Mércores 10, Agosto 2022
HomeOutrosAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. O eurocomunismo, o canto do cisne do...

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. O eurocomunismo, o canto do cisne do movemento comunista

por Manoel Barbeitos

A invasión de Checoslovaquia polas tropas soviéticas (1968) poñendo violentamente fin á experiencia checa de socialismo democrático provocarían un auténtico terremoto no movemento comunista europeo, dado o grande apoio con que contaban aqueles nas súas filas (HTTP://temposdixital/as-crises-ideoloxicas-das-esquerdas-hungria-polonia-e-checoslovaquia/). Tería respostas diferentes nos distintos partidos comunistas de Europa occidental, aínda que cuns finais moi parecidos.

Entre os partidos comunistas de Europa occidental, tres deles (Partido Comunista Italiano, Partido Comunista Francés e Partido Comunista Español) tentaron superar a crise xeral do movemento comunista, deixando atrás a tradición stalinista, pero “sen caer no reformismo socialdemócrata”. Entre as novidades que presentan, dúas deben destacarse sobre as demais, “1. O intento de axeitar a concepción do socialismo e a estratexia de transición ás condicións específicas do capitalismo desenvolvido; 2. O divorcio, cada vez máis neto, entre ditos partidos e o “comunismo de Moscova” (FERNANDO CLAUDIN: “Eurocomunismo e socialismo”). Un intento que se chamaría eurocomunismo, para así diferencialo dos comunistas de liña dura, pero que sería o canto do cisne do movemento comunista polas razóns que a continuación expoño. Cómpre sinalar que o termo eurocomunismo nunca foi do agrado dos dirixentes comunistas.

O PCI, a herdanza de Antonio Gramsci

Nin os anos de cadea forzados pola ditadura fascista (case 6 anos), nin a súa temperá morte (1937: tiña 46 anos) foron quen de evitar a pegada política de Antonio Gramsci no Partido Comunista Italiano. Velaí que este partido fora o primeiro e o que máis lonxe chegaría no seu distanciamento do PCUS. Unha diverxencia que, se xa fora evidente con Palmiro Togliatti como secretario xeral (1927-1964), sería este quen definiría “a vía italiana ao socialismo” como preámbulo ao eurocomunismo, acadando o seu cumio con Enrico Berlinguer (1972-1984). Como escribiu un comunista inglés, “o prestixio e o éxito do Partido Comunista Italiano durante os anos que van dende o Memorando de Yalta -1945- hasta a morte de Enrico Berlinguer -1984- naturalmente difundiu a influencia dun pensador considerado xeralmente como o inspirador das súas estratexias. Sen dúbida, Gramsci acadou o auxe da súa importancia internacional nos anos do eurocomunismo da década de 1970” (ERIC HOBSBAWN“Como cambiar el mundo”).

Na mente de Enrico Berlinguer, principal impulsor da nova liña comunista, sempre estiveron presentes dous factores internacionais que condicionarían a estratexia do seu partido: o contexto da guerra fría que se vivía en Europa, moi especialmente en Italia, e o golpe militar facinoroso de Chile (1973). Ámbolos dous convenceron a Berlinguer de que a ameaza dos Estados Unidos de invadir Italia se o PCI chegaba ao poder debía ser tida moi en conta. Non menos importancia tiña a existencia en Italia dun grande partido de dereitas, a Democracia Cristiana (DCI), que ademais de ter unha traxectoria claramente antifascista, gozaba dun grande apoio entre as clases traballadoras. Factores ambos que, sumados a outros que precisarían de máis espazo, levárono a defender dende moi cedo o chamado “compromiso histórico”, que se baseaba nunha alianza intergobernamental nucleada en torno a DCI e o PCI. Unha alianza que, como sabemos, nunca se materializaría por razóns varias como, por caso, o asasinato de Aldo Moro (1978) -o líder da DC máis partidario do compromiso- e a forte oposición tanto interna (PSI e sectores da democracia cristiá) como externa (Estados Unidos, a URSS e o Vaticano).

A estratexia berlingueriana sería exposta polo propio secretario xeral a propósito da frustrada experiencia chilena. “Do que non cabe dúbidas é de que a transformación xeral que desexamos lograr en Italia pola vía democrática precisa tanto da forza como do consenso en cada unha das súas fases. O elemento de forza debe atopar a súa expresión nunha incesante vixilancia, na combatividade das masas obreiras, na nosa determinación de desenmascarar rapidamente as manobras e os ataques contra a liberdade, os dereitos democráticos ou a legalidade constitucional….Unha transformación profunda da sociedade require da existencia de consenso nun sentido moi específico: en Italia semellante transformación so poderá ter lugar baixo a forma dunha revolución da grande maioría do pobo, e só se se cumpre esta condición, poden complementarse a forza e o consenso” (E. BERLINGUER: “Reflexiones sobre Chile”. 1974). Unha grande maioría para o que era preciso, segundo Berlinguer, incorporar o centro e a esquerda da Democracia Cristiana Italiana: velaí o significado do compromiso histórico -gobernar co apoio do 60/70% da poboación-.

Con esta estratexia, o PCI pasaba a aliñarse máis con Engels que con Lenin cando aquel afirmaba que “a época dos ataques por sorpresa, das revolucións feitas por pequenas minorías conscientes á cabeza das masas inconscientes, xa pasou” (F. ENGLES: “A loita de clases en Francia”. Introdución). Nesta liña estratéxica, o PCI -xunto co PCF e o PCE- buscará concretar que a vía ao socialismo debe ser democrática porque “o socialismo será un estado superior da democracia e a liberdade: a democracia levada deica as súas últimas consecuencias”. Desta forma os partidos eurocomunistas, ademais de apropiarse das teses do vello Engels, aproximábanse máis a R. Louxemburg que a V. I. Lenin. Pero, compre subliñalo debidamente, será o PCI quen avanzará máis nesta liña arrastrando consigo a PCF e PCE.

Porén, a pesar da súa forza política, o PCI non conseguirá nunca que o “compromiso histórico” se materialice. As razóns, a maiores das sinaladas anteriormente, son varias empezando pola posición final da Democracia Cristiana Italiana (DCI) na que, como dixera Palmiro Togliatti, coexistían varias almas con posicións moi diferentes encol da proposta do PCI, vencendo finalmente a contraria, o que deixaba ao compromiso histórico sen unha das súas patas. En segundo lugar, que a estratexia de compromiso histórico supoñía supeditar toda a acción política do PCI ás institucións esquecendo, como pedía A. Gramsci, a construción do bloque social que unificara as loitas dos distintos colectivos sociais afectados pola dura situación económica. Asemade esta estratexia atoparía fortes resistencias dentro do PCI con persoeiros relevantes como Pietro Ingrao, que manifestaban grandes dúbidas tanto sobre a súa idoneidade como a súa viabilidade. Finalmente, o compromiso histórico o que realmente conseguiría sería reforzar a Democracia Cristiana, moi especialmente aos seus dirixentes máis conservadores, mentres o PCI sufría un importante retroceso electoral (1979), facendo medrar as dúbidas e diverxencias internas.

Para máis desgraza, en plena batalla política o PCI quedou sen o seu máximo e carismático líder, Enrico Berlinguer, que morre o 11 de xuño de 1984 deixando orfo ao PCI -o partido de masas máis importante de Europa occidental-, do que era unha peza clave. Unha orfandade que se acompañaría de importantes e decisivos cambios no interior do PCI, onde os “cadros obreiros” foron progresivamente substituídos por “profesionais da política”. Cambios que tamén trouxeron novas estratexias marcadas pola orientación interclasista. Para maior preocupación dos novos dirixentes, o PCI experimentaría un novo e importante retroceso electoral nas lexislativas (26,5%), o que incrementou a sensación de declive. É o que acabou favorecendo a decisión de construír unha nova organización,  o Partito Democratico della Sinistra (PDS) o que na práctica  comportou a desaparición do vello PCI -abril de 1991-.

O PCF : a fidelidade ao dogma comunista

No Partido Comunista Francés, dous posicionamentos previos á súa declaración de fe eurocomunista deixarían ben as claras que a ortodoxia  comunista era a dominante neste partido. En primeiro lugar, o seu posicionamento en relación aos sucesos da primavera de Praga que comportaron un indisimulable aliñamento con Moscova. En segundo lugar,  o seu papel no Mayo do 68 no que mantivo unha posición moi crítica fronte a rebeldía da mocidade e as mulleres francesas, non sendo quen de sumarse a aquel formidable movemento de masas e axudar a orientalo cara unha alternativa antisistémica.

A pesar diso, o PCF viviría tempos de gloria ao iniciar a década dos oitenta cando entra brevemente no goberno baixo o presidente socialista Francoise Miterrand en 1981-1984, a primeira vez dende 1947 que un Partido Comunista tiña a oportunidade de facelo (ERIC HOBSBAWM: “Como cambiar el mundo”) Uns tempos de gloria que serían moi curtos, xa que “non tardou en retomar á tradicional liña dura. Derrotado nas eleccións e pola estratexia dos reconstituídos socialistas dende 1947, perdeu o apoio das masas na década de 1980” (E.H.). Unha perda que se reflicte nuns resultados electorais que quedarán por baixo do 5% dos votos e que recollen a perda de apoios incluso en feudos tradicionais como o cinto vermello de París. O PCF, que nos anos 70 era o primeiro partido da esquerda, deixaba así de ser unha forza política significativa en Francia.

Nunca volverá a selo como tal Partido Comunista, e só sobrevivirá politicamente en alianza con outras forzas da esquerda. Nunca tampouco volverá a ter o carácter popular daqueles anos, e deixará de utilizar en exclusiva a palabra “obreiro” para substituíla por categorías máis amplas de “obreiros, técnicos, empregados ou cadros, mulleres e homes de tódalas categorías, precarios, intelectuais, sen papeis, desempregados, campesiños creadores, estudantes, xubilados, artesáns”. O mesmo sucederá cos seus responsables e dirixentes que deixarán de ser de orixe maiormente obreiro para ser substituídos por profesionais e técnicos, o que se reflicte por caso na crecente perda de influencia dos cadros sindicais e no progresivo afastamento da CGT do PCF.

Nas últimas eleccións europeas, o PCF apenas acadaría o 2,5% dos votos. Como epílogo cabe subliñar que, a pesar da fachada eurocomunista, o PCF sempre se mantivo fiel a Moscova o que indiscutiblemente lle supuxo enormes perdas nos seus apoios.

O PCE: a difícil adaptación a democracia

Ninguén pode negarlle ao Partido Comunista de España (PCE) a súa condición de líder da oposición a cruel ditadura franquista (1939-1975). Unha oposición que comportou un enorme sacrifico persoal, en forma de fusilamentos, torturas, longas condenas carcerarias de moitos dos seus dirixentes e cadros. A pesar diso, non recibiría xa na democracia o recoñecemento popular que se esperaba e que seguramente se merecía. Varios factores coadxuvaron a esta realidade e que sintetizarei a continuación, pero poñendo o foco nas propias limitacións do movemento comunista. Limitacións que en grande parte foron as mesmas que as da maioría de partidos comunistas e que xa relatamos.

A caída da cruel ditadura franquista (1975) e o tránsito a unha democracia, aínda que sería deficitaria, marcaría o futuro do PCE así como a fortaleza e a real credibilidade da nova estratexia eurocomunista tanto a nivel interno como externo. A nivel interno, pronto se puido comprobar que a viraxe eurocomunista do PCE tiña unha importante contestación que se movería por dúas vías totalmente contrarias. Unha, a existencia dun sector minoritario, pero relevante, de dirixentes e militantes comunistas (Ibarruri, López, Raimundo, Gallego,..) que seguían fieis ao dogma estalinista, polo que non lles convencía a nova orientación eurocomunista. Outra, formada maiormente polo sector máis mozo e máis ligado á realidade española (Curiel, Bravo, Sartorius, Solé Tura…) que non tiñan claro ata onde chegaba a nova liña estratéxica que moi especialmente substituiría vellos dogmas, como por caso o do “centralismo democrático” -que non tiña nada de democrático e todo de centralismo-, que se durante a ditadura podía ter a súa xustificación, non así na democracia cando, segundo este sector, debía desaparecer. Pero a práctica real da dirección central do PCE puxo en evidencia os limites do eurocomunismo español, e así os renovadores puideron comprobar como neste tema central as cousas, agora na democracia, seguían igual que sempre.

Non irían as cousas mellor en relación coa política exterior, que seguiría tamén practicamente igual que antes do eurocomunismo. Así, para a dirección e, xa que logo, para a liña oficial do PCE, os réximes do leste de Europa -a URSS e os seus satélites- seguían sendo “socialistas a pesares de que tódalas evidencias os presentaban como auténticas ditaduras.

Con estas alforxas ideolóxicas será como o eurocomunista PCE afrontará o reto que supoñía o novo escenario político español marcado polo tránsito a unha democracia, na que aquel será agora un partido legal. Un partido legal pero non renovado, posto que a súa dirección estaba practicamente copada pola vella garda na que a maioría superaba con folgura os cincuenta anos e tiña unha imaxe moi vinculada ao pasado, e moi pouco ou nada as novas xeracións que si copaban o novo escenario político en España. Un partido legal que excesivamente ligado a imaxe do  seu secretario xeral (Santiago Carrillo) mantivo durante a campaña electoral unha posición de forte crítica á socialdemocracia (PSOE) -en contraposición co trato amable, por caso, a UCD- poñendo en evidencia a prevalencia doutro dos dogmas do comunismo ortodoxo: a obsesión antisocialdemócrata (FERNANDO CLAUDIN: “Santiago Carrillo, crónico de un secretario general”)

O resultado que sae das primeiras eleccións democráticas (15 de xuño de 1997) vai supoñer unha enorme cura de realismo: con 1.709.890 votos -que supuñan o 9,33% dos votos emitidos- o PCE consegue só 20 deputados. Para maior desgraza partidaria, o seu rival nas esquerdas, o PSOE, consegue 5.371.866 votos -29,3%- e 118 deputados.  Datos que non deixaban dúbidas sobre o fracaso da estratexia do PCE e que, polas razóns apuntadas anteriormente, eran unha clara censura á dirección dese partido e moi especialmente ao seu secretario xeral, cuxa “conversión eurocomunista” non convencera ao electorado das esquerdas.

Eses resultados provocaron que saíran a luz as fortes divisións internas que, se tiñan como fundamentos as cuestións sinaladas anteriormente, puxeron o acento central na falta democracia interna. As divisións sucedéronse nos anos seguintes, nos que se puxo en evidencia como ao PCE lle estaba sucedendo practicamente o mesmo que a todo o movemento comunista europeo, incluso aquel, como era o seu caso, que se declaraba eurocomunista. Os mesmos problemas aos que había que sumar outros particulares como, por caso, o impacto ideolóxico que en moitos cidadáns demócratas causara a sacratísima campaña anticomunista do réxime franquista, así como o férreo control que sobre o partido exercía unha vella garda que na súa maioría procedía do exilio e que daba mostras dun preocupante descoñecemento da realidade social e política da España dese tempo. Unha dirección que non era consciente dos cambios que se deran.

O PCE iniciaría así o seu camiño ao calvario marcado polas expulsións e as marchas de destacados dirixentes e militantes, a crecente distancia co movemento obreiro -escenificada especialmente no distanciamento con CCOO-, e a consecutiva perda de apoio electoral e, xa que logo, de significación política. Así, aínda que as seguintes eleccións xerais, celebradas en 1.978, produciron un resultado enganoso que podía facer pensar nunha resurrección do PCE -con 1.938.487 votos, que supuñan o 10,8%, e 23 deputados, 3 máis que nas anteriores-, o declive era xa imparable. Esa situación crítica tería a súa plasmación política nas eleccións xerais do 1.982 cando o PCE consegue só 4 deputados, tendo perdido máis de un millón de votos e, para máis sarcasmo, tendo que asistir ao triunfo histórico do PSOE, que acadou a maioría absoluta.

O sucedido trouxo carrexada a dimisión do seu histórico secretario xeral, Santiago Carrillo -15 de abril de 1982 e a posterior inmersión do histórico PCE (Partido Comunista Español) nunha nova organización que recibiría o nome de Izquierda Unida.

Para rematar

Como balance final, subliñar que se o eurocomunismo podía ter sido a táboa de salvación do movemento comunista europeo, aquel foi realmente o seu “canto de cisne”. As crises relatadas dos tres partidos citados deixaron no movemento comunista europeo un escenario no que “divididos entre eurocomunistas moderados e tradicionalistas de liña dura, os comunistas entraron en decadencia ata o punto de desaparecer o comunismo como forza significativa en Occidente “( E.H.)

No vindeiro artigo intentarei explicar as claves deste fracaso histórico do movemento comunista. Un fracaso do que xa non levantaría cabeza.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]