A catástrofe en que deu o afundimento do Prestige quedou para sempre na memoria colectiva do pobo galego. Aqueles días de novembro de hai 20 anos marcaron para sempre o calendario das desgrazas que acumula o país. As toneladas de fuel que o barco foi ciscando na súa atoleirada deriva cara a ningunha parte provocaron unha enorme marea negra, un veleno con capacidade para matar todo o que ía tocando en cincocentos quilómetros de costa. O mundo non daba crédito. Unha maldición bíblica, como se atreveron a suxerir na súa descarga as autoridades responsables directa ou indirectamente de facer que un accidente destas características acadase a dimensión dunha verdadeira baixada ó inferno? En absoluto.
Non fai falla ser expertos en leis para deducir que o que comezou aquela noite do 13 de novembro do ano 2002 e ameazou nos meses seguintes a supervivencia de sistemas naturais de vida e a dos colectivos sociais que dependen deles, tivo moitos máis responsables que os que acabaron condenados polo Supremo. Por estaren uns sometidos ao dereito marítimo internacional e ós códigos penais, si, pero tamén por estaren sometidos outros ó xuízo político e moral do pobo soberano. Ese que ao berro comunitario de Nunca Máis foi quen desde o primeiro momento de enmarcar o sucedido nas súas xustas medidas.
En primeiro lugar, no que é a causa sine qua non: a dos que, con baixos custos e cuantiosos beneficios, cometeron o delito de trasladar un cargamento perigoso sobre un barco tan deteriorado como empresarialmente fantasmal. Abonda con lembrar que arredor da petroleira Crown Resources que o contratou movíanse personaxes de moi dubidosa catadura, como é o caso do millonario Rich, implicado xa daquela en 51 delitos de venda ilegal de petróleo, que á súa vez controlaba a empresa propietaria do Prestige, tendo para máis inri como colaborador en España ó propietario do remolcador Ría de Vigo que acudiu en auxilio do barco sinistrado, o célebre Fernández Tapias -alias Fefé-, o navieiro galego con quen Fraga Iribarne e os conselleiros de Portos e Medioambiente -precisamente eles- cazaron perdices mentres Galicia sufría o peor dos pesadelos.
En segundo lugar, no que ten a ver coa troulería política na que os gobernos de Aznar e de Fraga enfangaron no chapapote da incompetencia, o negacionismo, a prepotencia, a improvisación, a desinformación, a maledicencia e a mentira, co único obxectivo de sobrevivir sen perderen o poder. En moi contadas ocasións constatamos no país un tan evidente baleiro de Estado e de Autonomía. A marea cívica que tomou as rúas e as prazas de Compostela o 1 de decembro converteuse por iso nunha multitudinaria e transversal moción de censura. A rúa xa non é de Fraga. É de todos cantos, tomando conciencia da súa condición de cidadáns galegos, ergueron a bandeira que os fixo sentir democrática e politicamente activos: a da súa dignidade. Nunha máis!, berraron.
Ese berro persiste no tempo, e ben merece que as xeracións post-Prestige o acollan como seu. Porque, ademais, algúns dos acontecementos políticos posteriores, o máis significativo de todos eles o da morte política de Fraga Iribarne, confirman que non foi baldío. De ter en conta o que sucede cos espectadores máis novos que acoden en masa a ver o espectáculo “N.E.V.E.R.M.O.R.E” co que o grupo Chévere rememora con acidez documental a catástrofe do Prestige, podemos chegar á conclusión de que está sendo así. O berro comunitario e interxeracional do Nunca Máis, coreado durante varios minutos como resposta ó que acabamos de ver, devólvenos a esperanza.
Os compromisos de TEMPOS NOVOS
Naquela altura, os medios de comunicación tradicionais sentiron a sacudida social e atrevéronse a romper, nunha primeira tanda informativa, o corsé co que o fraguismo mantiña a raia, a cambio de millonarias subvencións, a empresas e empresarios do sector. A prensa escrita despregou recursos, deulles autonomía aos seus xornalistas, que souberon mergullarse nas causas do sinistro, afianzando coas aportacións dos expertos a cobertura do que estaba sucedendo. En definitiva, fixeron un moi bo xornalismo de sucesos e tamén un bo xornalismo científico. Porén, a prensa diaria do país tardou moi pouco en torcer de dirección. Xusto desde o momento en que a catástrofe do Prestige cobrou dimensión política.
É cando converxen as súas respectivas empresas e as súas axendas diarias coa cobertura que desde o minuto un levan a cabo tanto RTVE como a RTVG, ambas as dúas corporacións públicas sometidas aos poderes políticos de Madrid e Galicia. En medio da rocambolesca e irresponsable xestión que os gobernos de Aznar e de Fraga fixeron do sinistro -convertendo o accidente nunha catástrofe medioambiental, económica e social- a marea cívica encabezou a contestación nas súas manifestacións, cadeas humanas, concentracións, actos múltiples de protestas aproveitando o estudado goteo de autoridades, e nunca faltaron as pancartas nas que os manifestantes denunciaban a manipulación que exercían os audiovisuais públicos. Os numerosos colectivos que conformaban e apoiaban a plataforma Nunca Máis non só esixían responsabilidades penais para os actores do capitalismo petroleiro que puxeran en circulación, pasando a moi escasas millas da costa galega, un barco en estado calamitoso cargado con 77.000 toneladas de veleno, tamén esixían dimisións e que os medios contasen a verdade.
TEMPOS NOVOS deu a cara. Demostrou que era un medio de información alternativa. Sen submisións ao poder, e sen outro compromiso público que o da verdade. Abordando de maneira entrecruzada as dimensións do suceso e da política desde o primeiro momento. Así quedou de manifesto nos tres números especiais (o 67 coa Baixada ó inferno, o 68 co O País do Nunca Máis e o 69, co a portada dos NauFRAgados) que se distribuíron por Galicia correspondéndose cos meses de decembro, xaneiro e febreiro.
Máis de cen páxinas en total, nas que TN rendeu contas editorializando (esixindo expresamente a dimisión de Fraga e a convocatoria de novas eleccións), abrindo a revista ás voces de numerosos expertos na economía do mar, nos ámbitos científicos desde os que valorar as repercusións da catástrofe, na política e no espertar dunha cidadanía con conciencia de pertenza; con debates e entrevistas para mellor interpretar as mobilizacións sociais e as responsabilidades políticas, e tamén con análises críticas que era necesario facer para non caermos nas redes da propaganda gobernamental e partidaria -por caso, a que representou de facto o famoso “Plan Galicia”-, etc.
Merece pois a pena revisitar aqueles contidos, para comprobar en que circunstancias estamos a conmemorar o sucedido 20 anos atrás. Velaí, en aberto, todo o que, en conxunto, non é se non un memorando xornalístico que, ao tempo que permite entrar a fondo nos contextos daquel dantesco escenario, desvela tamén algunhas das estancias máis dinámicas e vivas da nosa memoria colectiva.
Número 67 (ver pdf)
[Editorial] Reparación e dimisión. Por Luís Álvarez Pousa
Causas e responsabilidades da catástrofe do Prestige. Por Manuel Soto
Marea negra na información. Por Belén Puñal
Fraga estaba…¡ó pé dos canóns! Por Xosé Luís Barreiro Rivas
[Os expertos] Técnicos e científicos: negro porvir. AA.VV.
O capitalismo cébase co petróleo. Por Xosé Ramón Doldán
[Opinión gráfica] Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Pepe Carreiro, Xaquín Marín e Pitón.
Número 68 (ver pdf)
[Editorial] Rebeldía social e tumba política. Por Luís Álvarez Pousa
[Debate] Rebelión social. Rebelión política? Coa participación de Xan Bouzada, Anxo Guerreiro, Miguel Anxo García, Antón Losada e Manuel Quintana Martelo
O Prestige, naufraxio neoliberal? Por Xavier Vence
[Ciencia] Para reconstruirmos sen máis desatinos. Por Miguel Anxo Murado
A responsabilidade civil no caso Prestige. Por Mª Paz García Rubio e Santiago Álvarez
Plan para unha emerxencia: axustes e solucións (Antonio Grandío Dopico)
[ESPECIAL] A PESCA, NEGRO FUTURO
Desastre ecolóxico, desastre de xestión. Por Mª do Carme García Negro
Reportaxe. Un futuro en común? Por Belén Puñal
A política comunicaría ante a crise. Por Xavier Queipo
Número 69 (ver pdf)
[Editorial] Fraga afunde co Prestige. Por Luís Álvarez Pousa
O Plan Galicia. Máis do mesmo: chapapote, cemento e converxencia. Por Xavier Vence
Demócratas de conveniencia. Por Justo G. Beramendi
Ourense: o poder dos da boina. Por Álvaro C. Rubio
Nunca máis porque somos quen. Por Xosé Manuel Sabucedo
A política facémola nós. Por Antón Losada
[Conversa] Antón Louro/Francisco García: a converxencia necesaria
O valor cívico da política. Por María Xosé Queizán