Mércores 28, Setembro 2022
HomeOutrosAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS A socialdemocracia e a II Guerra...

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS A socialdemocracia e a II Guerra Mundial

por Manoel Barbeitos

O 1 de setembro de 1939, Hitler -que asumira o cargo de chanceler de Alemaña en 1933- invadía Polonia -logo invadiría 10 países máis-, dando así comezo a II Guerra Mundial. Que ocorreu? Como foi posible que isto sucedera? Volvamos a vista atrás.

“A pesar da existencia de numerosos réximes electorais representativos, nos vinte anos transcorridos dende a marcha sobre Roma de Mussolini (27-29 de outubro de 1922) ata o apoxeo das potencias do Eixo na II Guerra Mundial rexistrouse un retroceso, cada vez máis acelerado, das institucións políticas liberais. Mentres que en 1918-1920 foron disoltas, ou quedaron inoperantes, as asembleas lexislativas de dous países europeos, ese número aumentou a seis nos anos vinte e a nove nos anos trinta, e a ocupación alemana destruíu o poder constitucional noutros cinco países durante a II Guerra Mundial. En suma, os únicos países europeos cuxas institucións políticas democráticas funcionaron sen solución de continuidade durante todo o período de entreguerras foron Gran Bretaña, Finlandia -a duras penas-, Irlanda, Suecia e Suiza” (ERIC HOBSBAWN: Historia del siglo XX).

Un período (1922-1939) no que as forzas políticas que ameazaban o sistema liberal eran todas de dereitas e tiñan en común non só o seu rexeitamento da revolución social, senón tamén a súa hostilidade contra as institucións políticas liberais e a súa preferencia polo uso dos corpos represivos do estado -exército, policía-, tanto para conservar o poder como para reprimir as “forzas subversivas” que elas focalizaban nas clases traballadoras. Unhas dereitas europeas ás que o triunfo de Hitler en Alemaña fascistizou en non poucos casos, e para as que o perigo xa non era só un movemento socialista e obreiro en ascenso, senón tamén unha crecente emigración e un colectivo -os xudeus- que simbolizaba “o odiado capitalista/financeiro” (E.H.).

Os discursos desas dereitas radicais calaban nas sociedades europeas entre unhas clases medias e baixas que antes foran liberais. Aproveitáronse do baleiro deixado polas esquerdas socialdemócratas e comunistas, véndose favorecida e alimentada a súa reacción e cuxa reacción polo afundimento do vello réxime liberal que puxo en cuestión a hexemonía dos seus dirixentes. Ese afundimento do vello réxime liberal sumado ao ascenso do fascismo e o nazismo que tiveron como grande alimento a Gran Depresión. Agora ben, “nin sequera a Gran Depresión tería dado a forza e a influencia que posuíu nos anos trinta se non levara ao poder un movemento deste tipo en Alemaña, un estado destinado polo seu tamaño, o seu potencial económico e militar e a súa posición xeográfica a desempeñar un papel político de primeira orde en Europa con calquera forma de goberno” (E.H.). Unha Alemaña na que a socialdemocracia, como sinalaba no meu anterior artigo, (A socialdemocracia, a posguerra e a Gran Depresión), “non parecía ser totalmente consciente do perigo que a ameazaba”.

A caída da República de Weymar, o ascenso do nazismo e o estalido da II Guerra Mundial

Unha das explicacións máis estendidas, especialmente entre as elites liberais e conservadoras alemanas incluso de hoxe en día, sobre as causas da caída da República de Weymar e o posterior ascenso de Hitler ao poder que abriu a porta da II Guerra Mundial, apóiase no impacto da grande inflación (hiperinflación). Unha tese que moitos non compartimos, entre outras razóns pola evidencia de que o período hiperinflacionario tivo o seu cumio entre 1919 e 1923 e os nazis acadaron o poder 10 anos despois -en 1928 o seu partido sacara menos do 3% dos votos-. Que pasou nesta década?

O que pasou foi que se cumpriu o vaticinio de J.M.Keynes de que Alemaña non se recuperaría por mor das súas enormes débedas derivadas das obrigas de pago por indemnizacións fixadas no tratado de Versalles (1919). Unhas débedas que axudaron a que “fora o país que en maior medida padeceu os efectos da grande crise económica do ano 1929” (CHARLES BETTELHEIM: La economía alamana bajo el nazismo).  Esa crise poría en evidencia a auténtica debilidade dunha economía como a alemana, cuxo sector bancario estaba terriblemente endebedado e con uns niveis de apalancamento suicida. Problemas que a crise mundial agravou aínda máis pola retirada dos capitais estranxeiros. “Agraváronse os problemas de liquidez e, a pesar das axudas do Reichsitalien, un dos maiores bancos alemáns, o Danat Bank, pechaba as súas portas o 13 de xullo de 1931. Os outros grandes bancos tiveron que pedirlle auxilio á policía para protexerse contra a multitude de desposuídos enlouquecidos que se abalanzaban sobre as portas. A mesma tarde do día 13, un decreto proclamaba vacacións bancarias: tódolos bancos alemáns pecharon as súas portas, as bolsas foron clausuradas” (CH.B.) O afundimento do sector bancario viuse acompañado dunha enorme crise industrial, “con base 1929 igual a 100 vemos que a produción industrial”, ferro, aceiro, “se funde a 55 en 1932… do segundo posto no mundo pasa ao quinto” (CH.B.). Unha enorme recesión que se reflectirá no desemprego “posto que o número de parados se triplica deica acadar a cifra de 6 millóns en 1932 (…) máis do 30% dos traballadores asalariados atopábanse en paro. Nalgunhas rexións do Reich a proporción acadou un valor moi próximo ao 50%”. (CH.B.).

Foi esa gran recesión económica a que favoreceu en boa medida o auxe do nazismo. “En particular, o nacionalsocialismo atopou un certo eco entre unha parte das masas obreiras, fartas da incapacidade dos seus xefes de propoñer unha solucións ás súas dificultades ou en promover unha acción eficaz (…) A conxuntura que levou ao poder ao nacional-socialismo é, xa que logo, inseparable da conxuntura económica” (CH.B.). O nacional-socialismo tamén soubo facerse portavoz dunhas clases medias que protestaban pola derrota de 1918 e polo trato que as potencias aliadas tiñan sometido a Alemaña.

Durante o período da república de Weymar, a socialdemocracia xogará distintos papeis, pasando de apoiar ao goberno conservador de quenda nos primeiros anos, o que lle supón unha grave derrota nas eleccións de 1924, a presidir o goberno logo das eleccións de 1928 pero, como sinalábamos no texto anterior, “respectuosa deica o fetichismo dunha legalidade que ninguén respectaba, contribuíu a desalentar as forzas que terían sido quen de facer fronte a o nazismo” (JACQUEZ DROZ: El socialismo en Alemania).

Durante todo este tempo, o Partido socialdemócrata alemán (SPD) deu claras probas de anquilosamento e aburguesamento, cuns dirixentes que na súa maioría pensaban, incluso á altura de 1925, que “a democracia política se encamiñaba irremisiblemente cara a socialización dos medios de produción” (J.D.). Xa no goberno, e “sorprendida pola crise económica de 1929, foi absolutamente incapaz de poñer en marcha un plan de saneamento da situación económica: o único proxecto elaborado entón (1931) foi o de Fritz Tarnow en nome das organizacións sindicais, pero como facía referencia ás teorías de Keynes, sería rexeitado pola seu carácter inflacionista” (J.D.). Unha incapacidade que se poría traxicamente de manifesto en 1933, cando Adolfo Hitler foi chamado a exercer a  Chancelería, sen que a socialdemocracia reaccionara como debera. “Houbo en varias cidades alemás manifestacións de masas, nas que se esbozou un conato de achegamento entre socialistas e comunistas… Todo estaba preparado para a acción…, pero nada sucedeu… A socialdemocracia, por aquelas datas, non parecía ser totalmente consciente do perigo que a ameazaba” (J.D.).

Con Hitler ao fronte da Chancelería, os días do SPD estaban contados. “A ilusión de legalismo que acariciara e que fixera que os sindicatos aceptaran participar na festa do traballo do primeiro de maio, e que outorgou o voto da fracción parlamentaria socialdemócrata a prol da resolución de paz presentada por Hitler, o 17 de maio, desapareceu coa prohibición definitiva, decretada o 22 de xuño de 1933, e a anulación das actas dos seus deputados”(J.D.). Neste marco de terror, a socialdemocracia negouse a participar na loita clandestina contra o réxime nazi “considerando  (….) que o réxime totalitario non podía ser derrocado mais que coa axuda do exército, é dicir, por medio da guerra, que eles consideraban ineludible para cambiar a conxuntura política” (J.D.). A resistencia sería practicada unicamente por grupos clandestinos illados.

A nivel europeo, reinaba a confusión nas filas socialdemócratas. Mentres o sector máis de esquerdas (Alxer, Neni, Grim, Spaak…) preconizaba a unidade das esquerdas para loitar contra o fascismo, o centro (Adler, Blum, Valderverde) consideraba que o socialismo debería conservar a súa personalidade e poñíalle condicións á unidade cos comunistas, e na dereita (británicos, escandinavos, checos e polacos) defendían a ruptura total cos comunistas. “En resumo, os xefes socialistas, doutrinarios e impotentes, non atopaban unha saída airosa entre o Caribdis fascista e a Escila comunista” (J.D.). Nin sequera serían quen de poñerse de acordo entre eles.

A socialdemocracia europea e a II guerra mundial

Pero a guerra cambiaríao todo. “O conflito que estalou o primeiro de setembro de 1939 inaugura un dos períodos máis sombríos do ámbito socialista” (CLAUDE LEVY: O socialismo na Europa de Hitler durante o período da Segunda Guerra Mundial). O inicio da II Guerra Mundial atopa en Europa aos socialdemócratas e aos comunistas máis divididos seguramente ca nunca, con situacións de claro enfrontamento. Por se iso non fora suficiente, no seo da Internacional Socialista tamén se reproducen as desavinzas e os desacordos tanto entre os diferentes partidos europeos como no interior de cada un deles, onde abundan as fisuras. Así, por caso, na SFIO (Francia) a división entre “pacifistas” e “belicistas” estivo a piques de provocar unha escisión, o mesmo sucedería no POB (Bélxica) e no Partido Laborista Noruegués (DNA). Na división entre socialistas e comunistas xogou un papel decisivo a sinatura do pacto xermano-soviético do 29 de agosto de 1939.

Consonte avanzaba a guerra e Alemaña ía ocupando países -“foron pouco numerosos os socialistas que lograrían escapar da ocupación e exiliarse nun país aliado” (C.L.)- irían formándose  dous grupos: o dos socialistas no exilio (alemáns, italianos, austríacos, checoslovacos, polacos,) e o dos socialistas na resistencia (franceses, holandeses, belgas,  daneses, noruegueses). A pesar diso, a guerra non puido evitar que se mantiveran as divisións tanto no primeiro grupo, unha división que en non poucos casos (alemáns, austríacos, checoslovacos…) se centraba na disputa polo recoñecemento internacional como representantes socialistas, como no segundo, neste caso en como organizar a resistencia (holandeses, belgas, franceses,…). Unha situación que a pesar diso experimentaría un xiro coa entrada de Rusia na guerra (1941) e o conseguinte cambio de posición dos partidos comunistas. Unha entrada que cambiaría tanto a correlación de forzas na contenda como o carácter da propia resistencia. “A partir da segunda metade de 1941, por todas partes se procede á formación de frontes nacionais propiciados polos partidos comunistas” (C.L.).

Cómpre a pesar diso facer algunhas matizacións sobre a natureza destas frontes nacionais como, por caso, que segundo que pais as relacións entre socialdemócratas e comunistas non foi doada dende os primeiros momentos. En realidade, agás en Europa Central (Checoslovaquia, Romanía, Hungría), as relacións foron sempre de claro distanciamento. Outra sería que “dado que toda a Europa belixerante, coa excepción de Gran Bretaña está ocupada pola potencias do Eixo, o protagonismo desa guerra de resistencia recaeu no poboación civil, ou nas forzas armadas constituídas por antigos civís… A importancia (militar) dos movementos europeos de resistencia foi mínima e non resultou decisiva en ningures… A súa real importancia foi política e moral “(E.H.).

É importante tamén sinalar que estes movementos de resistencia “orientábanse politicamente cara a esquerda”, pois a maioría das dereitas simpatizaban cos alemáns, ou cando menos non se opoñían a eles. Isto explica, se é necesario explicalo, o considerable predomino dos comunistas nos movementos de resistencia e o enorme avance político que conseguiron durante a guerra.” (E.H.). A verdade é que “ante a conquista fascista ou a ocupación alemana, os partidos socialdemócratas tenderon a quedar en hibernación” (E.H.) pero conseguindo, a pesar diso, conservar a maior parte dos seus seguidores, como sucedeu por caso en Alemaña, Austria e Dinamarca.

Esa situación foi consolidándose segundo se achegaba o final da contenda tanto no leste como no oeste de Europa, pero apuntando xa a división que se crearía na posguerra. Se na Europa do Leste, que a conferencia de Teherán deixaría practicamente baixo a influencia soviética, os comunistas ocuparon un lugar de privilexio, aproveitando a chegada das tropas soviéticas para instalarse no poder, en Europa occidental “o socialismo democrático conservaba posicións sólidas. Non foran quebrantadas pola guerra, e a ocupación en Noruega e Dinamarca, onde os xefes de goberno seguían sendo socialdemócratas. En Viena era tamén o socialdemócrata Karl Renner que gobernaba o país  baixo a autoridade dos aliados” (C.L.).

A pesar diso, os partidos socialdemócratas que saían da clandestinidade non eran iguais que antes da guerra. “O seu desexo de renovación non só se baseaba no feito de que querían desprenderse daqueles dos seus membros que se comprometeron co inimigo entre 1940 e 1944, senón tamén no seu desexo de converter as súas formacións en grandes partidos”.

En Europa occidental “a pesar da loita común que sostiveran dentro da Europa de Hitler, e dos sufrimentos que tiñan padecido moitos deles nos campos de concentración nazis, socialistas e comunistas non lograrían aproximar os seus puntos de vista ao chegar a liberación” (C.L.).


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]