Mércores 28, Setembro 2022
HomeOutrosAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. A socialdemocracia, a posguerra e a Gran...

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. A socialdemocracia, a posguerra e a Gran Depresión

por Manoel Barbeitos

Non son poucos os historiadores que consideran que no século XX máis que dúas guerras mundiais o que realmente houbo foi unha soa guerra dividida en dúas fases (1914-1918, 1939-1945). Unha gran guerra que tivo un dos seus caldos de cultivo na Gran Depresión (1929-1933) que puxo en evidencia como “o capitalismo do período de entreguerras estaba moi afastado da libre competencia do capitalismo do século XIX” (E. Hobsbwan: Historia do século XX). Durante esa Gran Depresión – e para afirmalo centrámonos no suxeito da nosa análise histórica- a socialdemocracia europea sufrirá un enorme retroceso, moi especialmente naqueles países (Gran Bretaña. Alamana, Austria,….) en que tiña acadado uns niveis de implantación e influencia moi relevantes, chegando incluso a gobernar.

Dous fenómenos, un económico -Gran Depresión- e outro político -retroceso das esquerdas socialdemócrata e comunista enfrontadas entre si por mor da estratexia adoptada polo Komintern-, que lle abriron a porta ao ascenso e triunfo dos nacionalismos extremos -nazismo e fascismo-. Eses fenómenos tiraban por terra os prognósticos anteriores das esquerdas, que auguraban que a Primeira guerra mundial sería a tumba do capitalismo pois abriría as portas a revolución. Lonxe diso, o que realmente sucedeu foi que se lle abriron as portas a Segunda Guerra Mundial (E.H.).

A herdanza da Primeira Guerra Mundial

Como sinalaba anteriormente, a Europa que saíu da Primeira Guerra Mundial era un continente que herdaba unha brutal crise económica, e na que tanto vencedores (Francia, Gran Bretaña, Rusia, Italia) como vencidos (Alemaña, Austria, Hungría) aparecían enormemente empobrecidos e endebedados. Unha Europa sumida nunha enorme crise social e cuns traballadores que vían como os gobernantes e os seus aliados parecían querer facerlles pagar en exclusiva os custos daquela.

Nesa Europa “o vello liberalismo estaba morto ou condenado a desaparecer. Tres opcións competían pola hexemonía político-intelectual. A primeira era o comunismo-marxista. Despois de todo as predicións de Marx parecían estarse cumprindo (…) cunha URSS que semellaba inmune á catástrofe.

A segunda opción era un capitalismo que abandonara a fe nos principios do mercado libre, e que fora reformado por unha especie de maridaxe informal da socialdemocracia moderada cos movementos obreiros non comunistas. No período de posguerra demostraría ser a opción máis eficaz. Con todo, ao principio non foi tanto un programa consciente ou unha alternativa política como a convicción de que era necesario evitar que se producira unha crise como a que se acababa de superar e, no mellor dos casos, unha disposición a experimentar novas fórmulas, estimulada pola fracaso do liberalismo clásico. A política socialdemócrata sueca do período posterior a 1932, ao menos a xuízo dun dos seus principais inspiradores, Gunnar Myrdal*, foi unha reacción consciente aos fracasos da ortodoxia económica que aplicara o desastroso goberno laborista en Gran Bretaña en 1929-1931 (…)

A terceira opción era o fascismo, que a Depresión converteu nun movemento mundial ou máis exactamente nun perigo mundial” (E.H.). Un movemento a cuxa auxe contribuíu tanto que os valores e as institucións da sociedade burguesa do século XIX se estaban derrubando, como a enerxía con que o nazismo apareceu diante das clases traballadoras, conseguindo mostrarse como o único que parecía quen de, por caso, rematar co desemprego.

A gran depresión

Que pasou para que a situación económica en Europa se deteriorara de tal maneira e tan rapidamente como para dar paso a unha grande recesión, a de 1929? Que pasou para que se producira un retroceso das esquerdas tan brutal como foron os ascensos do nazismo e o fascismo?

Os países que saíran vencedores da Gran Guerra pensaban que as reparacións esixidas a Alemaña axudarían á recuperación económica propia. Pero sucedeu que Alemaña, como xa adiantara J.M. Keynes, non pagou as súas débedas. Tamén dalgunha forma ou doutra acudiron á receita do “patrón ouro” esperando resolver os problemas fiscais, frear a inflación, amortallar a moeda, favorecer a entrada de capitais e recuperar así a actividade e o comercio. Unha receita que se no curto prazo dou resultados positivos, permitindo unha certa recuperación da produción, o comercio e os empregos (1922-1926), no medio e o longo prazo sería mortal (Karl Polanyi: La gran transformación). Un factor político que tivo tamén a súa influencia: tanto conservadores como socialdemócratas coincidían en evitar a toda costa a “revolución socialista”, estratexia que levaría a que os distintos partidos socialdemócratas preferiran aliarse coas dereitas, incluso utilizar ao exército para apagar as folgas, que buscar o apoio das outras esquerdas. Esta estratexia pouco a pouco iría separando a socialdemocracia dos seus aliados naturais.

A nivel económico seguramente que o factor máis importante foi que a maioría dos dirixentes dos países europeos -vencedores e vencidos- non foron plenamente conscientes da dimensión da devastación provocada pola Primeira Guerra Mundial que alcanzaría unha dimensión planetaria” (E.H.), contribuíndo a derrubar as bases económicas e sociais do século XIX. Unhas bases que non eran outras que as do capitalismo liberal e que, compre subliñalo, xa estaban entrando en crise antes do estoupido da grande guerra. No inicio da posguerra “tanto os axentes económicos como os gobernos esperaban que, unha vez superadas as perturbacións causadas pola guerra, volvería a situación de prosperidade económica anterior a 1914, que consideraban normal.

Certamente, a bonanza inmediatamente posterior á guerra, ao menos nos países que non sufriron os efectos da revolución e da guerra civil, parecía un signo prometedor, aínda que tanto as empresas como os gobernos vían con recelo o enorme fortalecemento do poder da clase obreira e os seus sindicatos, pois farían que medrasen os custos da produción ao esixir maiores salarios e menos  horas de traballo. A pesar diso, o axuste resultou máis difícil do agardado. Os prezos e a produción caeron en 1920, socavando o poder da clase obreira e desequilibrando de novo a balanza a prol dos empresarios. A pesar diso, a prosperidade continuaba sen chegar” (E.H.), como así poñían en evidencia tanto un elevado desemprego na maioría dos países como un aforro privado que se diluía: caeu estrepitosamente a demanda interna.

Só faltaba que a demanda externa impulsada pola elevada liquidez, que mantiña un crecemento ficticio e moi desigual a nivel social, se detivera para que a situación se volvera explosiva. E prodúcese de súpeto o crac na Bolsa de Nova York (29 de outubro de 1929), co que acabou colapsando a economía mundial. Por mor diso, dispáranse os niveis de desemprego e caen aínda máis os prezos dos produtos agrarios e con eles a pobreza e a miseria entre unhas clases traballadoras e campesiñas que non dispoñían do salvavidas, dos “estabilizadores automáticos” propios dunha sociedade do benestar.

A socialdemocracia europea e a grande depresión

Seguramente que o maior erro da socialdemocracia europea foi non chegar a entender que coa primeira guerra mundial a ortodoxia do capitalismo liberal propio do século XIX entrara en crise terminal, polo que eran precisas outras solucións, outras receitas. Seguramente que un marxista ortodoxo -por caso, V.I. Lenin (Imperialismo, fase superior do capitalismo)- diría para o caso que a socialdemocracia europea abandonara a Karl Marx (O Capital. Crítica da economía política) para abrazar a Adam Smith (A riqueza das nacións), tendo razón neste caso. Os socialdemócratas europeos, coa excepción sinalada máis adiante, tardaron demasiado tempo en entender que as receitas do libre comercio e o patrón ouro xa non servían para unha economía cada vez máis mundializada. Tampouco foron conscientes de que as brutais condicións de pago impostas a Alemaña e os seus aliados para “reparar” os efectos da gran guerra. Como dixera J.M. Keynes (1920: As consecuencias económicas da paz) non só non eran asumibles por aqueles senón que o inevitable falta de pagamento alemán, tal e como estaba montada a economía de posguerra, provocaría unha crise de demanda en practicamente toda Europa. Dado que en non poucos países europeos chegou a formar parte do goberno, a responsabilidade da socialdemocracia na grande depresión foi xa que logo elevada.

Un paso polo goberno que en non poucos casos sería un rotunda fracaso. Por caso, en Gran Bretaña, onde o partido laborista accede por primeira vez ao goberno (1924) grazas ao apoio dos liberais. Para frear os temores ante a chegada ao poder dos roxos, o novo primeiro ministro -James Ramsay Macdonald- “agrupa a todos os moderados que pode xuntar, gradualistas, sindicalistas de dereitas e liberais de recente adhesión ao laborismo” (Francois Bedarida: O socialismo en Gran Bretaña. Historia xeral do socialismo), pero que “descoñecen totalmente a economía”. En política económica, o novo goberno intentará nun primeiro momento manter a ortodoxia liberal, obtendo un rotundo fracaso, o que pon en evidencia  que baixo unha retórica de clase o laborismo británico carece dunha ideoloxía verdadeiramente socialista.

Iso poríase claramente ao descuberto no seu enfrontamento co movemento obreiro, que chegaría ao seu máximo grao na folga xeral de 1926, saldándose cunha grave derrota da Trade Unión Congress (TUC). “Unha derrota que asestou un golpe mortal a unha certa forma de socialismo que se desenvolvera dende facía máis de quince anos en favor e baixo a presión do labour unrest: un socialismo empeñado na loita de clases e orientado cara a acción directa e a xestión obreira” (F.B.). Ese enfrontamento co movemento obreiro favoreceu no inmediato ao goberno laborista, que viu incrementados os seus apoios, traducíndose todo iso nunha vitoria electoral (1929) e no partido con máis parlamentarios, aproveitándoo para aprobar leis antisindicais e antilaboristas.

Porén, a medio prazo resultou ser un fracaso, xa que porá en evidencia como a socialdemocracia británica segue carecendo dunha política económica que resolva o principal problema: o desemprego. Algo que explotará na Gran Depresión cando (1930) o desemprego se dispare, se paralice o crédito, se produza unha brutal fuxida de capitais e unha caída da libra. “A experiencia laborista rematou nun fracaso lamentable, máiis espectacular aínda pola deserción dos principais lideres e a ruptura do partido, unha crise brutal que deixou aos afiliados ao Labour estupefactos e desconcertados. Terían que pasar anos para que o laborismo atopara libres os accesos ao poder” (F.B.).

En Alemaña, para facerlle fronte as pagos derivados da guerra (Tratado de Versalles), a socialdemocracia (SPD) apoiará, en coalición cos partidos de Centro (DDP) -formando a chamada “Republica de Weimar” de 1920- unha política monetaria fortemente expansiva que trouxo como consecuencia fatal que cae o valor da moeda e se dispara unha inflación que xa era alta: unha hiperinflación que a quen castigaría con maior dureza serán as clases traballadoras e aos pequenos aforradores. “O goberno sacou proveito diso nun dobre sentido: demostraba aos seus acredores exteriores a debilidade da súa economía e, xa que logo, a imposibilidade de pagar reparacións, e reducía practicamente a cero a débeda interior.

Pero as consecuencias que tivo na sociedade, onde os especuladores fixeron grandes fortunas a costa do empobrecemento de quen perdían os seus aforros, foron terribles”. (J.F.) Terribles para as clases traballadores, os pequenos e medianos comerciantes e os pequenos propietarios rurais, pero tamén malos para a socialdemocracia alamana que nas eleccións de 1924 sufrirá unha grave derrota cunha redución más que notable de deputados, que se vería acompañada a continuación (1925) coa perda tamén da primeira maxistratura, o que leva a que sexa apartada dos asuntos do Reich (Jacques Droz: El socialismo en Alamana. Historia xeral do socialismo). Unha posición que recuperará nas seguintes eleccións (1928) que lle permitirán volver a presidir o goberno que, a pesar diso, durará moi pouco, pois unha crise entre os partidos que o forman desprazará socialdemocracia do goberno e instaurará un réxime presidencialista. “Nun intre en que os círculos dirixentes da burguesía facían pagar os custos da crise económica á clase obreira, a socialdemocracia non podía facer outra cousa que aconsellar aos traballadores á espera de mellores días. E de feito, respectuosa ata o fetichismo dunha legalidade que ninguén respectaba, contribuíu a desalentar as forzas que terían sido capaces de facer fronte ao nazismo” (J.D.).

Durante estes anos, a SPD sentirase como un partido de estado, responsable da conservación da República de Weimar. “Nos, os socialdemócratas, somos os auténticos piares da República democrática e debemos defendela con todas as nosas forzas” (J.D.), e só cabía agardar que a revolución socialista era inevitable (Karl Kautsky). Pero a realidade foi que “acostumada a razoar dentro do marco das institucións parlamentarias, máis preocupada da salvagarda das organizacións do partido que da consecución de obxectivos revolucionarios, e convencida de que o hitlerismo sería un fenómeno de curta duración, a socialdemocracia por aquelas datas non parecía ser totalmente consciente do perigo que a ameazaba” (J.D.)

Alamana e Gran Bretaña constituiron dous exemplos paradigmáticos das elevadas responsabilidades que a socialdemocracia europea -coa excepción da escandinava liderada por Suecia- tivo tanto na Gran depresión como no posterior ascenso do nazismo ao poder en Alemaña, que abriría a porta da Segunda guerra mundial. Unhas  responsabilidades compartidas cos partidos das dereitas e que terían a súa plasmación na resposta das crases traballadores que castigaron duramente aos partidos que estaban no poder durante a Gran Depresión, foran socialdemócratas ou liberal conservadores.

Estes erros, unidos aos dos comunistas xa sinalados en artigos anteriores, facilitaron que a Gran Depresión arrastrara consigo o declive das esquerdas. Un “retroceso que non se limitou ao declive dos comunistas” -https://temposdixital.gal/outros/as-crises-ideoloxicas-das-esquerdas-por-que-fracasou-o-comunismo/-” pois coa vitoria de Hitler” -5 de marzo de 1933-“desapareceu practicamente da escena o Partido Socialdemócrata alemán, e un ano máis tarde a socialdemocracia austríaca coñeceu o mesmo destino despois dunha breve resistencia armada. O Partido Laborista británico xa fora en 1931 vítima da Depresión, ou tal vez da súa fe na ortodoxia económica decimonónica, e os seus sindicatos, que dende 1920 perderan a metade dos seus afiliados, eran mais débiles que en 1931. A maior parte do socialismo europeo atopábase entre a espada e a parede” (E.H.). A gran excepción sería Suecia polas razóns xa apuntadas anteriormente, e ás que volveremos en vindeiros artigos.


(*) Baixo o liderado intelectual de Gunnar Myrdal, a socialdemocracia gobernou Suecia ininterrompidamente entre os anos 1932 e 1975, anos que conduciron a Suecia aos maiores niveis en emprego, benestar social e igualdade a nivel mundial.

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]