por Manoel Barbeitos
Resulta correcto afirmar que Europa viviu unha etapa histórica excepcional, única durante os “trinta anos gloriosos”, cando as economías tiveron unha expansión prolongada que bateu tódalas marcas anteriores. A pesar diso, “os beneficios materiais do desenvolvemento tardaron o seu en facerse sentir” (ERIC HOBSBAWN: “Historia del siglo veinte”) deica os anos cincuenta e sesenta, cando o nivel de desemprego se situou no 1,5% e o nivel medio de benestar tivo un crecemento espectacular.
A vida nos países europeos ricos transformouse. “A economía medrou tan as présas que ata nos países industrializados a clase traballadora industrial mantivo ou incluso aumentou a súa porcentaxe dentro da poboación activa (…) e os ingresos dos traballadores medraron ano tras ano case de xeito automático“ (E.H.). O que resulta indiscutible é que nestes trinta anos gloriosos “produciuse unha reestruturación e unha reforma substancial do capitalismo, e un avance espectacular na globalización e internacionalización da economía” (E.H.). O capitalismo de posguerra foi “no esencial unha especie de matrimonio entre liberalismo económico e socialdemocracia” (E.H.). A grande depresión puxera en evidencia o fracaso do mercado libre, e “a partir de entón haberá que complementar o mercado coa planificación e a xestión pública da economía ou ben actuar dentro dos mesmos” (E.H.).
Un marco no que encaixaba perfectamente a socialdemocracia que ademais carecía dun proxecto alternativo, en realidade dun proxecto propio. “Na práctica, a esquerda dirixiu a súa atención cara á mellora das condicións de vida do seu electorado da clase obreira e á introdución de reformas a tal efecto (…); á hora da verdade, un capitalismo reformado que recoñecera a importancia da man de obra e das aspiracións socialdemócratas xa lle parecía ben” (E.H.). Un marco que lle viña ben a todos, “aos empresarios a quen apenas lles importaba pagar salarios altos en plena expansión e con cuantiosos beneficios; aos traballadores que obtiñan salarios e beneficios complementarios que ían subindo con regularidade, e a un estado de benestar que ía ampliando a súa cobertura e era cada vez máis xeneroso. Os gobernos conseguían estabilidade política, debilitando así aos partidos comunistas -agás en Italia- e unhas condicións predicibles para a xestión macroeconómica que agora practicaban todos os estados. Ás economías dos países capitalistas industrializadas foilles marabillosamente” (E.H.)
A socialdemocracia ascende ao goberno: antisovietismo, estado de benestar e europeísmo
A pesar diso e a nivel político, este marco non posibilitou inicialmente o ascenso da socialdemocracia pois, coa excepción dos países escandinavos, os gobernos de Europa occidental nos anos cincuenta estiveron en mans das forzas conservadoras mentres as esquerdas estaban apartadas do poder. Os anos cincuenta foron un período de retroceso das esquerdas en Europa.
Unha situación que cambiaría nos anos sesenta cando a esquerda -que era socialdemócrata- gobernaría en moitos estados de Europa occidental -Francia, Bélxica, Alemaña Federal, Italia, Holanda-. Uns gobernos que traerían consigo o estado de benestar, estados nos que o gasto -ensino, sanidade, maiores, familia, emprego…- e o emprego públicos medraron espectacularmente ao tempo que a desigualdade se reducía considerablemente (THOMAS PIKETTY: “Breve historia de la igualdad”). Un cambio que remataría estendéndose mais aló de Europa, xa que “na década dos sesenta o mundo viviu o nivel máis alto do movemento de ascenso do progreso e da democracia que se iniciaría logo da Segunda guerra mundial” (JOSEP FONTANA: “El siglo de la revolución”).
A nivel político, para a socialdemocracia europea “a esperanza dunha modificación das estruturas sociais existentes non aparece como ligada a unha revolución violenta, senón ao triunfo dunha nova maioría parlamentaria dentro do Estado pluralista e democrático” (JACQUES DROZ: “El socialismo democrático”). Unha socialdemocracia que intentará, e logrará, a reconstitución da Internacional Socialista. Será en 1951 cando en Londres se forme “un Comité de Defensa Socialista Internacional (COMISCO). Estes traballos, dirixidos por socialistas británicos e alemáns, desembocarán na xuntanza dun Congreso Internacional en Frankfort del Main, no que estarán representados 34 partidos” (J.D.). Unha nova Internacional que “agrupaba exclusivamente aos países membros da OTAN, ligados por conseguinte a política dos Estados Unidos” (J.D.). “Estariamos rematadamente tolos ou afectados de miopía intelectual se non quixeramos comprender que a política norteamericana actual ten un carácter progresista e altruísta que até hoxe non tivo ningún estado de potencia similar” (MORGAN PHILIPS secretario do Labour Party).
Nun contexto internacional claramente marcado pola guerra fría, “tódolos membros da Internacional Socialista senten que pertencen ao mundo libre, o cal lles reforza na súa crenza da superioridade das institucións democráticas, sendo o seu inimigo non o imperialismo, ao que o liberalismo dos Estados Unidos e o Plan Marshall lle fai valorar dende unha óptica favorable, senón o comunismo estalinista que mantén aos pobos escravizados por medio do terror (…) A hostilidade ao comunismo é e será durante moito tempo a convicción común básica dos partidarios do socialismo democrático” (J.D.). Resulta indiscutible que as purgas estalinistas deses anos, os campos de concentración soviéticos, o muro de Berlín, a represión en Hungría, Polonia e Checoslovaquia fixeron medrar entre os socialdemócratas europeos un “sombrío antisovietismo”.
A nivel ideolóxico, a nova socialdemocracia europea abandonará o marxismo por consideralo unha doutrina desfasada e esquemática, antiga. “Insístese no feito de que os fenómenos de polarización anunciados por Marx non se produciron e que compróbase, polo contrario, a proliferación de grupos intermedios” (J.D.). Pénsase que nas sociedades industriais avanzadas “cesou a loita de clases e a revolución é un risco inútil. Mesmo chegan a recoñecer que as contradicións do capitalismo están en vías de atenuarse e que en adiante é posible reducilo paro e evitar a crise” (J.D.).
Conscientes da solidez do novo réxime capitalista, e “sen grandes ilusións sobre as posibilidades dunha radical transformación da sociedade, os partidos socialdemócratas confórmanse con vixiar o pleno emprego, máis importante que as reformas estruturais que virán por si soas” (J.D.) Como idea máis moderna da nova socialdemocracia estará o seu europeísmo, ” interese que dedica a organización comunitaria de Europa. Convencida de que hai que situarse no ambiente do capitalismo adepto á economía de mercado, recoñece que as reformas desexadas poderán lograrse no marco dunha Europa organizada económica e politicamente” (J.D.)
Diverxencias entre os socialdemócratas europeos
Estas importantes coincidencias iniciais entre os diferentes partidos socialdemócratas europeos non foron quen de impedir que, especialmente na década dos sesenta cando a socialdemocracia europea chega a gobernar en non poucos países, empezaran a agromar relevantes diferencias entre eles que non poucos historiadores e comentaristas políticos simplificaron clasificándoas entra unha socialdemocracia de dereitas -precursora do socialliberalismo- e unha socialdemocracia de esquerdas -nas que practicamente de forma unánime se inclúe as socialdemocracias escandinavas, nas que o peso intelectual e teórico de Gunnar Myrdal sería clave-.
Diferencias que a nivel político-ideolóxico se centraron outra vez no papel que ao marxismo se lle debería dar entre os distintos referentes da socialdemocracia. Así, os partidos socialistas de Alemaña, Austria e Gran Bretaña, na liña apuntada anteriormente, irán progresivamente rexeitando calquera relación co pensamento marxista, ao tempo que cultivan un crecente anticomunismo moi básico que se ve alimentado pola “guerra fría”. Paralelamente, e da man das diferencias anteriores, tamén van aparecendo opinións diverxentes en canto ao futuro do capitalismo e a súa real capacidade para reducir as diferencias sociais, o que conduciría a un debate nas filas socialdemócratas sobre o carácter dos partidos socialistas dende o punto de vista clasista. Tratábase para uns -alemáns, austríacos, británicos- de definirse como “partidos populares interclasistas dentro dun sistema pluralista, concedéndolle un papel primordial á iniciativa privada e á competencia no desenvolvemento económico, afirmando que pasaban dunha situación de protesta a outra de responsabilidade” (J.D.).
Posicións que serán criticadas por outros partidos socialdemócratas -moi especialmente polos escandinavos- que as consideran moi optimistas porque, entre outras razóns, non teñen en consideración nin as crises recorrentes do capitalismo nin a dificultade, por caso, “de conciliar estabilidade de prezos con crecemento e equilibrio dos salarios” (J.D.). Unhas diferencias que se agravarán “polas disensións creadas pola política exterior, en especial pola cuestión do armamento atómico, que está en contradición coas tendencias pacifistas do socialismo europeo. A actitude dos Estados Unidos na guerra de Vietnam virá a aumentar estas diverxencias” (J.D.).
Unhas diferencias que lles permitirán aos países escandinavos -liderados pola socialdemocracia sueca- para marcar o seu propio camiño. Un camiño que os colocará como un dos máis exitosos modelos socialdemócratas, ao ser quen de combinar a nivel interno emprego con benestar e calidade de vida para as maiorías co mantemento de posicións pacifistas a nivel internacional.