Mércores 29, Marzo 2023
HomeOutrosBangladesh. Febreiro, mes do amor pola lingua

Bangladesh. Febreiro, mes do amor pola lingua

texto e fotos Moncho Iglesias Míguez 

En 1946, parte do subcontinente indio, Indostán, composto polas actuais India, Paquistán e Bangladesh, amais de Bután e Nepal, pertencía ao imperio británico. As liñas férreas comunicaban con rapidez as puxantes cidades e vilas, e entre elas abríanse paso estradas que axudaban a comunicar os mares coas montañas, mentres evadían as longas melenas dos ríos e afluentes que desprenden as cabezas montañosas máis altas do mundo. 

En 1947, Gran Bretaña cumpría a promesa de abandonar a India e permitía que esta deliñase o seu propio destino. A decisión acrecentou os problemas coas lindes entre as diferentes comunidades e as dúas máis numerosas, a hindú e a musulmá, enfrontáronse entón por conseguir maior recoñecemento e espazo. Temerosos dun lado e doutro, cada facción procurou abrigo onde estipulaban as liñas marcadas polos colonizadores. E mentres uns fuxían, outros perseguían, e así, os lugares con maior poboación hindú quedaron separados daqueles con maioría musulmá.

Nese ano 1947, os trens que comunicaban cidades e vilas enchéronse de migración e nacionalismo, e descarrilaron as esperanzas de paz e tranquilidade na gran Indostán. As dúas grandes fes quedaban separadas por conflitos provocados pola división e o trazado de fronteiras dirixidas dende fóra. Naceu así a India e, a ambos lados, Paquistán, separada pola primeira en dous territorios: ao leste e oeste da India. Creouse entón un país con dúas metades distantes en canto a forma de vida e comunicación e, sobre todo, separadas pola lingua. 

Desprazada e ignorada polas elites do goberno paquistaní, foi o seu pobo quen a defendeu e a liberou, e con ela ao país enteiro. Así, en 1971 proclamouse a república popular de Bangadesh, a terra (desh) do bengalí (bangla). 

En 1948, o gobernador xeneral de Paquistán, Muhammad Ali Jinna, declaraba o «urdú e só urdú» a lingua oficial de ambas partes de Paquistán. O bengalí pasaba a estar, unha vez máis, desprotexida e subxugada ás ordes dun poder colonialista. Desprazada e ignorada polas elites do goberno, foi o seu pobo quen a defendeu e a liberou, e con ela ao país enteiro. Así, en 1971 proclamouse a república popular de Bangadesh, a terra (desh) do bengalí (bangla). 

A lingua bengalí, unha das máis faladas do mundo, ten unha historia recoñecida de máis de 5000 anos e cuns 250 millóns de falantes na actualidade. As diversas conquistas e relacións con diferentes imperios e grupos étnicos axudou a enriquecela e a que teña préstamos de idiomas tan distantes como o árabe, o inglés, o persa, o turco ou o portugués. De aí que a súa primeira gramática sexa froito dun misioneiro portugués, Manuel da Assumpção, que chegou ao golfo de Bengala a mediados do século XVIII. Foi nese momento, cando escribiu un catecismo cristiá en edición bilingüe bengalí-inglés, que comezou a traballar no Vocabulario em idioma bengalla, e portuguez. Dese contacto entre as linguas enténdese que a día de hoxe aínda se conserven vocábulos portugueses en bangla, verbi gratia: cadeira, chave ou janela. 

A relixión propiciou que o bangla seguise vivo e cunha literatura xa moi cultivada dende séculos pasados. Neste sentido, cómpre ter en conta o papel xogado pola espiritualidade dos credos. A chegada do islam a Bengala, alá polo século XII, fixo florecer un tipo de poesía humanizada, sen épicos deuses nin dogmas de fe. Dese xeito, a literatura serviu para unificar hindús e musulmáns, e para que bebesen dela aclamados autores posteriores como Rabindranath Tagore, Kazi Nazrul Islam, Humayun Ahmed ou Hafizur Rahman, quen lembra os sacrificios pola lingua: «erguéronse xuntos para protexer a honra do son que saíu dos beizos dun bebé acabado de nacer [coa] declaración que bendiciu a súa primeira lección de humanidade».  

En febreiro de 1952, a Universidade de Daca concentrou a milleiros de defensores da lingua materna. A eses manifestantes enfrontouse a policía, que salvagardaba a lingua do poder, e que disparou, detivo e feriu a moitos dos axitadores defensores da fala. 

As guerras pola lingua, alimentadas polas estudadas divisións coloniais que logo se herdarían, tiveron no bengalí un importante protagonista. Paquistán considerou o bangla lingua infiel, anti-islámica. Por este motivo, a maior parte da poboación de Paquistán Oriental perdeu a posibilidade de acceder a postos do goberno. Como consecuencia, as rúas de Daca enseguida se encheron de protestas e discusións que non se aliviaron ata 1952. En febreiro dese ano, no ekushey, o 21, a Universidade de Daca concentrou a milleiros de defensores da lingua materna. A eses manifestantes enfrontouse a policía, que salvagardaba a lingua do poder, e que disparou, detivo e feriu a moitos dos axitadores defensores da fala. Amais, a violencia da opresión tinguiuse de sangue e de martirio, pois de entre os manifestantes, catro morreron. 

Só dous días despois, erixiuse un monumento en lembranza dos mártires pola lingua. Con todo, a estatua apenas durou tres días, tras os cales volveu levantarse outra. E así varias veces, ata a actual imaxe dunha nai ao pé dos seus fillos asasinados, finalizada o 21 de febreiro de 1973. Para entón, Bangladesh, a terra do bangla, era xa un país independente. 

A orixe da celebración da lingua materna 

Dende ese ano fatídico de 1952, o mes de febreiro non deixou de ser un período de exaltación da palabra. O monumento aos mártires, Saheed Minar, é o punto neurálxico onde se mesturan ofrendas de flores con poemas e recitais, e onde as cancións patrióticas quedan silenciadas pola repetición dos discursos liberadores que saen da megafonía. Amais, entre o negro e o branco, as cores que simbolizan o día, pulula un fervedoiro cromático de libros, expostos nas casetas dispostas na feira do libro: un milleiro de postos, engalanados e revestidos de palabras para só amosar literatura. 

Nilket é un barrio no que só se comercia con libros. Neste labirinto fantasioso de andeis atestados de libros amoréanse 400 librarías que acubillan obras orixinais e fotocopiadas, quer acabadas de saír do prelo, quer xoias de coleccionistas de edicións extintas. 

O xardín de libros do mes de febreiro crece todos os anos a un costado da Universidade de Daca. Da outra beira está Nilket, un verxel de literatura que nunca deixa de florecer, un barrio que é un mercado e no que só se comercia con libros. Neste labirinto fantasioso de andeis atestados de libros amoréanse 400 librarías que acubillan obras orixinais e fotocopiadas, quer acabadas de saír do prelo, quer xoias de coleccionistas de edicións extintas. 

Bangladesh é, en definitiva, un libro escrito sobre palabras que fixeron do seu nome unha lenda propia. Unha terra mergullada entre ríos e tradicións que, habitada por xentes coloridas, refuxia outras que foxen de persecucións sectarias para aniñar en illas e mangleirais que ás veces desaparece. E non só se oculta a terra, tamén o fan os tigres e outras especies que só semellan non esquecer os disparos das fotografías. 

E como non só se vive da lingua e de lindas imaxes que inmortalizar, o país exporta roupa, xute e coiro. Alén diso, os vexetais inundan os seus mercados, así como as froitas e as bandeiras, que combinan o vermello e o verde da nación coas cores de equipos de fútbol estranxeiros ou dos ídolos locais de cricket. Mais non é ningún destes o deporte nacional, pois é o kabadi. Este é un xogo afastado do asfalto e con máis vida que Buda, que xa o practicaba. Nel, a idea principal é alcanzar o terreo rival, mais para iso é preciso aguantar a respiración e evitar a defensa do outro grupo. 

O país é tamén famoso polas cifras. E así, destaca polo feito de ser o país máis densamente poboado do mundo, con 150 millóns de persoas censadas, nun territorio pouco máis extenso que Portugal e Galicia xuntas. Mais hai outras curiosidades agochadas tras os números e a economía, e que agroman entre a vistosa vexetación. Así, o manto de té que cobre o norte ou as plantacións de manga súmanse a este invernadoiro natural onde crece a jackfruit, unha froita pau que pode chegar a pesar 40 quilos e a medir medio metro de longo. Este é un alimento con moitas vitaminas e cun nome orixinario en portugués, jaca. Foi así como a bautizou o científico Garcia de Orta no século XVI, cando descubriu as súas propiedades medicinais, como recolle no seu Colóquios dos simples e drogas he cousas medicinais de Índia. 

Na terra do bangla, a lingua soubo dar voz ás inxustizas silenciadas e berrar como idioma que todas as falas teñen dereitos. O sangue derramado polas bocas da súa mocidade inmortalizou a súa coraxe, á vez que enaltecía unha parte importante da súa cultura: a lingua propia. Foi por mor diso que a UNESCO declarou esa data do 21 de febreiro como día internacional da lingua materna. Amor Ekushey, o día que sempre lembraremos, é unha xornada para non esquecer que todas as persoas temos linguas nativas que amar e respectar, e non só nun caduco 21, senón de xeito inmortal, como o amor.