por Xurxo Borrazás
Veño de observar unha gráfica que ilustra a noticia de que en 2070 as pensións de xubilación no estado español achegarán apenas o 41% do último salario percibido, fronte ao 77% actual. A gráfica armada con frechas de cores explica que esa porcentaxe é na actualidade a máis alta de Europa e coa corrección esixida por Bruxelas tenderá a situarse na media. Parece xusto que as institucións europeas velen polo equilibrio. A gráfica non inclúe a contía dos salarios dos que parte o cálculo, pese a que, se as matemáticas non me fallan, non é o mesmo o 77% dun salario de 1000 euros que doutro de 2000. Ese 77% é o mesmo en ambos casos e iso intuitivamente parece equitativo, pero no segundo caso a pensión supera nun 100% á do primeiro caso. Se tal corrixídime porque son de letras.
Se nalgo coinciden todas as institucións financeiras internacionais é en que as pensións actuais son insostibeis e en que hai que salvar o sistema, o cal nos leva a pensar que eles son os grandes defensores das pensións, a xente humilde é a que as pon en perigo. Os pobres son o inimigo.
O gasto en pensións de xubilación foi en 2020 dun 12% do PIB, e o goberno español vén de remitir a Bruxelas un documento no que explica que ese gasto se incrementará polo efecto dos baby boomers ata o 13% en 2050. A partir desa data iniciará un descenso que o situará no 10% no ano 2070. Xa digo que as matemáticas non son o meu forte pero a ver, se o PIB evoluciona cun mínimo de estabilidade e co 12% se achega ao 77% do salario, co 10% e con menos pensionistas, non se debería achegar algo máis do 41%? Ou é que imos deixar de coller a auga coa sella para collela cun cesto? Ou é que este saco de trigo ten ratos a rillarlle o fondo? Claro que ao mellor os salarios se van disparar e por iso a porcentaxe resultante será menor, o que non impedirá que a pensión percibida se vaia manter. De feito, no momento en que escribimos isto segue vixente o compromiso de actualizalas anualmente co IPC. Si, ten que ser iso.
Ten que ser iso porque do contrario, se os parámetros de crecemento evolucionan dentro da lóxica, os salarios de mil euros pasarían a cobrar unha pensión de 410, inferior ás pensións non contributivas de agora. Nin sequera Luís de Guindos, onte en Goldman Sachs e hoxe no Banco Central Europeo, alias “temos que estar preparados para adoptar medidas que non son doadas” se atrevería a dicirlle a quen cotizou toda a vida que agora se vai ter que apañar cunha cantidade que malamente cubre a electricidade en inverno ou unha reparación no automóbil, por non falar dun implante dental ou un audífono. Seguindo coas matemáticas, para cobrar unha pensión de mil euros e sobrevivir dignamente (sempre que se dispoña de vivenda en propiedade) debería unha persoa xubilarse cun salario de 2500 euros. O típico, vaia.
O texto que acompaña a gráfica de frechas de cores do xornal non menciona que Bruxelas demande subir as cotizacións para facerlle fronte ao desaxuste provocado polos baby boomers, ou que haxa que procurar un modelo de financiación alternativo que substitúa ou complemente o das cotizacións, facer o que sexa preciso para asegurar a dignidade das persoas maiores. Non, Bruxelas xa pasou esa pantalla sen retorno e afirma directamente que se vai cobrar menos, pouco máis da metade que agora, e a partir de aí que cadaquén se faga a súa composición de lugar. E por que o dí? Porque as situacións particulares son accesorias, o esencial é salvar o sistema. Se nalgo coinciden todas as institucións financeiras internacionais é en que as pensións actuais son insostibeis e en que hai que salvar o sistema, o cal nos leva a pensar que eles son os grandes defensores das pensións, a xente humilde é a que as pon en perigo. Os pobres son o inimigo.
Desafortunadamente un vai cumprindo décadas e lembra que hai corenta anos xa se avisaba da urxencia das reformas porque a seguridade social era insostíbel, hai vinte anos o esboroamento era inminente e a única solución estaba nos plans de pensións privados dos que agora fuxe todo o mundo porque, para ser un investimento, parécense moito a unha estafa. Hai dez anos, cando o PP de Rajoy baleirou o peto das pensións, xa era a apocalipse, un ano ou dous máis e acabábase a mamandurria. Ironicamente, son os mesmos que cualifican o sistema como insostíbel os que, embarcados nunha campaña electoral, xuran e perxuran que con eles as pensións están garantidas, e enriba baixando os impostos.
Chegados a este punto, que facer? Conxelar os corpos das persoas no momento de retirarse ata que a ciencia atope unha solución? Esta sería a opción científica. Outra vía, aparentemente descabelada, sería a de facer que as grandes fortunas pagasen máis impostos cunha fiscalidade progresiva e recurtar os beneficios dos oligopolios. Esta sería a solución demagóxica, por simplista e porque implicaría vestir un santo a costa de espir outro. Certo que se poderían sanear as contas públicas e sufragar as pensións, pero o dano aos beneficios das empresas enerxéticas ou tecnolóxicas, os fondos de capital-risco, os bufetes de Panamá ou as entidades financeiras sería… unha cabronada.
Ademais, xa nos contaron durante a crise de 2008 que un sistema financeiro san é esencial, os bancos son a columna vertebral da actividade económica. Que queremos? Tiralo todo pola borda? Se Repsol multiplica os seus beneficios sen importarlle crises, pandemias ou guerras, que suxiren facer os demagogos? Estragar o que funciona e obrigala a que se arruíne? Por favor! É a nosa Repsol. Se Naturgy nos cobra o que lle peta, non pode cegarnos a carraxe e levarnos a criticala coas orelleiras, sen ter en conta que así asegura a súa viabilidade. Hoxe tamén informa o xornal que Amancio Ortega vai ingresar preto de mil millóns de euros polo primeiro semestre de dividendos de Inditex, con 86 anos e sen cobrar pensión. Ese é o modelo, non o dos perdedores e os mendicantes.