Luns 5, Decembro 2022
HomeOutrosAUDIOS E SUMIDOIROS

AUDIOS E SUMIDOIROS

por Luís Álvarez Pousa

Anda revolto o patio nacional a conta dos famosos audios do ex comisario Villarejo. A verdade é que non deixan títere con cabeza. Evidencian a existencia dunha trama delituosa amparada e participada polas máximas autoridades e altos dirixentes policiais do ministerio do Interior. Unha estrutura parapolicial creada durante a era Rajoy e que tiña como obxectivos tapar a corrupción do PP e aniquilar aos adversarios políticos que chegaban coa declarada intención de romper o estatu quo quendista, quérese dicir, o pacto de supervivencia do que se dotaron os artífices do réxime do 78. Un pacto de poder, en definitiva, que foi na Transición a argamasa coa que as elites políticas, empresariais e mediáticas selaron un memorándum constitucional baseado na amnesia (coa lei de amnistía como aval), na convalidación de algúns dos máis refractarios órganos de mando e control (o exército e a xudicatura, entre eles), e na máis pura ortodoxia económica.

 Os audios da polémica non fan outra cousa que poñerlle voz a un guión, previamente supervisado polo alto mando, que uns cantos actores de reparto dramatizan en secuencias e tonalidades que ben poideran ter nos seriais gangsterís o modelo a imitar.    

Nada novo, sen embargo, baixo o sol. Outros episodios de corte conspirativo,  sempre armados e executados en periodos nos que os acontecementos políticos presaxiaban unha ruptura, mesmo moderada, dese estatu quo, viñeron actualizando nos últimos 42 anos un historial de golpes contra a democracia. Utilizando sempre os métodos mafiosos que tan ben manexan os que controlan os baixos fondos do Estado -os das cloacas ou sumidoiros- e aqueles medios de comunicación e xornalistas que máis eficazmente poden branquear, a cambio de regalías, esas prácticas de natureza criminal.

Nos oitenta, o coñecido como Sindicato do crime. Un conglomerado de afamados e egocéntricos escritores (Camilo José Cela, Antonio Gala, Francisco Umbral) e de xornalistas madrileños de postín, que se confabularon entre eles e cos cruzados da dereita política, financeira e xudicial que conspiraban desde a sombra, para desaloxar entre todos a Felipe González da Moncloa, fose cal fose o prezo a pagar. Incluído o de “poñer en risco a estabilidade do Estado”, como confesou anos despois Luís María Ansón, un dos máis aguerridos. A organización que os amparaba baixo o enmascarador paraugas da AEPI (Asociación de Escritores y Periodistas Independientes) entrou no 96 nun guadiana de oito anos, o tempo que botou Aznar no poder, e reviviu á maneira dun escuadrón vingativo coa misión de deslexitimar o proceso electoral que lle dera unha inesperada vitoria ao PSOE e tamén o acceso de Rodríguez Zapatero á presidencia do Goberno. Con ese propósito, non dubidan algúns dos seus máis significados activistas -con Pedro J. Ramírez e Jiménez Losantos á cabeza- en engancharse, en connivencia co PP, á retorcida teoría que lle endosaba a ETA a autoría material e intelectual dos criminais atentados terroristas do 11-M en Madrid.

Coa chegada de Podemos no 2014, activáronse de novo os mecanismos de intoxicación e derribo utilizados anteriormente. Se as proclamas do 15M se materializasen e tivesen respaldo electoral, o control que o bipartidismo veu detentando desde a Transición sobre as institucións do Estado podería acabar tendo os días contados. É cando o sistema paralelo de poder, diñeiro e (des)información deseña e lubrica na sombra o operativo co que cortarlle o paso. O que veu despois é de escándalo. Porque nunca un partido democrático fora sometido antes a unha tal estratexia de exterminio político. E ningún outro líder padeceu con tanta carraxe e vesanía unha acometida aniquiladora como Pablo Iglesias. De maneira inmisericorde cando Podemos e el mesmo acadan os boletos cos que poder sentar no consello de ministros.

Os audios da polémica non fan outra cousa que poñerlle voz a un guión, previamente supervisado polo alto mando, que uns cantos actores de reparto dramatizan en secuencias e tonalidades que ben poideran ter nos seriais gangsterís o modelo a imitar. Villarejo, o autor desas e doutras gravacións xa coñecidas -as que confirman a estratexia criminal do PP para desmontar a investigación que o persigue por corrupción, ou as que desvelan procedementos porcos da operación Cataluña co propósito de destruir a reputación dos dirixentes independentistas- non é se non a cara máis visible dese poder escuro e intocable ao que ninguén vota, pero que pode poñer en xaque a democracia. Igual ca noutros episodios datados moito antes de que aparecese Podemos, pero con outros personaxes.

Outro tanto sucede coa dimensión mediática desa guerra sucia. Nada novo. Nos sumidoiros do Estado nada se acomete sen a complicidade directa ou indirecta dos medios de comunicación e de xornalistas/estrela. Antes e agora. Válense deles con afán lexitimador das súas ben demostradas prácticas mafiosas, e sobre todo con afán inmersivo nas arterias da opinión pública: controlar as axendas informativas, e nada mellor para iso que producir/fabricar relatos de impacto -por caso, o da falsa conta de Iglesias en Granadinas- para ocupalas.

Os daquel Sindicato do crime contra González replícanse agora contra Sánchez, sempre en razón da súa forzosa cohabitación con Podemos, a verdadeira besta negra a abater. Repítense nomes, e entran na listaxe outros medios e tamén moitos xornalistas que teñen no OKDiario, no seu director Eduardo Inda, e nos García Ferreras/Losantos que o protexen -malia actuar nos seus programas como un cabalo de Troia dos poderes ocultos- modelos que os representan. Porén, aínda asumindo que son imprescindibles nesa enxurrada de sucesivos golpes baixos executados desde os sumidoiros do Estado, non se debería esquecer que nese marco no que as elites viñeron controlando desde a Transición non só o sistema de poderes, senón tamén o relato que lles serviu de desfibrilador, os medios e os xornalistas cooptados por elas son meros actores de reparto.

Isto non lles serve de excusa, porque romperon co código ético que os ata á verdade, aquel que lles prohíbe someterse aos imperativos da telerrealidade, que asegura o dominio da invención e do simulacro. Xusto o que os conspiradores, os verdadeiros protagonistas, necesitan para teren éxito.

Todos eles, con ou sen audios, baleiran e matan a democracia. A pregunta do millón: que fai o goberno de coalición para acabar de raíz con ese sumidoiro?


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]