por Manoel Barbeitos
Parece mentira, pero cando moitos analistas falan da situación actual de Arxentina semella que esquecen que este país sufriu unha das dictaduras máis terribles que se coñeceron na rexión latinoamericana. O golpe que a sociedade arxentina recibiu durante esa década (1.973/83) foi demoledor: 30.000 persoas desaparecidas. Se o dato en si mesmo é escalofriante, aínda o é máis se consideramos que na súa maioría era xente en idade activa polo que, ademais do tremendo impacto humano da desaparición física, hai que engadir a fractura social e xeracional que iso comportou. De feito, a sociedade arxentina aínda non se deu recuperado, coarenta anos despois, e arrastra as secuelas –sociais e psíquicas- dese xenocidio.
Ao tempo, coa ditadura militar comezou unha deriva económica tan forte que arrastrou a Arxentina á bancarrota. Caracterizouna un crecemento expoñencial da débeda externa, unha intensiva fuga de capitais, a liquidación do patrimonio industrial nacional e a adopción de políticas económicas “ortodoxas”.
Se nos centramos na análise da evolución da débeda externa, cómpre apuntar que foi nese tempo cando se disparou, multiplicando prácticamente por máis de cinco o su valor -de 8.000 millóns de dólares pasou a 45.000), a pesar de ter efectuado pagos por reembolso -25.000 millóns de dólares- que superaron prácticamente o triple do valor inicial. Esas transacións puxeron en evidencia como o pago da débeda externa é un mecanismo diabólico de transferencia de capital desde os países da periferia mundial ata outros situados no centro, xeralmente os máis desenvolvidos (aqueles nos que residen as entidades financeiras internacionais, as principais acreedoras da débeda).
Para aclarar máis. Na acumulación da débeda polos países periféricos non só intervén a actitude irresponsable de moitos dos seus gobernos, tamén inflúen tanto a cada vez meirande diferenza relativa entre os prezos dos produtos exportados e os importados como as alzas nos tipos de xuros dos préstamos, que son sempre fixados polos países acreedores cos Estados Unidos á cabeza.
O crecemento da débeda seguiu coa democracia
Coa chegada da democrácia (1983), o ritmo crecente da débeda arxentina non se detivo senón que se acelerou, chegando a supoñer nas portas do século XX preto do 50% do valor da produción nacional anual. Unha débeda contraida maioritariamente con bancos privados norteamericanos.
E isto foi así por varias razón. Durante a dictadura militar e segundo os consellos e recomendacións de organismos internacionais como o FMI, procedeuse a un endebedamento crecente –mediante sucesivos créditos-, xustificándoo os responsables económicos da dictadura e do citado organismo como unha medida imprescindible co obxetivo de aumentar as reservas en divisas estranxeiras. Segundo eles, as reservas eran necesarias para poder atender o incremento dos pagos orixinados pola nova política de maior apertura comercial, que debería provocar un “positivo” aumento das importacións. Se nunha situación económica normal o incremento das importacións debe vir como consecuencia dunha boa política comercial, nesa coxuntura eran xustificadas e apoiadas polo aumento das reservas. De onde procedían esas reservas? Do endebedamento. Para máis inri, non estaban sendo controladas polo Banco Central Arxentino, senón pola banca internacional. Dinámica que comportaba a progresiva desnacionalización e descapitalización da economía arxentina. Xa que logo: endebedamento e desnacionalización.
Esa argumentación centrada na “necesidade económica de aumentar as reservas” era falaz en si mesma. Porque o préstamos derivados das débedas eran inmediatamente colocados como depósitos nos mesmos bancos privados estranxeiros -maiormente norteamericanos- a un xufrso sempre inferior ao da débeda. Con esta política, a ditadura asegurábase o apoio dos banqueiros norteamericanos e, xa que logo, do seu goberno, a través da Reserva Federal e da propia Administración. E ainda máis: os propios capitalistas arxentinos compraban títulos da débeda do seu país co diñeiro que sacaban de Arxentina case sempre de xeito ilegal.
Como sinalei anteriormente, a situación en relación coa débeda exterior non mellorou coa chegada da democracia. Todo o contrario. Co argumento de asegurar a democracia, o Goberno Alfonsín (1983-1989) asumíu fronte ao capital estranxeiro o conxunto global da débeda arxentina, tanto a privada –14.000 millóns de dólares- como a pública -45.000 millóns de dólares-. Ao mesmo tempo, o monto desa débeda non foi fixado, como sería lóxico, polo Banco Central Arxentino, senón polos bancos acreedores, sen que estes últimos tiversen que xustificar os valores subliñados. Cómpre tamén sinalar que a débeda privada era maioritariamente de filiais arxentinas de empresas multinacionais con bancos estranxeiros: Renault, Mercedes, Ford, IBM…. Isto comportou que durante ese período a débeda externa se multiplicase practicamente por 1,5 (de 45.000 a 65.000 millóns de dólares) ao tempo que Arxentina reembolsaba 40.500 millóns de dólares. Continuaba a brutal sangría financeira.
As cousas aínda empeorarían máis co goberno de Menem (1989-1999), xa que o ascenso ao poder dos peronistas non supuxo ningún cambio de tendencia na evolución crecente da débeda. Pola contra, chegou ata os seus valores máis elevados (máis de 212.000 millóns de dólares: o 75% do PIB de 1999) a pesar de haberen realizado pagos por valor de 150.000 millóns de dólares, o que puxo en evidencia que os pagos acumulados por amortizacións e intereses da débeda incrementaron o seu diferencial en relación ao seu valor absoluto, chegando a supoñer case o 150%.
Resumindo: ás portas do século XXI, dende o tempo da ditadura militar, Arxentina tería pagado por reembolso un total de 212.300 millóns de dólares (27 veces o seu valor inicial), sen poder impedir que a débeda seguira disparada (multiplicábase por 19). Ás portas do século XXI, Arxentina era un país en suspensión de pagos, a máis grande da historia.
As bases políticas do endebedamento arxentino
O motor principal, que non único, deste colosal endebedamento foi a xestión da débeda externa imposta polos organismos financeiros internacionais (FMI) e a banca occidental, que era a que mercaba os títulos (máis do 80% da débeda chegou a ser propiedade dos bancos e os fondos occidentais). Unha xestión que xirou arredor de varios factores inflacionistas xa sinalados anteriormente e que agora recollo agrupados.
En primeiro lugar, os permanentes déficits que arrastrou a economía e que tiveron como principais causantes as políticas públicas implantadas por mandato dos organismos internacionais (FMI, BM), correspondéndose coas liñas clásicas das políticas de austeridade e venta de activos públicos (plans de axuste estrutural, segundo a terminoloxía deses organismos).
Un segundo factor: os elevados tipos de xuro que tivo que pagar sempre Arxentina para poder vender os seus bonos. Uns tipos de xuro tan altos (entre o 8 e o 9%), que facían practicamente imposible o reembolso da débeda, como así sucedeu.
En terceiro lugar, o incrible emprego dos dereitos derivados da débeda, que consistiu en que os recursos procedentes dos préstamos contraídos cos bancos occidentais prestamistas non ingresaban no banco central arxentino, senón que na súa maior parte (90%) eran inmediatamente colocados como depósitos neses mesmos bancos pero a un xuro menor que o da débeda. Asemade o Banco Central Arxentino nunca levou a contabilidade da débeda contraída. Foron os propios bancos occidentais acredores os que o fixeron, dando pé a pensar que utilizaron ese seu poder para inflar as débedas.
Finalmente, a decisión dos gobernos posteriores á ditadura militar de facer que o goberno arxentino se fixera cargo non só de toda a débeda pública contraída durante a ditadura militar, senón tamén da débeda privada que maioritariamente era de bancos occidentais establecidos en Arxentina.
Porén, esta triste historia de decadencia de Arxentina non se debe exclusivamente a como se xestionou o endebedamento co exterior; tivo tamén outros factores igualmente relevantes sobre os que volverei máis adiante. Tamén tentarei de ampliar como se está desenvolvendo no século XXI o asunto da débeda externa nese país, paradigma do carácter vicioso e infernal do endebedamento dos estados do Sur. Unha débeda cuxos pagos non son máis que un diabólico mecanismo de transferencia de riqueza producida polos traballadores do Sur a os bancos do Norte (Eric Toussaint: “La bolsa o la vida: las finanzas contra los pueblos”. Editorial GAK@A)