Domingo 4, Decembro 2022
HomeOutrosAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. Lenin, Rosa Luxembourg e Gramsci

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. Lenin, Rosa Luxembourg e Gramsci

por Manoel Barbeitos

Na historia do movemento comunista europeo hai luces e tamén moitas sombras. Entre as primeiras cabe destacar, sen xénero de dúbidas, a extraordinaria personalidade dos seus tres máximos referentes ideolóxicos e políticos: Vladimir I. Lenin, Rosa Luxembourg e Antonio Gramsci. Tres dirixentes comunistas dunha descomunal talla que, coincidindo nun triste final a nivel persoal e gardando entre si importantes diferenzas tanto ideolóxicas como políticas, foron quen de deixar unha grande e particular pegada no movemento comunista, tanto no dos seus respectivos países (Rusia, Alemaña, Italia) como no internacional.

Vladimir Ilich Lenin (1870-1924) -“o grande líder do proletariado”

A aportación ideolóxica e política de V. I. Lenin ao movemento comunista nacional e internacional foi decisiva, de tal xeito que non resulta ariscado subliñar que sen el non houbera existido e poida que tampouco houbera tido lugar a revolución bolxevique (outubro/novembro 1917). Unha apartación na que houbo luces e sombras, pero sempre decisivas.

Empecemos dicindo que Lenin foi, por caso, o impulsor e inicial ideólogo da  Internacional comunista (Kominter), que provocaría unha grande división no movemento obreiro internacional entre socialdemócratas (II Internacional) e comunistas (III Internacional). A confrontación foi fratricida. Aínda que máis tarde Stalin e os seus acólitos trataron de apoiarse en Lenin para xustificar o seu “o socialismo nun só país”, esta tese non respondía á verdade histórica pois para Lenin, como para K. Marx, a revolución socialista so podía ser posible se era mundial. Esta premisa supón que a revolución para ir adiante ten que triunfar nos países máis desenvolvidos e adquirir unha dimensión mundial.

Neste marco, para xustificar a estratexia bolxevique e terxiversando no seu proveito o pensamento de Marx, Lenin modificaría as súas teses iniciais -“a revolución rusa será o prólogo e o nexo da revolución socialista en occidente”- para afirmar que “a revolución mundial é inminente” (1917) aínda que a “non existencia en Europa dun partido revolucionario” -que tiña que ser un partido de tipo bolxevique, por suposto- poida que frustre a vitoria da revolución.

Había, xa que logo, que crear ese partido revolucionario a nivel europeo e mundial. Velaí as razóns leninistas para a creación da Internacional Comunista (marzo 1919). Pero a realidade foi ben distinta como sabemos: as previsións de Lenin sobre a revolución mundial non só no se cumpriron, senón que alí onde se intentou -como por caso en Alemaña- fracasou rotunda e dramaticamente. “Cando no verán de 1921 se xunta o III Congreso da Internacional Comunista, comeza a estar claro que a loita final queda para outra ocasión. O mundo real afástase do mundo pensado. Algo fallara no esquema teórico de Lenin, e ese algo non podía por menos que ter graves consecuencias para o instrumento concibido en función directa de dito esquema: a Internacional Comunista “(FERNANDO CLAUDÍN: “La crisis del movimiento comunista”).

Graves consecuencias para a Internacional Comunista e tamén para todo o movemento obreiro internacional, xa que a súa creación abriría, como sinalaba anteriormente, unha lenda enorme dentro do movemento obreiro tanto a nivel de partidos -entre socialdemócratas e comunistas- como de sindicatos, o que traería moi graves consecuencias. Algo que o propio Lenin, que ademais dun estratego xenial era un pragmático, acabou recoñecendo -“teño a impresión de que cometemos un grave erro” (1922)-, pero a súa temperá morte (21 de xaneiro de 1924) impediu saber ata onde estaba Lenin disposto a revisar as súas teses  sobre a “revolución internacional”.

Lenin foi tamén o ideólogo e primeiro líder dun partido comunista formado por políticos profesionais con plena dedicación que se rexían polo principio do centralismo democrático. Un modelo que Lenin e os bolxeviques intentaron, utilizando como instrumento a IC, trasladar á esquerda europea pero que, como veremos máis adiante, sería refugado por personalidades tan relevantes da mesma como Rosa Luxembourg (“La revolución rusa).

En defensa das teses leninistas hai que recoñecer que as condicións nas que o partido bolxevique tivo que moverse -un país inmenso con fortes forzas centrífugas, unhas clases traballadoras que eran moi minoritarias, unha brutal represión que obrigaba a primar a clandestinidade, unha guerra civil que viría a continuación da toma do poder polos bolxeviques….- xustificaban en parte, só en parte, a concepción militarista do partido. En contra cómpre subliñar que esta defensa de como debería ser o “partido da clase obreira”, ademais de provocar a citada escisión do movemento obreiro internacional (“non poden entrar na IC os grupos e partidos que non son verdadeiros comunistas”), tamén facilitou o triunfo do stalinismo non só no partido bolxevique, senón tamén na Internacional Comunista e a través dela na maioría dos partidos comunistas europeos que se converterían nunha sorte de monarquías non hereditarias.

Lenin, un gran pragmático, aínda que se definía como marxista, foi quen de desvirtuar o pensamento de Karl Marx cando o considerou oportuno, para así xustificar os seus bosquexos políticos. “Ao igual que outros xenios pragmáticos, estaba convencido de estar en posesión da verdade, e tiña pouco tempo para ocuparse das opinións alleas. En teoría era un marxista ortodoxo, coase fundamentalista…., pero na práctica non dubidou en modificar as opinións de Marx e agregarlles xenerosos engadidos de colleita propia, proclamando sempre a súa lealdade literal ao mestre… De ter vivido, non cabe dúbida de que Lenin tería seguido denunciando aos seus contrincantes e mostrado unha ilimitada intolerancia pragmática” (ERIC HOBSBAWM: “Historia del siglo XX).

Estas críticas non deben ocultar os grandes méritos de Lenin e os bolxeviques, que si os tiveron e moitos. Así compre subliñar que naquel momento histórico eles foron os únicos que souberon entender que quería realmente o pobo ruso (“pan, paz e terra”). Foron tamén quen souberon, grazas a Lenin fundamentalmente, cando e como tomar o poder e así ter éxito. Non menos mérito foi o de conseguir gañar unha brutal guerra civil e manterse no poder, en definitiva sobrevivir a pesares dos elementos  interiores i exteriores contrarios como, por caso, “a contrarrevolución branca”. Unha supervivencia que foi posible “porque contaba cun instrumento extraordinariamente poderoso, un Partido Comunista con 600.000 membros fortemente centralizado e disciplinado….por que o goberno bolxevique era ó único que podía manter Rusia unida coma un estado….porque a revolución permitira que o campesiñado ocupara a terra” (ERIC HOBSBAWM).

Finalmente, pero non menos relevante, hai que sumar no haber de Lenin e os bolxeviques o feito indiscutible de que a Revolución de Outubro (1917), como antes fixera a Revolución Francesa (1789), cambiou a historia mundial. Unha revolución que tivo a Vladimir Ilich Lenin como líder indiscutible, velaí a súa dimensión histórica.

Rosa Luxembourg (1871-1919): unha muller que brillou con luz propia

“Rosa Luxemburg foi e seguirá sendo un aguia” (V.I. Lenin). Que nun escenario político internacional tan misóxino, como era a esquerda europea neses anos, unha muller fora quen de brillar con luz propia, de discutir con políticos da talla de Karl Kautsky e o mesmo V.I. Lenin, pon ben ás claras que se trataba dunha muller excepcional. Rosa Luxembourg foi unha política, ideóloga e muller excepcional a quen a historia non lle fixo a xustiza debida.

A historia non lle fixo xustiza, por caso, á hora de xulgar a súa gran visión política. Nos anos vinte, o Partido Comunista Alemán (que fundaran, entre outros, Rosa Luxembourg e Karl Liebnnecht en decembro do 1918) era un partido potente, seguramente o mellor organizado de Europa occidental.  Un partido no que a visión sobre a situación social en Alemaña era dispar tanto a nivel interno como en relación a dirección bolxevique. Aínda que había unha coincidencia xeral en que o triunfo da revolución en Europa e, xa que logo, a consolidación da revolución rusa, dependería da vitoria da revolución en Alemaña, había tamén importantes diferenzas encol do grado de madurez das condicións que posibilitaran esta última.

Mentres Lenin e un sector do PC alemán avaliaban que a situación en Alemaña estaba madura, Rosa Luxembourg e Karl Liebnecht non pensaban o mesmo, senón que defendían que a correlación de forzas era claramente desfavorable para unha revolución, como así se poría dramaticamente en evidencia. O error do PCA alemán, non secundando as teses daqueles, traería fatais consecuencias: a “folga revolucionaria”, que non só pretendía seguir o exemplo bolxevique senón tamén conseguir os mesmos resultados, sería un total fracaso, pois a maioría do proletariado alemán non a seguiría.  Un fracaso con consecuencias gravísimas como o asasinato, por mercenarios a soldo do exército, de Luxembourg e Liebnecht (15 de xaneiro de 1919) e o conseguinte afundimento do Partido Comunista Alemán.

Para a historia quedaría, unha vez mais, que Rosa Luxembourg e Karl Liebnecht tiñan razón fronte a Lenin, Trotsky e os dirixentes comunistas alemáns que seguían a estes: o rexeitamento á guerra por parte dos traballadores alemáns non significaba, nin moito menos, que estes apoiaran a revolución, simplemente querían a paz.

Tampouco a historia lle fixo xustiza como muller por que outro dos grandes méritos de Rosa Luxembourg foi ser quen de discutirlle aos homes de seu tempo o liderado político, orgánico e ideolóxico. “Antes da II guerra mundial, o acceso de calquera muller á xefatura de calquera república en calquera clase de circunstancias se tería considerado politicamente impensable” (E.H.). Unha discriminación que, aínda sendo menor, tamén se deu no mundo das esquerdas (socialistas e comunistas) e non hai que acudir, por caso, aos escritos de Alexandra Kollontai para coñecer cal era a situación no interior do partido bolxevique daqueles anos –que tiña a posición mais avanzada-.

“A pesares de que o comunismo, dende o punto de vista ideolóxico, era un defensor apaixonado da igualdade e a liberación feminina en tódolos sentidos, incluso no erótico, (as mulleres) con excepcións, mais ben raras, non destacaban nas primeiras filas da política dos seus partidos, se é que chegaban e destacaban en algo….e nos novos estados de goberno comunista aínda menos” (E.H.). Velaí outro dos grandes méritos de Rosa Luxemburg.

Pero seguramente onde máis deixou a súa pegada Rosa Luxemburg dentro do pensamento comunista foi na súa visión da democracia e do funcionamento interno dos partidos comunistas coa súa critica aos abusos de poder. Unha visión moito máis próxima á de Marx e Engels que a de Lenin que, como sinalaba antes, fixo a súa propia e interesada interpretación das teses daqueles. Cando os bolxeviques tomaron o poder, disolveron a Asamblea Constituínte (1917) pero non volveron a convocar outra. Unha acción que R. Luxemburg criticaría duramente, “canto mais democráticas sexan as institucións, canto mais vitais e potentes se presentan as pulsacións da vida política das masas, tanto mais directa e total resulta a súa eficacia, a desprezo das consignas anquilosadas do partido, prescritas listas electorais, etc. É certo que toda institución democrática ten os seus límites e as súas ausencias, pero o remedo inventando por Troski e por Lenin, a supresión da democracia en xeral, é aínda peor que o mal que se quere evitar” (ROSA LUXEMBURG: “A revolución rusa”).

Mais aínda: “é un feito notorio e incontestable que sen eleccións xerais, sen unha ilimitada liberdade de prensa, sen unha vida libre de asociación e reunión, é totalmente imposible concibir o dominio das grandes masas populares (…..) A liberdade reservada só aos partidarios do goberno, só aos membros do partido -por numerosos que sexan- non é liberdade. A liberdade é sempre unicamente liberdade para quen pensa de xeito distinto” (R.L.). “O presuposto táctico da ditadura no sentido leninista-trotskista é que a transformación socialista é un asunto para o cal o partido revolucionario ten sempre lista no peto unha receita e que so basta aplicala con enerxía. Por desgracia -ou si se prefire por sorte- as cousas non se formulan eses términos” (R.L.)

A pesares destas importantes diferencias, Rosa Luxemburg foi unha apaixonada defensora da revolución rusa (“a revolución rusa é o acontecemento máis importante da guerra mundial”) e dos bolxeviques cos que previamente formara unha fronte común contra a guerra (“o partido de Lenin foi o único en Rusia que comprendeu, dende o primeiro período, os reais intereses da revolución, foi o seu elemento propulsor”).

Antonio Gramsci (1891-1937): “un pensador político orixinal e extraordinario”

A día de hoxe aínda resulta, cando menos para min, unha incógnita por que razóns un pensador e político da descomunal talla de Antonio Gramsci foi practicamente un descoñecido logo da súa morte (1937). Moito máis cando a súa influencia no PCI (Partido Comunista Italiano), o partido comunista máis forte de Europa occidental, chegaría a ser indiscutible.

Unha das explicacións que se me ocorren, aínda que pareza moi maniqueo, é a de que Gramsci foi sempre un político contrario ao dogma stalinista. Unha posición que, a pesar diso, non lle impediu que a partir de mediados dos anos cincuenta, especialmente logo da morte de Stalin, A. Gramsci pasara a ocupar no pensamento político de esquerdas de Italia un lugar moi relevante e referencial (ERIC HOBSBAWM: “Como cambiar el mundo”). O lugar que por xustiza lle correspondía e que explica, en grande parte, os trazos diferenciais do PCI dentro do movemento comunista, permitíndolle chegar a ser o partido político italiano máis votado (1976: 34,7%, 12,6 millóns de votos).

Pero o pensamento de Antonio Gramsci finalmente (anos 70) transcendería moito mais aló do PCI e da propia Italia, para chegar a converterse nun referente imprescindible da teoría política introducindo conceptos, como por caso o de “hexemonía”, que axudarían en grande maneira a mellor entender as conxunturas políticas. “O pensamento de Gramsci é absolutamente orixinal. El é marxista, e leninista, e non propoño perdelo tempo defendéndoo contra as acusacións de diversos sectarios que pretenden saber exactamente o que é marxista e o que non é, e que creen ter a exclusiva da súa propia versión do marxismo. A pesar diso, para aqueles que nos educamos na tradición clásica do marxismo previa a 1914 e 1917, Gramsci a miúdo resulta un marxista sorprendente” (E.H.).

Un marxista moi enraizado na Italia do seu tempo que era industrial á par que agraria. Velaí que baixo a súa dirección o PCI chegou a ter influencia non só no movemento obreiro, senón tamén no mundo agrario. Italia nesa época era un estado incipiente, unha nación sen definir, algo que Gramsci sempre tivo moi claro. Velaí que entendera que o PCI debía seren parte do cemento que unira a Italia nunha soa nación que, ademais, para mais peculiaridades era profundamente católica.

Unha das grandes orixinalidades de A. Gramsci foi entender esta realidade italiana tan profundamente diversa e plural -agraria/industrial, diversa/unitaria, católica/agnóstica-, e ser quen de elaborar unha teoría política que mostrara “as distintas maneiras mediante as cales se mantén a autoridade que non se basean simplemente na forza coercitiva” (E.H.) senón na “hexemonía”. Unha apartación política xenial, sen xénero de dúbidas, que apartaría a Gramsci da tradición leninista e o situaría na marxista, á que aportaría unha teoría política da que aquela carecía. Con toda seguridade A. Gramsci “chegou a desenrolar os elementos dunha teoría política completa dentro do marxismo e foi probablemente o primeiro marxista en facelo” (E.H.).

Unha teoría política que introduce na teoría política marxista conceptos tan fundamentais como o xa citado de “hexemonía”, pero tamén o de “autonomía”, por caso, da actividade política en relación á economía: “a propia acción política é unha actividade autónoma, aínda que nacera no terreo permanente e orgánico da vida económica” (ANTONIO GRAMSCI: “Cuadernos desde la carcel). Velaí a relevancia da educación política para, por caso, a conquista da hexemonía. “Porque o principal problema da revolución é como converter en hexemónica unha clase ata entón  secundaria, que crea en si mesma como unha potencial clase dirixente e sexa crible como tal para as demais clases” (A.G.).

Outra das apartacións orixinais de Antonio Gramsci foi a da a súa concepción do que chamou “intelectual orgánico” que arranca da súa visión da actividade política como autónoma. A. Gramsci lle concedería un papel moi relevante a aqueles intelectuais que ademais de selo exercían a súa función social como intelectuais.

Finalmente, aínda que condensar nun texto pequeno o pensamento profundo de Gramsci é imposible, quero rematar sinalando outra das orixinais apartacións deste enorme político comunista ao pensamento político marxista. O que fai referencia á “guerra de posicións”, que partía da súa acertada crenza de que en Europa non se volvería a producir unha nova “revolución de outubro”, o que debe levar ás forzas de esquerda a apostar por “unha estratexia de guerra prolongada ou posicional” (E.H.), pois non cabe esperar que a historia leve aos traballadores ao poder automaticamente polo que é preciso que as clases traballadoras loiten previamente por converterse en hexemónicas politicamente, en clase dirixente.

“O problema básico da hexemonía, considerado estratexicamente, non é como acceden ao poder os revolucionarios, aínda que isto sexa importante. Trátase de como conseguen ser aceptados, non so como gobernantes politicamente existentes e inevitables, senón como guías e lideres”. (E.H.). Porque a sociedade futura ten que sustentarse na “formación dunha vontade colectiva” ao través dun movemento organizado e permanente, porque só así as clases subalternas se poden converter en hexemónicas (A.G.).

Incluso a esta alturas do século XXI non se pode negar que A. Gramsci foi un pensador político orixinal e extraordinario que segue sendo actual. O primeiro pensador marxista que foi quen de poñer a política no relevante lugar que lle corresponde. Unha política concibida como máis que poder.

Non é posible analizar a entender a historia do movemento comunista europeo sen cando menos achegarse ao pensamento e a acción políticas destes tres grandes líderes e pensadores: V.I. Lenin, R. Luxemburg e A. Gramsci. Como non é posible entender a historia contemporánea de Europa sen coñecer a historia do movemento comunista.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]