Luns 26, Xullo 2021
HomeOutrosA XERACIÓN FOLERPA

A XERACIÓN FOLERPA

texto Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

Que mágoa produce o electorado que en Francia ou nos EUA se enfronta ao dilema dunhas eleccións nas que os seus candidatos ficaron eliminados en primeira volta, tendo por exemplo que botar man da papeleta de Chirac para frear a Le Pen. Pregúntome que faría persoalmente nesa situación, e dubido. Votaría nunhas eleccións xerais a Ciudadanos para afastar a Vox do goberno?

A Covid-19 sitúanos diante de dilemas dese calibre, o equilibrio entre protexer a saúde pública e evitar que a actividade económica colapse, elixir entre a resistencia á limitación das liberdades individuais e a protección, mesmo por exceso, da saúde, xunto co castigo de quen a poña en perigo de maneira voluntaria. Individualmente e nunha situación de normalidade non habería caso, se a doutora nos diagnostica de tuberculose e decide que debemos coller a baixa e illármonos un tempo, non hai máis que falar, opoñerse sería insensato.

En pandemia, o ditame médico complícase con efectos secundarios difíciles de obviar. Se eu non acudo ao posto de traballo substitúeme outra persoa, a perda de produtividade é asumíbel. Se illamos a millóns de persoas, cambiamos de nivel. Fun dos que minusvaloramos o virus cando estaba en China e aborrecía o totalitarismo dun réxime que aproveitaba a desgraza para fachendear de eficiencia militarizada e avanzar no control da cidadanía. Era o equivalente da primeira volta, cando criticabamos a histeria colectiva nos supermercados e a inflación informativa, ou cando as máscaras nos parecían un bozo. Mudei de opinión cando o virus inzou na Lombardía, era a segunda volta. Manterse no erro sería deixarse aconsellar por quen para a tuberculose nos receitase caldo de galiña de Mos e aire libre, ou lexivia, ou Tubaína, combinados coa determinación de que só enferma quen se rende á enfermidade.

O estado, en segunda volta

Desde o inicio do confinamento, sigo as instruccións e recomendacións das autoridades, mesmo as cosméticas, rigorosas, ineficientes ou limitantes de dereitos, coma quen paga a multa sen desbotar recorrela.

Na outra banda hai dous grupos. Un, o de gobernos como o de Ayuso, Trump, Bolsonaro ou Lukashenko. Negan a gravidade da pandemia para xustificar o mantemento da actividade económica, lamentando os milleiros ou millóns de mortes que isto conleve, ou sen lamentalo: a morte é consubstancial á vida, non imos parar a economía do 99% por salvar o 1%, que ademais son anciáns, perceptores de pensións e gravosos para o sistema de saúde.

Dous, os frikis negacionistas. Quen son? Vémolos manifestarse desde Vigo ata Berlín, de Miguel Bosé ao bispo de Valencia pasando por Van Morrison, médicas ou xuíces, en nome das liberdades e contra a vixiancia dos Estados. Mesmo o filósofo Giorgio Agamben se subíu a ese tren sen maquinista. Nos EUA chámase “libertario” a quen como obxectivo programático nº 1 leva a desaparición do Estado, un pseudo-anarquismo en versión ultradereitista paramilitar. Nesas manifestacións coincide a extrema dereita local e ultrarrelixiosa cos frikis que se crían progres ata que tiveron que elixir entre a pílula vermella ou a azul. Non coinciden só nas manis anti-Covid, fixérono tamén no asalto ao Capitolio. Van da man tan adoito que debemos pensar: ou teñen algo en común, ou teñen moito en común.

Hai décadas que a implicación política foi virando desde a loita de clase, o sindicato, o convenio colectivo, a folga xeral, etc, cara a identidade, a rede social, a solidariedade caritativa e a flash mob. Unhas e outras cometeran o erro de ignorar as outras. A política de clase subsumía na práctica as demandas do ecoloxismo, o movemento LGTB, o laicismo, o animalismo, o vexetarianismo, o naturismo, etc. Apoiábanas coa boca pequena, a pé de páxina, pero nunca chegaba o momento de facelas protagonistas. A consecuencia é que quen non atopa espazo na loita global, opta por crealo, atomizado, con problemas para observar o marco xeral e catalogando a loita de clase como parte do sistema corporativo que os exclúe. Subculturas que inzan en 4chan, Tumblr ou Twitter, a “xeración folerpa”. Persoas que se cren un personaxe do manga, padecen enfermidades asintomáticas ou, sen abandonar o cuarto, en nome da liberdade lanzan ataques coordinados contra o establishment supremacista branco e heteropatriarcal, toda persoa que participe da vida social mainstream e non se labrase unha microidentidade vulnerábel, ofendida e case sempre anónima. A ultradereita é especialista en canalizar este descontento cara a teorías conspirativas que lles dean conforto.

En Galiza, a esquerda soubo ir combinando a loita de clase co feminismo, a identidade cultural e lingüística, a autodeterminación, o antirracismo, o ecoloxismo ou a oposición ao colonialismo e o imperialismo, co cal se deberían minimizar os riscos de atomización, pero atomización haina. Boa parte da xente nova participa comodamente nunha protesta micro-identitaria pero cústalle sumarse a unha laboral ou política, poñamos por caso contra a lei mordaza, que ataca frontalmente as liberdades que os adaíles da identidade aseguran defender.

Boa parte destas persoas, novas e non novas, considéranse progresistas pero son “libertarias”. Comezan opoñéndose a un establishment difuso e continúan co feminismo, o sindicalismo, a inmigración porque favorece as mafias, a educación pública porque adoutrina, a sanidade pública por intrusiva… Todo o que sexa Estado (non o estado español senón o estado de dereito), regulación ou contrapeso social, é o inimigo. O problema é que, mesmo con alma de progre, unha pandemia non se combate desde o individuo, as ocorrencias son para ela aliadas. Nin sequera se combate desde a concorrencia inherente ao capitalismo do sálvese quen poida. Votar polo estado regulador, en primeira volta igual non. Con todo, ter conta bancaria non conleva fe cega nos bancos. Unha pandemia combátese con vacinas, non cos delirios da xeración folerpa…  Por defender a ciencia, a razón e a saúde pública cunha estratexia definida, aínda con erros e excesos, compensa tragar sapos, mouchos e coruxas. Niso estamos.


 

 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]