Martes 27, Setembro 2022
HomeOutrosAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS A socialdemocracia en España: da revolución de...

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS A socialdemocracia en España: da revolución de outubro á Guerra Civil

por Manoel Barbeitos

“Anos 1917 e 1945. Datas vitoriosas para o socialismo mundial. Datas amargas para o socialismo español: en 1917 fracasa unha revolución, e en 1945 o franquismo sobrevive ao derrubamento dos seus aliados. No intervalo, unha ditadura, un cambio de réxime político, varios intentos prerevolucionarios, e unha guerra civil perdida” (PIERRE VILAR: “El socialismo en España, 1917-1945).

Como estaba sucedendo en toda a socialdemocracia europea, a revolución de outubro (1917) non só non deixaría indiferente ao PSOE, senón que daría lugar a que no seu seo apareceran diferenzas importantes de opinión,  por caso en relación á postura a adoptar coa III Internacional. A resolución destas diferenzas non resultaría fácil, nin tampouco curta, pois sería necesario a celebración de varios congresos extraordinarios sen que houbera acordos ata que finalmente as Xuventudes Socialistas deciden pola súa conta adherirse directamente a Internacional Comunista e fundar o Partido Comunista Español (abril 1920). Así, á histórica división do movemento obreiro español entre socialistas e anarquistas sumábase agora unha nova forza: a dos comunistas.

Unha socialdemocracia dividida nun momento crítico

A escisión prodúcese no marco dunha conxuntura histórica na que España se atopa embarullada nunha tripla crise: económico-social, territorial e política, que ten claros referentes. Á altura de 1918 “a situación material española empeoraba. O paro, o crecente aumento da custo da vida, a emigración rural, o amoreamento dos recén chegados nos suburbios das cidades e, finalmente, a gripe española que durante o outono e principios de inverno tomou o aspecto dunha auténtica epidemia medieval, evidenciando unhas condicións de vida moi atrasadas nalgúns barrios urbanos e amplos sectores rurais, todo invitaba a dubidar da orde existente” (P.V.).

A resposta da socialdemocracia (PSOE) á tripla crise mostra as importantes diferenzas que existen non xa cos anarquistas (CNT) senón tamén a nivel interno. En primeiro lugar, fronte á crise política: diante das crises institucionais provocadas polo crecente intervencionismo militar que derruba e pon gobernos e a evidente crise institucional, a cuestión de se deberían os socialistas participar no goberno púxose a votación interna e o resultado, moi axustado, dálle a vitoria a quen defenden que non. En segundo lugar, en relación coa crise territorial, ante a pregunta de se se debe recoñecer a realidade do chamado feito nacional, a maioría impón que os proletarios non teñen patria. En terceiro lugar, fronte á crise económico-social e en concreto sobre a cuestión agraria, as propostas divídense  entre os defensores da división dos latifundios e a parcelación das propiedades e os que propugnan a socialización da terra e a mecanización das grandes propiedades.

Esta evidente división de opinións no PSOE, que se fai máis visible e intensa consonte a situación social (1919-1923) se agrava -folga xeral en Barcelona, marzo de 191- e o goberno responde con medidas cada vez máis represivas -lei de fugas- e violentas -terrorismo policial contra dirixentes políticos e sindicais-. A división interna impedirá a unidade de acción coa CNT, e todo acaba levando, como xa queda dito, a unha escisión que remataría na formación do Partido Comunista de España. “Pero a pesar dos problemas subliñados durante estes anos, a socialdemocracia española daría un salto moi importante mercede a unha afiliación crecente que lle permitiría converterse nunha verdadeira organización de masas (MIGUEL MARTÍNEZ CUADRADO: La burguesía conservadora (1874-1931)).

Non se debera menosprezar a influencia que durante todo este tempo exerceu o seu líder natural Pablo Iglesias. A pesar dos problemas de saúde, que arrastraba dende 1916, a súa opinión “seguiu sendo determinante tanto na importante cuestión da integración ou non na III Internacional Comunista” -que rexeita- “como na orientación moderada que a UGT adoptou en 1923 e 1924 fronte á ditadura militar” (M.M.C.)

A socialdemocracia e a ditadura de Primo de Rivera

“Inmersos na discordia, os partidos e sindicatos obreiros, impotentes diante do recomezo das violencias en Barcelona, incapaces de explotar a indignación pública polos desastres de Marrocos, atopáronse igualmente desarmados diante do pronunciamento do xeneral Primo de Ribera, o 13 de setembro de 1923, que cobre as responsabilidades reais e tranquiliza á burguesía catalá. A resistencia obreira a este golpe de Estado aparentemente pacífico (….) reduciuse a unha folga comunista en Bilbao, curta e localizada, a un vano chamamento da CNT, e a unha visita aínda mais inútil de Buenacasa a Largo Caballero” (P.V.).

Primo de Rivera xogaría dende o principio a carta da división do movemento obreiro, buscando por caso que a socialdemocracia -a través da UGT e de Largo Caballero- participara na gobernanza. Un convite que este aceptaría buscando así salvar a súa organización (UGT), estratexia que recibiría fortes críticas pero tamén claros apoios -“dende calquera punto de vista, a ditadura militar representaba un progreso respecto ao abolido” Ramos Oliveira -periodista, escritor e  historiador socialista- (M.M.C.). A realidade foi que esta posición colaboracionista comportou para a socialdemocracia (PSOE) unha considerable perda de militantes.

Dita colaboración cambiará radicalmente de rumbo a partir de 1928, cando “todos os diversos socialismos colaboraran na crecente oposición contra Primo de Rivera e na conspiración republicana, abortada en 1930 no seu formato insurreccional, e triunfante nas eleccións municipais de abril de 1931” (P.V.) que facilitarían a proclamación da República (14 de abril). Unha proclamación para a que “a participación directa dos xefes socialistas (Prieto, Largo Caballero e De los Rios) tanto no Pacto de San Sebastián, que agrupou a tódolos partidos republicanos, como no comité que se converterá en goberno”, sería decisiva para ambas aprobacións (P.V.).

A socialdemocracia española e a República

Dende o mesmo momento da súa constitución (14 de abril de 1931), a República española viu como os vellos problemas que se viñan arrastrando secularmente -a cuestión agraria, a crise territorial, a desigualdade social…- saían á luz e con moita violencia. Unha situación fronte á que dentro das esquerdas -socialistas e anarquistas- apareceron con nitidez dúas posicións -a reformista e a putchista (P.V.)- que se correspondían cos dous grandes movementos obreiros do momento: UGT e CNT, duramente enfrontados. “Os socialistas (PSOE) dende o goberno creron conformar ao movemento obreiro esbozando reformas cuxo ritmo e contido estaban por debaixo dos problemas formulados” (P.V.)

Problemas sociais de moi fondo calado que non atoparían solución durante a República. Así pasaría coa chamada “cuestión agraria” que, marcada tanto pola división das esquerdas en canto ao seu contido, como pola furibunda reacción dos latifundistas contrarios ás reformas -como, por caso, a suba do salario mínimo agrícola imposta por Largo Caballero-, quedaría sen resolver a pesar de terse aprobado unha Reforma Agraria. O mesmo sucedeu cos conflitos sociais derivados da dura e difícil situación dunhas clases traballadoras empobrecidas que se atoparon cunha forte división a nivel sindical (CNT/UGT) tal, que daría lugar a episodios tráxicos marcados por duros enfrontamentos (Madrid, Bilbao, Barcelona, Málaga) entre os propios traballadores (anarquistas/socialistas) e destes con o goberno republicano. Un marco de forte conflitividade no que a socialdemocracia española (PSOE) se atopaba dividida entre os que apoiaban a un goberno (I. Prieto) e os que o facían coas reivindicacións sindicais e obreiras (Largo Caballero). Finalmente tamén cos conflitos territoriais cuxa máxima expresión se recollía no enfrontamento entre Barcelona e Madrid, pero que tiña unha dimensión moito máis ampla e plural.

Moitos autores explican a contraditoria actuación da socialdemocracia neste período histórico como froito dun enfrontamento entre reformistas -cuxa cabeza máis visible sería Indalecio Prieto- e revolucionarios -que todos coinciden en sinalar que tiña como máximo representante a Largo Caballero-. Unha visión simplista que parece esquecer a realidade dunha situación social enormemente conflitiva que se arrastraba dende moi atrás e que crearía, como sinalaba antes, unha dialéctica entre reformismo e golpismo (P.V.).

Unha dialéctica fronte á que o goberno republicano finalmente optaría pola represión, con terribles e dramáticos episodios que o confirman: a insurrección na conca mineira do Alto Llobregat (1932), o famoso e tráxico episodio de Casas Viejas en Cádiz (1933) -ámbalas dúas co protagonismo total e absoluto da CNT, provocando neste último unha  fatal crise política que remataría coa caída do goberno republicano-socialista que contaba con Manuel Azaña na xefatura de goberno, Indalecio Prieto en Obras Públicas e Largo Caballero en Traballo-, e a chamada Revolución de Asturias (1934) -liderada pola Alianza Obreira que formaron socialistas e anarquistas, pero con protagonismo especial dos primeiros por medio dos sectores adscritos ao largocaballerismo e as xuventudes socialistas-.

Eses episodios daríanlle paso ao chamado “bienio negro” (1934-36), que iniciaría a súa andadura coa memoria fresca da sumarísima represión por parte do exército en Asturias que, dirixida por F. Franco dende Madrid, contaría co apoio da Lexión, ocasionando máis de 1.100 mortos e 2.000 feridos e a presenza nas cadeas de máis de 30.000 presos entre os que a maioría eran traballadores.

Unha realidade social altamente conflitiva que o vello líder obreiro (Largo Caballero) parecía ver con maior claridade que algúns dos seus compañeiros de partido (Indalecio Prieto), e na que as duras condicións laborais chocaban coas expectativas que entre as clases traballadores -obreiros e campesiños- creara a proclamación da República. Con Alexandro Lerroux á fronte dun goberno que contaba con ministros da CEDA, a República non dubidaría de empregar a súa Garda de Asalto e a súa Lei de Defensa da República, sobre todo, contra o movemento obreiro. (P.V.)

Esa coxuntura viu como a actuación da socialdemocracia española -que fora quen conseguira que a Constitución proclamase a España “República dos Traballadores” (P.V.)– era superada unha e outra vez pola estratexia insurreccional dos anarquistas, co resultado de que “España caía de novo en mans dos maiores inimigos, non só da revolución senón tamén das reformas” (P.V.). Unha caída da que non poucos responsabilizaron aos anarquistas (CNT, FAI) e aos inmigrantes, pero que realmente “esqueceron a miseria deses inmigrantes, os míseros salarios e as duras condicións laborais dos traballadores, a situación dos campesiños andaluces….Pensábase que o axitador era o responsable das rebelións e non o estado social o que xustificaba ao axitador” (P.V.)

“Esmagado en outubro de 1934, o movemento obreiro español sería salvado a vez polos vicios e polas virtudes da República (…..) En xaneiro de 1936 o presidente da República, Alcalá Zamora, procedeu á disolución das Cortes, e o día 16 de febreiro, polo xogo electoral, España, aproximadamente dividida en dúas, atopouse cunha representación das esquerdas que adoptaron a táctica electoral da Fronte Popular, composta por 99 socialistas, 16 comunistas, 1 do POUM e outro do Partido Sindicalista. Despois de todo, e para a historia do socialismo, o máis importante é o acontecemento final: sería o movemento obreiro organizado, aínda que dividido, o que por primeira vez dende 1814 rompe en España a xa clásica alternativa entre liberalismo formal e pronunciamento conservador” (P.V.). Sería a reacción social fronte á ameaza fascista.

Guerra civil e revolución

Fronte ás múltiples versións históricas que se escribiron sobre a traxedia da guerra civil española (1936-1939), algunhas ben intencionadas outras interesadas, tomei a decisión por dar algunhas opinións contrastadas sobre a posición das esquerdas españolas durante este evento tan decisivo na historia de España.

En primeiro lugar, é de xustiza afirmar que “sen a preparación psicolóxica, organizativa, a veces paramilitar, da clase obreira dentro dos seus partidos, das súas xuventudes, dos seus sindicatos, o pronunciamento clásico tiña tódalas posibilidades para triunfar, coa soa saída das guarnicións a rúa, igual que no século XIX. A forza armada atopou un grande obstáculo na loita de clases” (P.V.). Unha resistencia por que esta vez si funcionou a unidade das esquerdas, porque “a realidade se impuxo tanto aos anarquistas como aos comunistas, aos socialistas e as republicanos: había que loitar de xeito organizado, producir de forma organizada e armarse de forma organizada”. Xa non cabían as batallas internas, por caso, entre prietistas e largocaballeristas.

Unha unidade que, a pesar diso, non puido evitar diferencias dramáticas como por caso tiveron lugar en Cataluña, en plena contenda, entre trotskistas (POUM) e comunistas (PCE): “se houbera querido un Outubro. Pero só se tivo unha Semana Tráxica (….) Triste páxina na historia do socialismo” (P.V.). Pero fronte a esta traxedia, non se pode ocultar que esa unidade (socialistas, anarquistas, comunistas, republicanos) en plena guerra civil foi quen de distribuír entre os campesiños pobres máis terras que en todo o tempo da República, que nas empresas medianas e grandes tamén foi quen de formar máis comités ca nunca… Era unha revolución ou un intento de supervivencia?.

Que papel desempeñou a socialdemocracia (PSOE) neste unidade tan particular e na súa concreción?: “como definir a actitude dun partido que contaba a vez con Largo Caballero, e Prieto, Besteiro e Alvarez del Vayo, Wenceslao Carrillo e Negrín?. Os entusiasmos e as condenas a posteriori, sentimentais ou intelectuais, xeralmente non encobren máis que simpatías ou antipatías políticas comúns, e isto é o que imprime un carácter a vez irritante e non desprovisto de sentido aos innumerables relatos das crises gobernamentais e crises individuais. As liñas divisorias son observables, xeralmente entre o derrotismo e as solucións extremas dos militantes, entre os que se deixan dominar por un anticomunismo sempre latente e os que se negan a ceder a el por un espírito xacobino coa idea de salvar a República” (P.V.)

“Unha historia do socialismo non debera ignorar cantos socialistas, comunistas e anarquistas caeron baixo a desapiadada represión, tanto nas zonas onde triunfou o movemento militar dende un principio, como despois da total ocupación do territorio, polas tropas franquistas en 1939” (P.V.)


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]