Luns 6, Febreiro 2023
HomeOutrosAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. O declive da socialdemocracia sueca: o canto...

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. O declive da socialdemocracia sueca: o canto do cisne?

por Manoel Barbeitos

Os ventos totalitarios que castigan Europa son tan potentes que nin sequera SUECIA, referencia socialdemócrata durante décadas (moi especialmente entre os anos 1932-1976 cando estivo gobernando de forma continua, unhas veces en solitario outras con socios minoritarios de esquerdas), e quen de librarse do impacto conservador. Así, nas derradeiras eleccións, celebras no mes de setembro 2022, aínda que o Partido Socialdemócrata gañou folgadamente  (30,33% dos votos), o bloque de esquerdas formado por Socialdemócratas, Verdes e Partido da esquerda con 144 deputados non foi quen de conservar a maioría (175), que pasou a mans das dereitas, lideradas polo partido Demócratas de Suecia (DS) con 73 deputados, ao que se identifica coa extrema dereita.

Que está pasando en Suecia? Estamos diante do fin do “modelo sueco”? Desapareceu a socialdemocracia para dar paso ao socioliberalismo, como sucede cos seus homólogos europeos?. As evidencias demostran que a socialdemocracia sueca, a pesar de seguir sendo o partido máis votado, non foi quen de fuxir do que é unha crise de identidade da socialdemocracia europea.

A socialdemocracia sueca e o neoliberalismo

A pesar da perda de personalidade, que trouxo tamén unha perda de apoios, a socialdemocracia sueca aínda non deixou se ser o partido máis votado (30,33%).  Por mor das alianzas gobernamentais últimas (2018-2002), os socialdemócratas aceptaron a toma de medidas claramente neoliberais que incluían “manter a lóxica do beneficio privado nos servizos sociais; desmantelar as axencias públicas de emprego que algunha vez foran o eixo da política de pleno emprego dos socialdemócratas; reformar a lexislación laboral para facilitar o despido en certo tipos de empregos e abolir o control sobre os alugueiros en novos proxectos de vivenda” (GORA THERBORN: “Suecia e a crise da socialdemocracia europea”).

Serían os propios líderes socialdemócratas os que “comezaron a contrarreforma socioeconómica a comezos da década de 1980. O xiro neoliberal comezou como unha especie de xestión da crise. O sector exportador estaba volvéndose menos competitivo debido aos seus custos. Os produtores de téxtil e prendas de vestir que quedaban foron varridos, os estaleiros coreanos e xaponeses superaron finalmente aos suecos, e os sectores do aceiro e a silvicultura víronse obrigados a reducilo seu tamaño. A rendibilidade era baixa, e tamén o investimento. A balanza de pagos estivo en números roxos entre 1978 e 1981, e a participación dos beneficios no valor engadido caeu do 30% na década de 1960 e comezos da de 1970 ao 24% en 1978. Isto presentouse como unha ameaza para os postos de traballo, aínda que os niveis de emprego seguían subindo a pesar da crise internacional.

Tanto os economistas dos sindicatos como da socialdemocracia acordaron que sería necesario conter os salarios e aumentalos beneficios. A principal ferramenta para conseguilo foi  devalar a moeda un 16% en canto a socialdemocracia recuperou o poder en 1982. Os lideres do partido privaron a proposta de creación de fondos de investimento dos asalariados  do seu verdadeiro potencial transformados, aínda que se aprobou oficialmente nunha versión aguada, como xesto simbólico cara os congresos do partido e do sindicato… A década de 1980 foi testemuña do avance internacional da teoría económica neoliberal” (GORA THERBORN:  “O fin da socialdemocracia sueca”).

As novas prioridades da política socialdemócrata pasaron a ser a mercantilización da economía e o control da inflación. Paralelamente procedeuse á liberalización do mercado de capitais, e facilitouse a entrada ao capital financeiro especulativo, para o que se procedeu a reorganizar a Bolsa de Estocolmo. Medidas que provocaron unha crise financeira, un rescate bancario cun custo para os contribuíntes equivalente ao 4% do PIB, e un incremento do desemprego.

Unha serie de decisións que comportaron, por caso, que a socialdemocracia perdera o apoio parlamentario do Partido de Esquerda (antigo Partido Comunista), dando paso temporalmente á chamada “coalición burguesa” (1991-1994). A socialdemocracia recuperaría o goberno (1994) para poñer en marcha duras medidas de austeridade e privatización de servizos públicos, de tal xeito que os gobernos liderados tanto pola socialdemocracia como pola coalición burguesa actuarían todos estes anos “como corredoras de relevos na promoción da desigualdade e a especulación. Xuntas eliminaron os impostos á herdanza e sobre o patrimonio e os ben inmobles, o que comportou que os rendementos do capital tributen menos que os ingresos do traballo, e restrinxiron a escala das prestacións sociais, ademais de endurecer o acceso a elas. Fai dous anos, a revista Forbes declaraba que Suecia encabeza a lista dos mellores países para facer negocios en 2017, aínda que se trataba dun país gobernado por socialdemócratas” (G.TH.). Os dirixentes socialdemócratas suecos tiñan abandonado a súa tradicional preocupación pola desigualdade e a xustiza social. A nivel social, iso traduciuse que en Suecia foi, no conxunto da Unión Europea, onde mais medro a desigualdade nos últimos anos

A socialdemocracia perde a súa identidade

A explicación ao que está pasando en Suecia pode buscarse en que a socialdemocracia sueca non foi quen de fuxir da crise xeral que, como tentei describir en artigos anteriores, vén afectando a toda a socialdemocracia europea que, como podemos comprobar, non foi quen de presentar alternativas convincentes á mundialización neoliberal. Diante desta evidencia ,a pregunta que cabe facerse é se será capaz de recuperar os apoios perdidos.

Autores de prestixio como o citado Gora Therborn pensan que non, que esta perda é para sempre aínda recoñecendo que, como sucede coa socialdemocracia sueca, malia que se atopan nun fondo atolladeiro con fortes perdas electorais, moitas non parecen estar moribundas e mesmo o sucedido nalgúns países onde está gobernando –Portugal, España, Alemaña….- ou con posibilidades de gobernar nun futuro non lonxano –Gran Bretaña, Suecia…- “pon en cuestión as reflexións simplistas sobre a crise terminal da socialdemocracia. Aínda así, a falta de rexeneración da socialdemocracia tradicional salta á vista, o que plantea outra cuestión cando nos enfrontamos ao actual auxe das tendencias dereitistas e autoritarias… Hai espazo para a aparición de novas alternativas de esquerda?” ” (GORA THERBORN: “Suecia e a crise da socialdemocracia europea”).

Hai alternativas a socialdemocracia tradicional?

O sucedido nalgúns países relevantes de Europa  –Francia, España, Grecia, Portugal, Irlanda….-  onde as perdas da socialdemocracia tradicional son substituídas polo ascenso de novas forzas de esquerda -La France insoumise, Pódemos. Syriza, Bloco de Esquerda, Sinn Fein….-, parece querer demostrar que si existe ese espazo.

O escenario das esquerdas en Europa non está nada claro nin moito menos parece definitivo. Si que é indiscutible que tanto o movemento comunista -moi especialmente logo da caída do muro de Berlín que deixou en evidencia a realidade dos países chamados socialistas- como o movemento socialdemócrata -que non demostra ser quen de presentar alternativas convincentes tanto a mundialización neliberal como a burocratización dos partidos- son historia. Unha historia escrita por millóns de homes e mulleres que deron a súa vida pola mellora das condicións de vida e traballo das clases populares, pola igualdade, a liberdade e a democracia, tendo como unha das súas mellores armas a da solidariedade.

Unha historia, con capítulos diferentes segundo que países, pero que ten moitas máis luces que sombras, e das que quixen deixar constancia.


Este é o meu último artigo sobre as longas e recorrentes crises ideolóxicas das esquerdas. Os que virán máis adiante xirarán en torno as “novas esquerdas”.
[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]