por Manoel Barbeitos
“A imaxe que a opinión pública ten de Suecia está formada por unha serie de trazos que se consolidan durante o século XX: nivel e calidade de vida particularmente altos, os salarios máis elevados de Europa, sociedade igualitaria que exclúe a pobreza e mesmo calquera diferenciación notable de clase, preocupación polo benestar xeral, tranquilidade na vida privada e pacifismo nas relacións internacionais” (JACQUES DROZ: “Os partidos socialistas sen competencia comunista. O socialismo democrático”). Cales son as bases do éxito do “modelo sueco”?
O Partido socialdemócrata sueco (SAP) ostentaría o poder, de xeito ininterrompido, dende 1932 a 1976, ben con maioría absoluta ben en alianza co Partido agrario. Gobernos que facilitarían que Suecia coñecera xunto a un crecemento económico espectacular un nivel de desenrolo do estado de benestar superior ao de calquera outro país. Velaí que se fale do “modelo sueco”. Un modelo político cuxo éxito se apoiaría tanto nunha decisiva influencia do movemento sindical entre as clases traballadoras e os afiliados do Partido socialdemócrata como nunha aposta dos gobernos suecos por procurar a cooperación entre o goberno, os sindicatos (LO: Confederación Obreira do Traballo) e as organizacións empresariais (SFA: Confederación Patronal).
A cooperación, propiciada polos gobernos socialdemócratas, entre a LO e a SFA foi unha constante durante todos estes anos, o que fixo posible conseguir un número relevante de acordos entre o mundo do traballo e do capital, que serían lexitimados polos gobernos socialdemócratas de quenda e que permitirían enormes avances en materia de igualdade e prosperidade. Como elemento central destes avances, o da creación de emprego, que terá tres fontes principais: a creación de traballos públicos -basicamente nos servizos de benestar-, a formación profesional e a reciclaxe cos que se intenta adaptar a oferta de traballo á demanda.
“Este esforzo emprendeuse, ben no plano sectorial a prol de certas categorías sociais -anciáns, doentes e discapacitados- ou ben no plano da redistribución, enmarcando ao cidadán dende a berce ao sepulcro nunha complexa rede de seguros que constituirían o terzo dos gastos do Estado e recorrendo para financialos, ao orzamento, é dicir, ós impostos” (J.D.). O Estado faise así cargo de practicamente todo o que afecta ao emprego, a familia, a vellez compartindo co resto das administracións públicas -por caso, os concellos- os gastos en sanidade e ensino. “Coa mesma preocupación, procedeu igualmente a democratización do ensino pola gratuidade dos estudos a tódolos niveis, as axudas estudantinas, a asistencia obrigatoria aos centros escolares e o desenrolo da formación permanente” (J.D.)
Seguindo este camiño, e sobre a base dun socialismo funcional, Suecia definiu “unha vía sueca ao socialismo que descansa na igualdade ocasional dos cidadáns, tendo estes, sen atender ao nacemento ou a fortuna, os medios para desenvolver tódalas posibilidades das que o dotou a natureza” (J.D.). Unha vía sueca ao socialismo que no relativo ao mercado laboral era, como sinalaba anteriormente, o resultado “das negociacións entre os sindicatos e a organización empresarial. Denominouse política salarial solidaria con dous elementos. Un era conseguir a igualdade salarial polo mesmo traballo, independentemente da capacidade de pago de cada empresa. O outro elemento era elevar o nivel salarial nas áreas de baixa remuneración e así comprimir a distribución salarial. O obxecto do programa era en realidade aumentar a velocidade na racionalización estrutural das industrias e eliminar as empresas e ramas menos produtivas”(INTERNATIONAL: “A economía sueca no século XX”).
Un modelo que se estendeu a toda Escandinavia
Os outros partidos escandinavos intentaron seguir o modelo sueco e facer un traballo semellante. A pesar diso, tiveron menos tempo que os suecos por mor dos distintos resultados electorais obtidos. Por caso, en Noruega a socialdemocracia so conseguiu conservar o poder en solitario ata o ano 1961, cando unha escisión pola súa esquerda -Partido Popular Socialista- que renega da pertenza de Noruega a OTAN provocou un importante retroceso electoral da socialdemocracia tal que a levou a perder o goberno (1965).
En Dinamarca, a socialdemocracia ascendeu ao goberno en 1955 para perder posicións en 1966 polas mesmas razóns que en Noruega, sendo relegados á oposición (1968). “Dende entón os partidos socialdemócratas recuperaron o poder nestes dous países, aínda que con maiorías moi axustadas e con enfrontamentos en materias tan relevantes como as nacionalizacións e o Mercado Común. As eleccións de 1973 fóronlles desfavorables, beneficiándose partidos antiimpostos (Lange en Noruega, Glistrup en Dinamarca” (J.D.)
“Fracasos” que fixeron pensar a moitos se o socialismo escandinavo, ao deixar de ser o partido dominante que fora durante moito tempo, non estaba atravesando por eses anos unha crise de confianza.
Un modelo historicamente importante
Para valorar na súa xusta medida a importancia histórica da socialdemocracia escandinava nestas décadas, non hai que perder de vista que o “seu éxito inicial” ten lugar nun momento en que en Europa “se estaba producindo un forte xiro para a dereita “(ERIC HOBSBWAN: “Historia do século XX”) como consecuencia da Gran Depresión. En realidade foi esta a que lle deu vida ao modelo sueco que “ao principio non foi tanto un programa consciente ou unha alternativa política, canto a convicción de que era necesario evitar que se producira unha crise como a que se viña de superar e, no mellor dos casos, unha disposición a experimentar outras fórmulas, estimulada pola fracaso do liberalismo clásico. A política socialdemócrata sueca posterior a 1932, ao menos ao xuízo dun dos seus principais inspiradores, Gunnar Myrdal, foi unha reacción consciente aos fracasos da ortodoxia económica que aplicara o goberno laborista de Gran Bretaña en 1929-1931” (E.H.).
Un éxito que se mantivo durante o período da “guerra fría” cando, como consecuencia da mesma, o retroceso das esquerdas en Europa foi indiscutible e “a grande expansión económica dos anos cincuenta estivo dirixida, case en tódalas partes, por gobernos conservadores moderados. Nos Estados Unidos (a partires de 1952), en Gran Bretaña (dende 1951), en Francia (a excepción de breves períodos de gobernos de coalición), Alemaña Occidental, Italia e Xapón, a esquerda quedou completamente apartada do poder, se ben os países escandinavos seguiron sendo socialdemócratas” (E.H.).
Incluso nos anos posteriores á chamada “idade de ouro” de occidente, cando se produce a ralentización económica da década dos setenta e os oitenta, “Suecia, o estado socialdemócrata por excelencia, mantivo o pleno emprego con bastante éxito grazas aos subsidios industriais, creando postos de traballo e aumentando considerablemente o emprego estatal e público, o que fixo posible unha notable expansión do sistema de benestar” (E.H.). Pero tales políticas “só podían manterse reducindo o nivel de vida dos traballadores empregados, con impostos penalizadores sobre as rendas altas e a costa de grandes déficits. Se non volvían os tempos do grande salto adiante, estas medidas só podían seren temporais, de modo que comenzou a facerse marcha atrás dende mediados dos oitenta. A finais do século XX, o modelo sueco estaba en retroceso incluso no seu propio país de orixe” (E.H.).
Un modelo esgotado?
Un retroceso ao que contribuiría decisivamente a mundialización económica que tomou corpo neses anos (70 e 80) e que puxo a tódalas economías occidentais a mercede dun mercado mundial liberalizado e desregulado, totalmente “incontrolable”. Como é ben sabido, a mundialización castigou fortemente a industria occidental, e Suecia non foi unha excepción. “A década dos setenta significou o fin dunha serie de traxectorias de crecemento exitosas na sociedade industrial. Ao mesmo tempo apareceron novas forzas de crecemento coa revolución electrónica, así como co avance dunha economía máis baseada nos servizos. É posible que este cambio estrutural golpeara a economía sueca con máis forza que a maioría das demais economías, cando menos das economías capitalistas industriais. Neses anos -cando unha serie de industrias como a siderúrxica, a pasta e o papel, a construción naval e a enxeñería mecánica entraron en crise-, Suecia viuse obrigada a unha transformación da súa economía industrial e da súa economía política máis profunda que na maioría das demais economías occidentais” (INTERNATIONAL) e que afectaría tanto ao sector privado como público. “A construción naval abandonouse por completo, as industrias da polpa integráronse en fábricas de papel modernizadas, a industria siderúrxica concentrouse e especializouse, e a enxeñería mecánica dixitalizouse… Apareceron novas industrias de crecemento máis intensivas en coñecemento, como as telecomunicacións baseadas na informática, as industrias farmacéuticas e a biotecnoloxía, asi como novas industrias de servizos” (INTERNATIONAL).
A pesar diso, eses cambios non comportaron un estancamento “en sentido real, senón unha transformación das estruturas industriais e unha reformulación da política económica, que se non se traduciron inmediatamente nunha aceleración do crecemento senón en desequilibrios e colos de botella que tardaron anos en eliminarse, si lograron que a partires dos anos 90 e deica o 2005 o crecemento se acelerase con bastante forza en comparación coa maioría das economías occidentais. Asi pois, as anos 80 poden considerarse como un caso sueco do paradoxo da produtividade cunha renovación innovadora que facilitara unha aceleración da produtividade e o crecemento a partir dos anos 90” (INTERNATIONAL).
Si comportaron eses cambios un debilitamento dalgúns compoñentes do modelo sueco de benestar. “Desapareceron as negociacións centralizadas e a política salarial solidaria. As regulacións do mercado de capitais desmantelaron baixo a presión dos crecentes fluxos de capital internacional, ao tempo que se producía unha forte reactivación do mercado de valores. A expansión dos servizos do sector público chegou ao seu fin e se reformou o sistema fiscal cunha redución dos tipos impositivos marxinais”(INTERNATIONAL).
A pesar diso, os cambios aos que vimos aludiendo non facían pensar que Suecia se transformaría no país que é hoxe en día. Por caso, mutando o pacifismo polo militarismo -Suecia vén de entregar, (maio do 2022) a súa solicitude de entrada na OTAN-. Xusto cando a socialdemocracia vén de abandonar o goberno polo grande ascenso do fascismo -Demócratas Suecos- nas últimas eleccións xerais, nas que quedou como segunda forza en número de votos.
Nun próximo artigo analizarei que está pasando en Suecia.