tanto o punto de partida como o estado da situación en Latinoamérica.
Non menos relevante foi a evolución do emprego: segundo as últimas cifras dispoñibles (2019), a taxa de desemprego estaba nun 4,4% grazas a uns fortes crecementos de emprego tanto no sector privado (8% de media anual) como público (5%). Tales incrementos víronse acompañados de constantes subas nos salarios máis baixos: o salario mínimo en Bolivia experimentou nestes anos un incremento nominal do 354%, que en termos reais representa un 130%. Estanse aprobando importantes melloras nos dereitos laborais, especialmente para os sectores máis vulnerables como a infancia e as mulleres: Bolivia ten asinados coa OIT 47 convenios, entre os que cabe destacar o da eliminación de calquera forma de traballo forzoso, de erradicación progresiva do traballo infantil e de redución tamén progresiva de fenda salarial por razón de xénero.
Fitos sociais que acompañan a uns resultados económicos que poñen en evidencia como Bolivia é, hoxe por hoxe, un modelo de éxito social e económico en Latinoamérica. Así o confirman as principais variables macroeconómicas: durante os mandatos de Morales, a economía boliviana grazas a políticas anticíclicas tivo un crecemento medio anual en términos de PIB do 4,6%, o que lle permitiu crear emprego (con taxas de ocupación do 57% nos homes e 43% nas mulleres) e que Bolivia fora o estado latinoamericano cunha menor taxa de desemprego (4,4%). Iso favoreceu un mellor nivel de vida, cunha renda per cápita media que, sendo aínda moi baixa (3.200 bolivianos), practicamente se duplicou nestas lexislaturas e unha inflación que caeu do 12% (2007) ao 3% (2019). Seguramente que o aspecto máiss preocupante sexa o cambio na balanza por conta corrente, que pasou de ter saldos positivos (2010) a presentar balances negativos (2015), o que tivo o seu impacto na débeda que, a pesar diso, se mantén en valores aceptables (59% do PIB no 2019) se temos en conta os valores medios na rexión.
Contraataque reaccionario e resposta popular
A situación estivo a piques de dar un envorco dramático no mes de novembro do 2019, cando forzas reaccionarias co apoio dunha parte do exército deron un golpe de estado cívico militar. O pretexto utilizado fora que nas eleccións xerais celebradas en outubro e que deran unha nova maioría a Evo Morales e os seu partido (MAS: Movemento ao Socialismo) se producira un fraude electoral. O golpe obrigou a Evo Morales a exiliarse en México, pois era evidente que a súa vida corría perigo.
A pesar diso, nunca se puido probar que houbera realmente fraude electoral. O recoñecemento internacional de tal evidencia e a reacción popular en contra do golpe forzaron a celebración de novas eleccións xerais, esta vez sen a candidatura de Evo Morales quen renunciaría a presentarse como xesto de boa vontade. Celebradas o 18 de outubro do 2020, deron un triunfo rotundo ao MAS, que obtivo na primeira volta o 55,11% dos votos, o que fixo innecesaria a celebración dunha segundo volta, resultando elixido como presidente Luis Arce, anterior Ministro de Economía e Finanzas, home de confianza do Evo Morales e líder relevante do MAS.