por Manoel Barbeitos
Un dos elementos contra os que tivo que loitar o MAS (Movimiento al Socialismo) dende o día seguinte ao do acceso de Evo Morales á Presidencia do Goberno de Bolivia (decembro 2005) foi contra os intentos desestabilizadores promovidos e apoiados polos Estados Unidos ao través tanto da súa embaixada en Bolivia como do Departamento de Estado en Columbia. Manobras para as que contaron con axuda interna focalizada tanto en elementos destacados dun exército con fonda tradición golpista e de medios de comunicación e opinión privados ao servizo das elites, como de grupos de oposición organizada e financiada por aqueles.
Outro elemento importante de desestabilización foron, e seguen sendo, as propias e lóxicas contradicións internas, non exentas moitas veces de tensión, do movemento sociopolítico que levou a Morales á presidencia. As relacións do goberno cos movementos sociais que o apoian, as contradicións entre as accións reivindicativas e as de xestión, a loita polo liderado nun bloque moi heteroxéneo (indíxenas, campesiños, movemento obreiro, clases medias urbanas…) son dinámicas que teñen as súas lóxicas particulares que, en moitos casos, provocan choques polas naturais contradicións. Contradicións que favorecen, en moitos casos, a auxe de intereses corporativistas (moi presentes, por caso, nas zonas mineiras e nos traballadores públicos do ensino) que as dereitas sempre intentan utilizar en beneficio propio, e buscando dividir e debilitar ao bloque popular que apoia o goberno boliviano.
Nese bloque popular hai importantes diferenzas a respecto do ritmo e grao das reformas, e que en non poucas veces son estratéxicas porque afectan a propia natureza das reformas a emprender. Así, por caso, a dimensión do público e do privado, a relación entre as necesidades de desenvolvemento e o impacto ambiental das medidas, as accións prioritarias….
Para mellor entender tanto a lóxica como a natureza e dimensión destas diferenzas hai que saber que o MAS (Movimiento al Socialismo), un dos soportes básicos do goberno boliviano, non é realmente un partido senón unha federación de organizacións sociais moi heteroxéneas. Unha pluralidade que leva a que en non poucas ocasións o goberno boliviano se atope con que as principais e máis potentes protestas contra as súas accións proceden de organizacións que o apoiaron. A orixinalidade do cambio boliviano, e tamén unha das razóns do seu éxito, está en que ata o día de hoxe estas tensións entre grupos tan heteroxéneos sempre remataron ben en acordos nos que algunha parte cede (“democracia corporativa”), ben nun “peche de filas” diante dos perigos dunha división fraticida.
Como declara Alvaro García Linera (exVicepresidente de Goberno) “as tensións creativas que se debaten no bloque popular que goberna Bolivia son características das dinámicas de transformación social, nas que nada está definido de antemán”.
Non nos cabe a menor dúbida de que o éxito económico (vid. o artigo anterior) que trouxeron as reformas implementadas polo goberno popular boliviano afortalan e sustentan o cambio social. Éxitos que xorden dunhas políticas anticíclicas e de redistribución correctas que, por caso, se apoian nunha forte presenza do público na economía (pasou do 7 ao 24% do PIB), nunha intelixente intervención nos mercados internos, evitando así a especulación nos prezos e a escaseza de produtos básicos, e nunha forte aposta polos servizos públicos. Non menor importancia tivo o ter posto o freo á explotación polas multinacionais privadas dos abundantes recursos naturais e materias primas (minería maiormente), ao tempo que se potencia a creación dunha industria nacional que busca sempre, como afirma Evo Morales, “recuperar a harmonía coa Madre Terra”.
Velaí algunhas das claves que explican esta nova Bolivia plural e máis igualitaria que polo de agora se amosa capaz de derrotar as vellas pantasmas golpistas, como se puxo en evidencia co pasado intento de outubro do 2019.
Remato este texto cando chegan novas de Bolivia que nos informan do resultado das eleccións rexionais. Consulta nas que o MAS parece recibir un serio aviso sobre o descontento social en importantes rexións bolivianas. Aviso do que con toda seguridade os gobernantes tomarán nota, pero que sen embargo non debería ser utilizado para cuestionar o que con sólidos argumentos se pode considerar un modelo de éxito latinoamericano. Ao que lle quedan aínda moitas páxinas por escribir.
Claro está que para seguir avanzando polo camiño emprendido, Bolivia precisa que tamén se avance nas alianzas entre aqueles gobernos latinoamericanos realmente interesados polo benestar e a liberdade dos seus pobos. Unhas alianzas que, polo que demostran as evidencias, como por caso a última intentona golpista, deben deixar de lado a OEA (Organización de Estados Americanos).
¡Jallalla el pueblo boliviano! Carajo