Mércores 27, Outubro 2021
HomeOutrosALEGRÍAS DE SEGUNDA MAN

ALEGRÍAS DE SEGUNDA MAN

por Xurxo Borrazás

A lingua alemá dispón do termo schadenfreude para referirse á satisfacción íntima que producen a desgracia ou a humillación alleas. Haberá quen o considere unha excentricidade, pero o realmente raro é que unha palabra equivalente non exista no resto de linguas. Ou esta emoción cabrona só lles afecta aos xermano-parlantes? Sen entrar en xuízos morais, parécenos que se trata dun baleiro léxico e toda lingua que se precie debería ser quen de nomear o existente sen recorrer a barbarismos difíciles de pronunciar. No galego da costa non precisamos corenta termos distintos para a neve, porque neva un ano de cada corenta. Sen embargo, quen máis quen menos, fervellou coas burbulliñas de cuspe cando a alguén por quen non sentimos especial afecto lle veñen mal dadas. A bote pronto tampouco nos vén á mente o antónimo, unha palabra para a alegría polo ben alleo, que se dá, tanto de maneira espontánea coma fabricada. Disto último observamos exemplos abondo no verán pasado, noticias das que se supón que temos que alegrarnos se non queremos ser sinalados coma cincentos ou haters, aínda que a alegría só nos afecte por simpatía.

Cada día, ao tomar café lendo os xornais nunha terraza aproveitando a bonanza meteorolóxica, batemos con titulares tipo: “Tal centro comercial xa é o segundo que máis ganancias lle aporta á súa propietaria”. A propietaria pode ser un fondo de investimento cuxos impulsores non saberían situar Galiza no mapa, pero suponse que debemos alegrarnos porque estamos todos no mesmo barco, nós mercamos nese centro comercial e esas ganancias son froito das nosas compras. Somos, coma quen di, protagonistas por infiltración. Outro tanto cando lemos que Abanca gañou 157 millóns de euros ata xuño. Os galegos e galegas teñen alí depositados os seus aforros e esa circunstancia garda certa relación cos beneficios citados, Abanca somos todos. Para os medios que redactan estes titulares triunfalistas, o propietario ao que a Xunta do PP lle vendeu as Caixas galegas a prezo de saldo non pasa de ser unha especie de funcionario ou xestor ao noso servizo, que ademais nos patrocina o Celta e o Deportivo. Que máis queremos?

Non gañamos para alegrías. Alegrámonos cando outros fondos de investimento se fan coa propiedade do cento por cento dos hospitais privados de Galiza, ou dos públicos por parcelas, ou coas industrias, os estaleiros, as autoestradas, os servizos públicos, etc, porque eses fondos achegan unha entreguiña ou un aval e aseguran a prestación do servizo, que é o único que á xente lle interesa, seica, e se despois incrementan os beneficios grazas ás nosas aportacións…, mel nas filloas.

Alegrámonos cando un banco amigo sufraga a restauración do Pórtico da Gloria porque a xoia escultórica recupera a policromía e loce coma de paquete, aínda que iso supoña empaquetalo e pagar dez euros por ver o que antes contemplabamos libremente ao entrar na catedral. Agora a xoia lócea a nova aristocracia nos seus bailes de palacio, que nós miramos desde o outro lado do cristal. Destínanse milleiros de millóns á ampliación dos aeroportos de Madrid e Barcelona e dinnos que iso mellorará as nosas conexións, por infiltración, ou véndennos un bypass en Valladolid  como obra do AVE galego. Alegrámonos de que o Borbón de quenda chegue conducindo o seu propio automóbil ao palacio vacacional en Mallorca, coma un cidadán máis, ou de que regatee na badía de Palma coma un regatista máis, igual que nos alegrariamos se collese vía coma un Borbón máis. Alegrámonos de que luza o sol en Benidorm, de que a multinacional Repsol atope un xacemento en Alaska ou de cada punto que España reciba en Eurovisión.

E que dicir dos deportes? Desde o sofá alegrámonos de cada medalla, cada diploma, cada superación persoal dos olímpicos e olímpicas galegas e españois. O importante é participar pero a ninguén lle amarga un doce, a festa pagámola nós e, como quedou dito, todos os beneficios saídos do noso peto nos enchen de ledicia, con independencia da súa titularidade, isto é anecdótico. Non só celebramos as fantásticas Ana Peleteiro ou Teresa Portela, senón calquera disciplina que non sabiamos que existía ou quen a practicaba, e da cal ignoramos todas as normas.

A renuncia á racionalidade en favor da emoción, propia dos deportes, é a que mellor explica estas alegrías de segunda man. Por moi mal que vaian as cousas, con tal que lle vaian ben a outros abonda. Como estrañarse de que os gobernos, especialmente os infames, fomenten os deportes? Custe o que custe! “Ai dos meus, aínda que sexan xudeus!” Mesmo se as vitorias se deben á dopaxe ou nacionalizacións exprés pagadas en dólares, ou se non chegan nunca, alegrámonos igual porque o contrario, celebrar a desgracia allea, suporía incorrer en schadenfreude. En galego non dispomos desa palabra.

… e outras serpes

Se non tedes alegría abondo, lembrade as serpes de verán, encabezadas polo ascenso da pirola autopropulsada do cowboy de Amazon, un gatillazo unanimemente cualificado como feito histórico que foi retransmitido en directo por todas as televisións. Unha banda de imitadores de Queen nas noticias en TVE, non sei se Mercedes Peón ten gozado dese privilexio. Unha experta a analizar cada risco facial de Mbappe para demostrar que quería fichar polo Real Madrid. Feijóo a anunciar rebaixas nas autoestradas “para familias numerosas!!”. As noticias de TVE atrevéronse a mostrar un dobre de Brad Pitt que se parecía tanto coma min, polo menos teño unha data de nacemento próxima. Hai dous veráns tamén me dixo un descoñecido que lle semellaba a Calamaro, e non me sacaron nas noticias. Certo que foi nunha cervexería chamada “A Galia de Viriato”. E non era verán, se non igual…


 

Novidades