por Manoel Barbeitos
O movemento internacional comunista compuxérono millóns de homes e mulleres que loitaron, en moitos casos a costa de dar a propia vida, pola liberdade, a igualdade e a xustiza. Un movemento que, como sinalara en textos anteriores, estivo protagonizado tanto por grandes líderes (Lenin, Louxemburg, Gramsci, Berlinguer…) como por auténticos e crueis ditadores (Stalin, Mao, Dimitrov, Honecker, Ceausecu..), pero que a día de hoxe é un axente político sen apenas releve en Europa.
Entre as distintas razóns que explican esta práctica defunción do comunismo cómpre destacar en primeiro lugar o derrubo duns estados que durante moitos anos se chamaron socialistas e que, liderados pola URSS, se declaraban superiores aos seus rivais capitalistas cando as evidencias demostraban o contrario. Non menos relevancia tivo a confirmación de que non eran democracias populares, senón auténticas ditaduras de un único partido chamado comunista. Un modelo de partido e de militancia diferente por caso ao socialdemócrata, pero que tamén fenecería contribuíndo así a crise terminal do movemento comunista.
Unha militancia que condicionaba a forma de vida
Grande relevancia no derrubo do movemento internacional comunista tivo a defensa dun partido -“o partido”- que funcionaba en base ao centralismo democrático, e que era dirixido por políticos (revolucionarios) profesionais que actuaban igual que os dirixentes dun exército, e no que os militantes eran como soldados disciplinados. Un partido válido para acadar o poder en circunstancias excepcionais, pero que non era quen de ser un protagonista político relevante nun sistema democrático a pesares dos esforzos dos seus militantes.
Unha militancia que tiña non pouco de “forma de vida”, na que seguir a liña do partido era obrigatorio, o que non deixaba de ser un signo partidario distintivo e diferenciado. Un modus militante que, a pesar de ser remiso aos movementos de masas libres de control partidario, nunca impediu que os partidos comunistas tiveran unha indiscutible influencia nas clases traballadoras, no “mundo obreiro”. Tampouco que os seus dirixentes e cadros fixeran grandes sacrificios, moitas veces persoais, en nome da clase obreira. Evidentemente que esa militancia era moi deferente se o partido estaba na oposición (Portugal, España, Italia, Gran Bretaña….) ou no goberno (URSS, Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Rumania, Bulgaria….). Máis diferente cando a militancia, por tratarse de terribles ditaduras (Portugal, España), durante moito tempo tivo que ser forzosamente clandestina.
Para esa militancia o partido estaba por riba de todo. “Facíamos o que nos mandaba… De feito, de non ser pola convicción de que o seu labor era pola salvación do mundo, os comunistas quizás houberan acabado aburridos polas actividades rutineiras do seu Partido, dirixidas segundo o proceder habitual do movemento comunista (discurso do camarada presidente, notas das delegacións, informe do tesoureiro, acordos, contactos, venta de libros e demais) en casas particulares ou en salas de reunións moi pouco acolledoras. Pero teríamos acatado calquera cousa que ordenara. Ao fin e ao cabo, a maioría de cadros do Soviet e da Internacional Comunista do período do terror stalinista, a sabendas quizás do que lles esperaba, seguiron a orde de regresar a Moscova. Se o Partido mandaba que abandonaras a túa amante, a túa esposa, deixábala” (ERIC HOBSBWAN: “Anos interesantes. Unha vida no século XX”).
Para mellor entender as razóns desta fidel militancia, non se debe ignorar a evidencia de que “os logros acadados polos que se inspiraron nesa convicción”-a comunista-“foron en efecto bastante extraordinarios. Pouco máis de trinta anos despois de que Lenin chegara á estación de Finlandia” -abril 1917-“un terzo da humanidade e todos os Gobernos entre o Elba e o mar de China vivían baixo o dominio de partidos comunistas. A propia Unión Soviética, derrotando a máquina bélica máis formidable do século XX, quen pulverizara á Rusia zarista, saíu da Segundo Guerra Mundial como unha das superpotencias do mundo. Non houbo un triunfo dunha ideoloxía comparable desde as conquistas -máis lentas e menos globais- do Islam nos séculos VII e VIII da nosa era” (E.H.). Uns triunfos que loxicamente alimentaban a moral dos comunistas e dábanlle folgos á súa militancia.
Para rematar este apartado relacionado coa importancia da militancia no movemento comunista, subliñar o decisivo papel que os comunistas desempeñaron durante a II Guerra Mundial dentro dos movementos de resistencia ao fascismo de toda Europa. Se gañaron foi porque eran, sen xénero de dúbidas, os máis capacitados para ese traballo.
O impacto demoledor da verdade sobre a natureza dos réximes comunistas
Pero ese tipo de militancia tamén lles impediu a moitos/as comunistas, incluso naqueles réximes nos que estaban no poder, aceptar por caso que os seus máximos dirixentes puideran ser corruptos, incluso crueis asasinos como o caso paradigmático de Stalin. Resulta asombroso lembrar, incluso hoxe en día, como foi a reacción de millóns de militantes e simpatizantes comunistas cando a morte de Stalin (1953). Para aqueles “este home pequeno, seguramente tería cometido erros, incluso algúns abusos, pero as súas actuacións foran correctas pois buscaban salvar o camiño ao socialismo”. O Partido así o aseguraba e o Partido nunca se equivocaba. Velaí que, por caso, se entenda mellor o enorme e demoledor impacto que entre as bases do movemento internacional comunista, moi especialmente naquelas que vivían baixo réximes comunistas, tivo o informe Jrushchov sobre os crimes stalinistas. Informe que aquel deu a coñecer no XX Congreso do PCUS e cuxa profusa divulgación non puideron evitar os dirixentes stalinistas. “Se Stalin foi responsable de tales desmandes e crimes…., que hai da nosa corresponsabilidade” (E.H.)
Resulta hoxe indiscutible que, como sinalaba en artigos anteriores, o descubrimento da auténtica natureza do réxime stalinista xunto aos sucesos de Polonia (1956), Hungría (1956) e Checoslovaquia (1968) xa relatados (https://temposdixital.gal/politica/as-crises-ideoloxicas-das-esquerdas-a-crise-terminal-do-comunismo-internaconal/) contribuíron de xeito moi decisivo ao declive do ideario comunista. Pero outro factor non menos decisivo, e que tamén xa sinalamos, foi o descubrir que a economía socialista realmente existente non só era a todas luces inferior á capitalista senón que non funcionaba (E.H.)
Todos estes elementos levaron a que nos anos oitenta “os partidos comunistas se desintegraran (…) e que ao pouco tempo a Unión Soviética tamén se desintegrara. O que hoxe queda do movemento internacional comunista xace nunha praia deserta como unha balea que fora arrastrada a á beira pola forza das olas” (E.H.).
Pero a pesar deste brutal derrubo, e continuando con Eric Hobsbwan, hai tamén que preguntarse se “¿acaso a humanidade pode vivir sen os ideais de liberdade e xustiza, ou sen aqueles que lle dedican a súa vida?, ¿ou acaso incluso sen a lembranza dos que así o fixeron no século XX?” como foron, por caso, moitos millóns de militantes do movemento internacional comunista.