AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. A socialdemocracia faise social-liberal

| Outros

por Manoel Barbeitos

Os anos oitenta farán historia na socialdemocracia europea, pois marcarán o seu abandono do socialismo e a súa conversión ao socioliberalismo -incorporación do neoliberalismo nos partidos socialdemócratas- como reflicten os casos de Francia, España, Italia, Gran Bretaña e Alemaña, entre outros. Unha conversión que terá unha das súas manifestacións máis serodias no afastamento, cando non o enfrontamento, co que fora historicamente o seu aliado e principal apoio: o movemento sindical. Un divorcio que convertirá a nova socialdemocracia nun partido das clases medias, interclasista, e non tanto nun partido das clases traballadoras. Implicando con iso o abandono tanto das políticas económicas keynesianas, que se apoian na fortaleza da demanda, como do establecemento do estado de benestar, traendo mudanzas na política exterior cun abandono do pacifismo e a asunción, nalgúns casos coa fe dos novos conversos, das políticas belicistas da OTAN.

Partidos das clases medias que, a pesar diso, non son quen de liderar políticas relacionadas coas novas problemáticas sociais -medioambiental, xénero, mocidade, territorio…- que vai creando o desenvolvemento desigual do capitalismo. Finalmente, o socioliberalismo buscará as súas alianzas mirando preferentemente ás dereitas máis que ás esquerdas, pois será fortemente anticomunista. Unha posición que en último extremo non lle impedirá, chegado o caso -como sucedería en Francia, Portugal e España- pactar cos comunistas se é necesario para o reparto do poder.

Fronte á ofensiva neoliberal que impulsa a mundialización económica e que ten a Ronald Reagan e Margaret Thatcher como abandeirados, a socialdemocracia aparece claramente dividida e circunscrita cada cal ao seu país de xeito independente. Algo que quedaría de manifesto en como de diferente se expresa a maioría de esquerdas en cada un dos países da Europea occidental. Unhas diferenzas que, compre subliñalo, non eran menores dentro da propia clase obreira na que cada vez era máis evidente “o aumento do sectorialismo… Estamos diante dunha división cada vez maior dos traballadores en sectores e grupos, cada un dos cales persegue os seus propios intereses económicos sen importarlles o resto” (ERIC HOBSBWAN: Anos interesantes. Unha vida na século XX”).

A mundialización da economía, a súa terciarización “tiña cambiado ao proletariado industrial, tíñao reducido relativamente e o tiña dividido” (E.H.). Unha situación que favoreceu que medrara a tensión entre o movemento sindical e os gobernos tanto foran froito da unión das esquerdas como exclusivamente socialdemócratas. Esta situación ocasionaría que os partidos socialdemócratas foran perdendo progresivamente un apoio entre as clases traballadoras, apoio que antes era maioritario.

Neste abandono a establecer o socialismo ten tamén a súa importancia “a forma de desenvolvemento da actual democracia representativa” un fenómeno que resulta aplicable practicamente a todo Occidente e a tódolos partidos e “que facilita o xurdimento dun corporativismo partidista que alcanza a súa máxima expresión coa profesionalización da política, é dicir, a conversión da política no politiqueo que fan os aparatos dos partidos” (V.N.). Esta situación facilita o establecemento das castas, un perigo constante das democracias representativas.

A socialdemocracia francesa e a unión das esquerdas

En 1972, o Partido Socialista, o Partido Comunista e o Partido Radical, un grupo moi  minoritario, asinan un Programa Común, co que os socialdemócratas franceses evidenciaron que aceptaban como aliados aos comunistas, sen que a pesar diso se poidan ocultar as diferenzas na interpretación por parte de cada un dos asinantes. Un goberno de esquerdas que recibira dos seus electores o mandato de reverter a profunda crise económica, pero facéndoo a contracorrente do modo neoliberal que preconizaban Ronald Reagan e Margaret Thatcher.

Pero o maior problema con que tropezaría a socialdemocracia francesa e, con ela, o goberno francés de esquerdas, foi a súa incapacidade para “impulsar a economía unilateralmente. Aos dous anos da triunfal elección do presidente Miterrand, Francia tivo que afrontar unha crise na balanza de pagos, viuse forzada a depreciar a súa moeda e a substituír o estímulo keynesiano da demanda por unha austeridade con rostro humano” (ERIC HOBSBWAN: “Historia do século XX”). Este xiro, que supoñería un incumprimento fragrante do programa común,  significaba que o goberno francés (1981-1985), como sucedería logo en practicamente tódolos estados europeos onde a socialdemocracia chegou a gobernar, non adoptaría as “medidas de transformación social propias da tradición de esquerda, senón que en tódolos casos se produciu unha deriva a posicións centristas moderadas, que se xustificaban pola necesidade de facer fronte á desfavorable evolución da conxuntura económica e ao endebedamento que implicara o desenvolvemento do estado de benestar” (JOSEP FONTANA: El siglo de la Revolución).

Esa tal deriva, como sinalaba con anterioridade, parte da renuncia dos partidos socialdemócratas a establecer o socialismo, e apóiase no seu distanciamento coas clases traballadoras e a súa alianza cons grupos financeiros e económicos dominantes, tal e como estamos vendo que sucede na maioría dos estados europeos da UEM.

A pesar dos triunfos posteriores -tanto o liderado por J. Jospin, que chegaría a Primeiro ministro (1997-2002) como o protagonizado por Françoise Hollande cando alcanzaría a Presidencia de Francia (2012-2017)-, ese distanciamento levaría á práctica desaparición do histórico PSF, que viu como a súa influencia entre as clases traballadoras e medias francesas diminuía enormemente sendo superado pola nova esquerda (LFI) liderada por Jean-Luc Mélenchon.

O abandono do socialismo pola socialdemocracia española

Como estaba sucedendo practicamente en tódolos estados da Unión Europea, en España a deriva socioliberal da socialdemocracia (PSOE) comezou coa súa renuncia (Congreso extraordinario de 1979) a “establecer o socialismo, o seu distanciamento coas clases traballadoras” -que tería a súa máxima expresión no divorcio co sindicato afín (UGT)- “e a súa alianza con grupos financeiros e económicos dominantes” (VICENÇ NAVARRO: O abandono do socialismo pola socialdemocracia española), como se poría claramente de manifesto co auxe das chamadas “portas xiratorias” que facilitan que un número nada desprezable de exdirixentes socialistas pasen a ocupar postos directivos en empresas relevantes do IBEX 35.

O divorcio co movemento sindical terá como  causas principais, que non únicas, o abandono de dous sinais de identidade da socialdemocracia: o mercado laboral e as pensións. A aposta liberal tanto en política laboral como sectorial, con brutais reconversións, conducirá a que se facilite o despido e se dispare a precariedade -autorízanse ata 14 tipos de contrato laboral-, sen conseguir baixar o elevado desemprego -que oscilaría entre un 20% e un 15%- moi especialmente entre os/as traballadores/as mozos/as, así como a unha forte terciarización da economía -o peso da industria caería do 28% do PIB ao 16%- que debilitará o aparato produtivo.

A obsesión pola inflación (16% cando o PSOE chegou ao goberno) levará a que se reduza a oferta monetaria e a que o investimento produtivo -que non especulativo- se manteña en niveis moi baixos, ao tempo que se aposta por unha austeridade fiscal que ten entre as súas vítimas as xa citadas pensións públicas asi como as prestacións por desemprego.

Este abandono dos obxectivos socialdemócratas por parte do PSOE e a súa adaptación ao liberalismo, que se fixo máis evidente durante as últimas lexislaturas de Felipe González -pero que non debe ocultar a evidencia de que durante os seus primeiros gobernos (1983-1989) foi cando máis se expandiu o estado de benestar en España cunha redución a metade do déficit social- quedaría definitivamente en evidencia durante os gobernos de Rodríguez Zapatero. É cando o PSOE se alinea de forma clara e decidida coas teses da terceira vía de Tony Blair, abandonando definitivamente a socialdemocracia.

Os gobernos do PSOE chegarían a renunciar á progresividade fiscal -“baixar os impostos é de esquerdas”-, apoiarían a desregulación dos mercados, especialmente o financeiro, e defenderían a non expansión do gasto público” (V.N.) -a pesar de que España foi sempre un dos estados da Unión Europea con menor gasto público social-, a sucesivas conxelacións das pensións e ao atraso da idade de xubilación, a desregulación do mercado laboral e a redución dos salarios reais. Unhas decisións políticas coas que o PSOE, tal e como sinalaba, poñía en evidencia a súa asunción das teses -dogmas- neoliberais e confirmaba o seu maridaxe coa oligarquía financeira e económica española.

A socialdemocracia alemana, paradigma socioliberal

Aínda que a socialdemocracia alemana xa abandonara facía décadas os obxectivos propios a socialdemocracia, foi durante o mando de Gerhard Schröder (1998/2005) cando se alineou dunha forma definitiva co neoliberalismo, ao “establecer unhas políticas económicas e laborais que benefician ao mundo financeiro e a gran patronal alemana, pero que supoñen a gran explotación da clase traballadora” (VICENÇ NAVARRO: A crise da socialdemocracia) e un deterioro crecente do estado de benestar alemán. Mediante o que se dou a coñecer como Programa 2010, o goberno da chanceler Gerhard enfilou de forma firme e decidida a senda neoliberal de apoio ao capital financeiro e exportador e de abandono das clases traballadoras.

Unha senda marcada por un  acrecentamento das políticas de austeridade fiscal, de rebaixa salarial e precarización do mercado laboral -minijobs- acompañadas de sucesivas rebaixas das pensións, así como de un endurecemento das condicións de acceso ao seguro de desemprego e outras funcións de benestar. Unhas políticas que provocarían un enorme debilitamento da demanda interna, un incremento da débeda pública e unhas maiores ganancias das rendas do capital a costa das rendas do traballo. O incremento da desigualdade provocaría un enorme descontento entre as bases socialdemócratas, a al punto que acaba levando a unha división do partido co abandono dun número de destacados militantes, a cuxo fronte estaría Oskar Lafontaine, e que crearían o partido Die Linke -La izquierda-, e unha forte caída electoral -superior ao 15%-.

En realidade, Gerard Schröder marcaría o camiño que posteriormente seguirían a maioría dos estados da Unión Europea, coas consecuencias coñecidas tanto en materia de emprego e benestar como de crecemento económico. “O modelo alemán” -o ordoliberalismo- “foille moi ben á banca alamana e ao mundo exportador para o cal Schröder traballa hoxe. Pero o modelo alemán construído en base a unha explotación da súa clase traballadora… está prexudicando a todas as clases populares dos países da Eurozona” (V.N.)

A socialdemocracia inglesa e a terceira vía

Seguramente sería en Gran Bretaña, onde o Partido Laborista tiña sido historicamente unha forza de goberno decisiva grazas a súa alianza “fraternal” co movemento sindical, cando esta perda de apoio da socialdemocracia entre as clases traballadoras se poría máis de manifesto. Unha perda de apoio cuxa responsabilidade seguramente haxa que repartir a partes iguais entre os dirixentes partidistas e os sindicais polas súas prácticas sectarias durante eses anos.

Nos anos oitenta, en Gran Bretaña “o ascenso aparentemente imparable, aínda que non continuo do movemento obreiro durante a primeira metade do século XX parecía ter chegado ao seu fin” (E.H.). Unha realidade que poñía en evidencia que a socialdemocracia, e toda a esquerda británica en xeral, se afrontaba con serios problemas. É o que comportou dolorosas rupturas internas, TUC e Partido Laborista, que favorecerían primeiro o triunfo dos conservadores (1979), dirixidos pola sua nova líderesa Margaret Thatcher, e logo o seu prolongado mandato (1979-1990) cando gañaría tres eleccións xerais consecutivas (1979, 1983, 1987).

Durante todos estes anos, o thatcherismo foi a única estratexia existente en Gran Bretaña. Velaí que, a pesar dos numerosos cambios habidos no liderado do Partido Laborista, finalmente a derrota do thatcherismo sería froito da súa propia impopularidade: “acabou facéndose tan impopular, que tería perdido ante calquera oposición do signo que fora… e así foi….ao cabo de dezaoito anos” (E.H.). Unha perda de poder que non comportou a desaparición de thatcherismo; moitos dos seus elementos máis característicos seguen hoxe vixentes en Gran Bretaña a pesar do posterior triunfo dos laboristas con Tony Blair (1997-2007) e Gordon Brown (2007-2010) como primeiros Ministros que sentaron as bases do que se deu a coñecer como a terceira vía.

O novo laborismo, o da chamada terceira vía, chegaría “a aceptar os resultados lóxicos e prácticos do thatcherismo, e a abandonar deliberadamente todo o que aos electores de clase media puidera lembrarlles aos traballadores, os sindicatos, industrias de propiedade pública, xustiza social e igualdade, por non falar de socialismo” (E.H.). As críticas máis rigorosas descualificaron “ao Novo Laborismo, non porque tivera aceptado as realidades que comporta o feito de vivir nunha sociedade capitalista, senón por aceptar demasiados presupostos ideolóxicos da teoloxía económica do mercado libre dominante. Entre outros, o presuposto que destrúe os cimentos de todos os movementos políticos que preconizan a mellora das condicións de vida do pobo, e polo tanto a xustificación dos Gobernos laboristas, por caso aquel segundo o cal a xestión eficaz dos asuntos sociais só se pode conseguir mediante a procura do beneficio persoal, isto é, a través da conduta do empresario” (E.H.).

O máis grave do asunto “foi que esta doutrina das terceiras vías, que se estendeu a Europa con Tony Blair e, nun papel secundario, con Felipe González, significaba o final da socialdemocracia, que fora a grande inspiradora das décadas de progreso que seguiron á Segunda Guerra Mundial, e que agora ía renderse, non sen beneficio persoal para os seus corruptores, ao capitalismo máis depredador” (J.F.). Unha doutrina que, por caso, favorecerá que o sector financeiro e especulativo coñeza un crecemento espectacular como nunca tivera no era do capitalismo.