Xoves 21, Novembro 2019
Home Outros A troianización da democracia

A troianización da democracia

Todo o que vén das últimas sondaxes demoscópicas leva a
confirmar a deterioración do sistema democrático e o perigo de derivar cara a
situacións impredicibles. É nas crises que alimenta a crise o que debera
mobilizar a cidadanía. Máis alá do que o FMI depara para o Estado en termos de
PIB -non poderá recuperar o que tiña no 2008 ata o 2018-, con todo o que iso
vai comportar en paro e desnutrición social, o que nos vai deixar máis en
coiros ten a ver co esfarelamento controlado do sistema de convivencia e
benestar. Quérese dicir, de democracia. Porque é, coas ferramentas políticas
das que se vale, a que garante os valores e as liberdades que o
constitucionalizan e universalizan.

Chegados a setembro, con tódolos boletos que nos levan cara
a ningunha parte na man, e con dous gobernos monicreques -o de Rajoy e o de
Feijóo- a punto de se esnafrar, a crise que tan mal contan os grandes medios de
comunicación cada vez se parece máis ao cabalo de Troia. As lóxicas política e
económica sono só en aparencia. É na barriga do cabalo asoballador onde viaxan,
nunha calculada estratexia de covarde e vingativa acción deconstrutiva, as
ameazas de máis calado. As que deslexitiman a democracia. E a política, sen a
que aquela é coma un corpo sen vida.

É cando máis se perciben e sofren as trampas da transición.
E cando máis se explica e xustifica unha segunda transición. Para que a
democracia liberal de agora asente nunha democracia verdadeiramente cívica.
Mentres, abordémola na práctica: calquera intento de troianización -o de
agora reviste tódalas alarmas- ten que ser sometido a xulgamento popular. Por
caso, a través dun referendo.

A gangrena da pobreza

Que a pobreza e a fame non obedecen a ningunha fatalidade,
xa non é discutible. Son causas estruturais, e fenómenos ligados a procesos
deslexitimadores das políticas públicas que desarman os especuladores, o que
fai que case mil millóns de seres humanos vivan gravemente infraalimentados. E
que cada dez segundos, un neno menor de dez anos morra de fame no mundo.
Collendo pola palabra electoral a Rajoy, a estas alturas terían que deixar de
ser infelices nada menos que nove millóns de persoas adultas e dous millóns e
medio de nenos, a cifra oficial de pobres en España. Pero non. A crise
económica e a súa desnortada xestión suman ao unísono pobres e parados. Máis
dun millón de novos pobres -neste caso procedentes das noutrora confortables
clases medias- entre 2010 e mediados do 2012 (datos da EAPN).

En Galicia, tamén. TN achega cifras e contextualiza causas
e efectos no informe que lle dá rostro á portada deste mes de agosto. Non se
quixo aceptar a tradición de poñer na rúa un número de verán. Porque non hai
mes sen que se incrementen as ringleiras nas cociñas económicas e nas
institucións asistenciais. En tres anos duplicouse o número de persoas que
comen grazas ás entidades benéficas. A pobreza e o risco de exclusión social
mídese, coma no resto do Estado, en rendas baixas, en desemprego e en
privacións de todo tipo.

Un cóctel que martiriza e deshumaniza. É como se teñen que
sentir os case dous millóns de familias españolas -73.000 en Galicia- nas que
tódolos seus membros activos están en paro. Porén, non nos enganemos. A crise
acelera esa gangrena social, pero a raíz ten xa moito percorrido previo. Por algo
será que, fóra Romanía e Letonia, España sexa o país da UE en que máis viñeron
medrando desde o 2005 as diferenzas entre ricos e pobres (Cáritas 2012). A
felicidade, señores Rajoy e Feijóo, segue tendo clases.

 

As bravuras de Rajoy e Feijóo

Esquecendo que estamos nun réxime parlamentario, moi
diferente do presidencialista, tanto o PP de Rajoy como o PPdeG de Feijóo
desbordan todas as medidas de contención das que se dotou constitucional e
estatutariamente a cidadanía para salvagardar un máis ca necesario equilibrio
entre poderes. Para seguir conservando a súa capacidade deliberativa -que ten
nunha sólida opinión pública, agora mesmo ligada moi decisivamente á existencia
dos medios de comunicación públicos- e a súa capacidade participativa -que ten
nas urnas o mellor instrumento para afianzar unha democracia representativa
ligada a unha oferta plural de alternativas, baseándose na proporcionalidade
que se precisa para que nada desequilibre de maneira anómala o resultado.

Coa toma de RTVE, o PP retoma o modelo de submisión dos
medios públicos aos intereses do partido e do goberno. Rompendo as regras de
xogo consensuadas no seu día co PSOE de Zapatero para nomear a dedo a un
tecnócrata do partido como director xeral do ente, Rajoy pon en corentena os
medios que máis e mellor poderían alimentar, sen as ataduras gobernamentais e
partidarias das que á fin se liberaran en 2010, ese espazo público de
información e socialización.

Coa toma do Parlamento grazas a unha operación de enxeñería
electoral, Feijóo e os seus abrazan a causa partidaria cun enorme menosprezo
para coas regras de xogo que, en tratándose de procedementos que substantivan a
democracia representativa -o de reducir os deputados de 75 a 61 incrementando o
desequilibrio que xa existe na súa distribución por provincias-, nunca deberan
ter na lexitimidade da matemática parlamentaria o seu verdugo.

O que mellor podería pasar é que a cidadanía lles pase
factura. Antes de que RTVE acabe no NO-DO franquista. Antes de que o
autogoberno galego acabe no burladero da España toureira e cañí.

 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]