Luns 2, Outubro 2023
HomeOutrosAlgúns dereitos das nais que traballan fóra

Algúns dereitos das nais que traballan fóra

O traballo é un dereito de todas as mulleres. Algunhas deciden deixar de traballar cando son nais, pero isto non debería ser incompatible con facelo fóra da casa, tanto se se dá o peito coma se non. A parte da baixa por maternidade existen máis dereitos cos que se pretende acadar a compatibilidade entre a maternidade e a vida laboral.

A redución da xornada de traballo para coidar dunha filla ou fillo menor de oito anos ou a posibilidade dun período de excedencia de ata 3 anos, cunha reserva do posto durante o primeiro, son algúns dereitos que recolle a lexislación española.

Por outra banda, existen situacións nas que o feito de continuar no posto de traballo faise incompatible ou ben, non recomendado para a lactancia –sendo isto acreditado por un médico- adoptaríanse medidas como a non realización de traballo nocturno ou de traballo a turnos. De feito, podería declararse o paso da traballadora á situación de suspensión do contrato por risco durante a lactancia, con dereito a un subsidio do 100% da base reguladora ata que o bebé cumpra 9 meses.

Tamén durante eses primeiros nove meses, aquelas nais que decidan amamantar ó cativo e traballar ó mesmo tempo,  dispoñen dunha hora de pausa para a lactancia sen redución de salario. Tanto o pai coma a nai poden facer uso deste tempo podendo distribuílo en dous fragmentos de media hora se así quixeran. A concreción do horario da pausa correspóndelle a eles e non á empresa, polo tanto a nai ou o pai escollerá se se ausenta unha hora durante a xornada laboral, podendo fragmentala en dous períodos de trinta minutos ou ben, se reduce a xornada laboral en media hora, entrando máis tarde ou saíndo máis cedo.