Tal como expresei no artigo titulado Piratas e corsarios de antano. Bandidos ou heroes románticos?, en contraste cos nosos “curmáns” bretóns, nós os galegos en xeral non presumimos da actividade pirata e corsaria do noso pasado. Máis ben a agochamos, sobre todo certas familias de poderío económico da Coruña, Vigo ou de Compostela, como moi ben argumentaba Jorge Álvarez Yágüez no seu artigo O estraño fenómeno da escravitude. Pasou e non o lembramos.
Mais imos ver como iso non é tan certo, unha vez que soubemos que tamén tivemos un pirata famoso, contemporáneo do bretón Robert Surcouf (1773-1832), e non se pode dicir que reneguemos del por completo malia a súa historia truculenta.
Despois de vender o cargamento de ébano no Brasil, dedicouse á piratería no Atlántico. Consta que entre 1827 e 1830 asaltou, polo menos, estes navíos: Morning Star, Topaz, Sunbury, Cessnock, New Prospect e Ermelinda.
Benito de Soto Aboal nacera en 1805 no barrio pontevedrés da Moureira. Aínda que son moi confusos e contraditorios os datos da súa biografía, tratarei de resumilos nos aspectos fundamentais. En 1827, enrolado no bergantín escravista brasileiro Defensor de Pedro, xunto co aventureiro francés Víctor Saint-Cyr Barbazan provocou un motín a bordo e apoderouse do barco negreiro, que tempo despois pasaría a chamarse Burla Negra. Despois de vender o cargamento de ébano no Brasil, dedicouse á piratería no Atlántico. Consta que entre 1827 e 1830 asaltou, polo menos, estes navíos: Morning Star, Topaz, Sunbury, Cessnock, New Prospect e Ermelinda. Sempre co mesmo método: abordaxe, exterminio das tripulacións ó completo (ou case), saqueo e incendio das naves para non deixar rastro do delito.
Crueldade
Tanto Soto Aboal como o seu segundo, Saint-Cyr Barbazan, distinguíronse pola súa absoluta falta de escrúpulos e fría crueldade, de maneira manifesta cos escravos negros que transportaban, tratados da maneira máis inhumana, segundo os propios membros da súa tripulación. Tamén os unía un odio visceral ós británicos.
Finalmente, o Burla Negra remataría por un naufraxio a súa singradura delituosa preto da baía de Cádiz, e a xustiza española aforcaría parte da tripulación, entre eles Saint-Cyr. O “noso” Benito puido fuxir a Xibraltar, onde os británicos non tardarían en apresado e condenalo á forca polos delitos probados de 10 asaltos a barcos e 75 asasinatos. Sería executado o 25 de xaneiro de 1830. Segundo Arturo Pérez-Reverte nun artigo de 2006, no que desmitifica a aura romántica dos piratas, «como buen gallego, Soto se dejó ejecutar sin aspavientos, mostrándose, cuentan, arrepentido, resignado y también algo chulito» (https://www.perezreverte.com/articulo/patentes-corso/79/un-pirata-de-verdad/). (Abofé que ignoraba que había un xeito xenuinamente galego de se deixar executar).
Pouco se podía imaxinar o noso único pirata coñecido –polo menos o de máis sona–, cando estaba coa soga ó pescozo, que acabaría sendo o personaxe mítico dunha apreciable cantidade de obras literarias e ensaísticas inspiradas na súa nada edificante figura.
Pouco se podía imaxinar o noso único pirata coñecido –polo menos o de máis sona– cando estaba coa soga ó pescozo que acabaría sendo o personaxe mítico dunha apreciable cantidade de obras literarias e ensaísticas inspiradas na súa nada edificante figura. De ser certo que o poeta estremeño José de Espronceda se inspirou nel para o famoso poema Canción del pirata (1835), apenas tardou un lustro en se converter nun heroe romántico (e libertario?: “que es mi dios la libertad” … “mi única patria la mar”).
Obras dedicadas á súa figura
En 1855, Alejandro Benisio publicou El Milano de los Mares, unha novela rosa en que se narra boa parte das fazañas do bergantín de Soto, con toda crueza, o que motivou que se esgotase axiña a primeira edición. En 1892 o capitán de navío Joaquín Lazaga y Garay publicou o ensaio Los piratas del Defensor de Pedro, extracto das causas e proceso contra os condenados en Cádiz e en Xibraltar.
Xa no século XX, o escritor inglés Philip Gosse aborda a súa figura en obras como The Pirates Who’s Who (1924) e The History of Piracy (1932), que serían traducidas serodiamente ó castelán: Quién es quien en la piratería (2003), no primeiro caso, e Los piratas del oeste, los piratas de oriente (Colección Austral, 1958), no segundo. Conteñen erros notorios, como o de indicar que Soto nacera na Coruña, pero salientan, por outra parte, as atrocidades da tripulación do Defensor de Pedro.
En 1955, o escritor galego José María Castroviejo publicou a novela La Burla Negra, na que o protagonista é Saint-Cyr Barbazan, e non Soto Aboal.
De 1971 data a publicación da novela El dueño del mundo, de Ramón Solís, onde se fala de parte das falcatruadas do noso filibusteiro patrio; e en 1992, Alberto Fortes escribiu Amargas han sido las horas, novela de ficción literaria onde se mestura a vida de Edgar Allan Poe coa de Soto.
En 1994, Jorge Parada Mejuto publicou O pirata da Moureira, biografía novelada da vida de Benito Soto e do seu segundo, produto dunha investigación polo miúdo nos arquivos históricos por parte deste capitán da mariña mercante, que naquela data era gobernador civil de Pontevedra.
O francés Robert de la Croix describe na súa Histoire de la piraterie (1995) o motín no Defensor de Pedro.
O escritor Xosé Miranda recolle en Morning Star (Premio Xerais 1998) os resóns das “fazañas” do bucaneiro pontevedrés, cun seu tesouro que andaría agochado nalgún lugar da ría de Pontevedra. En 1999, Gerardo González de la Vega detalla no ensaio Mar brava as aventuras e desventuras de Soto e doutros piratas. En 2008, Francisco Javier Castro Miranda e Enrique García Luque publicaron a novela Los Diablos del Mar. La odisea de la Burla Negra, ficción histórica fiel ós datos reais.
Debo sinalar que boa parte destas informacións que cito foron tomadas da Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Benito_Soto (última consulta: 24-11-2023). O certo é que, se escribimos no buscador Google Benito Soto Aboal, temos un bo quiñón de enlaces para acceder á súa biografía.
Nesta respectable listaxe de autores que se interesaron pola vida e obra do pirata da Moureira dalgún xeito tamén me podo incluír, pois na miña novela Costa do Solpor (2013) hai na trama fasquías de personaxes de ficción inspirados na sanguenta historia dos foraxidos do Burla Negra. Dous dos principais foron René de Saint-Syr, bretón de
Saint-Malo, e Lourenzo de Aboal, mariñeiro galego, como capitán e lugartenente respectivos do bergantín filibusteiro An Ankou (A Morte, en idioma bretón). Os papeis están intercambiados con respecto ó Burla Negra, pois o capitán é agora o francés e o galego o segundo de a bordo. O apelido do primeiro está levemente modificado (de Saint-Cyr a Saint-Syr), e o nome e o apelido de Lourenzo de Aboal proceden dun antepasado de Soto.
Son os antagonistas nesta narración, onde para nada se agocha ou desculpa a crueldade con que tratan as súas vítimas. Claro que a xustiza oficial da época non era menos cruel, baseada na tortura sistemática ós reos e condenas a morte a esgalla, moitas delas executadas con verdadeiro sadismo. Co propósito de fuxir dunha visión maniquea, na miña obra os membros da tripulación pirata son a partes iguais, na súa maior parte, bretóns e galegos; ben sabemos que, como en calquera outra comunidade, hai galegos tanto no bando dos “bos” como no dos “malos”.
Como xa aclarei no seu día en Pontevedra nunha Xornada de Onomástica dedicada ós nomes propios na ficción literaria e audiovisual (Xosé Mª Lema: “A onomástica da novela Costa do Solpor”, pp. 109-116 de Estudos de Onomástica II; Pontevedra 30-09-2017. RAG), a miña fonte informativa básica foi o relato novelado de Jorge Parada, xa citado, que considerei ben documentado e fiel á realidade histórica.
En 1948, os intelectuais galegos Álvarez Negreira, Cuña Novás e Sabino Torres crearon en Pontevedra a Colección Benito Soto de poesía, que durou ata 1952, sen dúbida en lembranza da figura do pirata da Moureira.
Colección de poesía e rúa en Pontevedra
Volvendo ó rego despois desta paréntese, cómpre lembrar que en 1948 os intelectuais galegos Álvarez Negreira, Cuña Novás e Sabino Torres crearon en Pontevedra a Colección Benito Soto de poesía, que durou ata 1952, sen dúbida en lembranza da figura do pirata da Moureira, e que unha rúa deste barrio pontevedrés leva o seu nome; nel sinálase a casa onde se pensa que naceu. En Pontevedra hai tamén unha cafetería chamada El Milano de los Mares.
En fin, que se cadra os galegos acabamos parecéndonos ós nosos “curmáns” armoricanos máis do que pensamos, e se cadra tamén a cidade pontevedresa se foi achegando ó longo do tempo, sen querer ou querendo, á moralidade lasa de Saint-Malo no tema que nos ocupa. O tempo cúrao todo, ou case, e a longa distancia temporal acaba edulcorando moitos actos que, na mentalidade actual, serían condenables.
É o mesmo que adoita acontecer con boa parte de personaxes históricos de renome universal, dos que lembramos o (supostamente) positivo dos seus actos e desculpamos ou esquecemos o negativo (abusos de poder, mesmo asasinatos…): de reis e raíñas a guerreiros ou militares de todas as escalas, pasando por non poucos santos e santas escandalosamente elevados ós altares.
A máxima maquiavélica de que o fin xustifica os medios penetrou na nosa mente máis do que parece. De momento xa hai polémica en Francia polo tratamento que Ridley Scott lle dá no filme que acaba de estrear a Napoleón Bonaparte, o gran corso.