Martes 28, Novembro 2023
HomeOutrosA MORTE NA PSICANÁLISE E A COVID-19

A MORTE NA PSICANÁLISE E A COVID-19

por Cipriano L. Jiménez Casas

A vida e a morte están moi presentes cada día que pasa a través das exhaustivas  informacións da prensa diaria, co título nalgún medio de “La Guerra al virus”, nas que aparecen o número total de casos, os dos vivos-curados, os dos mortos e os que están na UCI. Desde o punto de vista psicanalítico a morte, tan próxima nestes momentos a causa da COVID-19, está excluída do campo do inconsciente: “O noso inconsciente é tan inaccesible á representación da nosa morte, tan ávido de morte para cos estraños e tan dividido (ambivalente) en canto á persoa amada, como o foi o home orixinario” (S. Freud). Contrariamente ao complexo de castración a angustia de morte xamais chegou a ocupar unha posición clave dentro da psicopatoloxía analítica. Con toda seguridade a morte sitúase na psicanálise, nunha dimensión mais ética que explicativa (J. Laplanche).

No inconsciente, a morte sempre sería a morte do outro, a destrución ou a perda provocada, e unicamente acadariamos a ter algún presentimento da nosa propia mortalidade a través da identificación ambivalente coa persoa amada, cuxa morte desexamos e temémola ao mesmo tempo: e dicir, esencialmente no dó. Isto nos levaría a dicir: “Se queres soportar a vida, prepárate para a morte do outro”.

Abrazando a corrente heroica e clásica que desde os estoicos ata Montaigne e Heidegger, nun texto –un único texto- publicado apenas cinco anos antes de “Máis aló do principio do pracer” (1920), Freud nos insta a que a morte ilumina a nosa vida –a nosa existencia- cunha luz mortal, e será sempre o deber principal de tódolos viventes e nos invita a trocar o vello adaxio: “Se queres conservar a paz, prepárate para a guerra” nun: “Si vis vitam para mortem”. Sentencia que Freud, cedendo quizais á tentación do seu tema, traduce como: “Se queres soportar a vida, prepárate para a morte”.

Para o psicanalista arxentino Walter Cortazzo, hai que subxectivar a morte como algo que esta na vida mesma, e para espantar a morte non hai nada mellor que aceptala. Na análise, a referencia á morte como verdade da vida ou proba de verdade só podería ser considerada como un elemento límite, non interpretable, axiomático. Nin a vida nin a morte constitúen referencias directas para a práctica analítica ó introducirse na teoría psicanalítica a polaridade biolóxica da vida e da morte. A vida e a morte quedan pois fóra da interpretación analítica e non son trasladadas ao plano do aparato psíquico, tal como nos indican as recomendacións freudianas. Porén, Freud en: “De guerra e de morte” (1915), comenta nunha pasaxe do texto que a morte non podía desmentirse. E noutros textos comentaría que a morte é un espazo irrepresentable, pero que a realidade pon o home fronte a noción mesma de morte.

____________

Cipriano Luis Jiménez Casas é médico psicanalista.