Mércores 27, Outubro 2021
HomeOutrosA MALDICIÓN DA PERIFERIA

A MALDICIÓN DA PERIFERIA

por Rexina Vega ilustración Andrea López

Non, non estaba preparada para abrir a man, para deixar voar ao paxariño que durante tantos anos acubillei con amor no meu feixe de pallas e plumóns quentes. Síndrome do niño baleiro chámanlle, e a min non me ía pasar. Porque ser nai era só unha característica máis, unha faceta da miña identidade poliédrica. Eu tiña un proxecto autónomo e, xa que logo, debía ser quen de ver a chegada da independencia da niñada como unha fase máis, unha fase desexable da experiencia vital. Supoño que acabarei asumíndoo con certa normalidade, pero agora, neste verán que é o limiar da partida da filla non podo, agora só teño ganas de chorar, de parar o tempo, de xibarizar a vida nova que quere voar lonxe de min. Sei que non teño dereito, sei que a mocidade precisa de ceos anchos e azuis, que eu mesma voei moi lonxe da casa en canto a miña envergadura soportou a travesía, porén nesta nova fronteira da vida só alcanzo a ver o inexorable paso do tempo e a maldición da periferia.

Si, a miña filla quere futuro, un futuro cosmopolita nunha grande cidade que lle abra as portas, que a desafíe, como eu quixen. Coller un avión para ir estudar fóra non debería ser problema ningún para o regreso a unha terra próspera, pero Galicia non é un país para a mocidade. É esa consciencia a que se me fai inaturable agora, a certeza de saber que as posibilidades dun emprego digno nesta periferia esmorecente, avellentada, son escasas. E sinto unha envexa infinda ante os meus amigos de Madrid, de Barcelona, aqueles que nunca experimentaron esa esgazadura. Porque poder ter preto as fillas e fillos, poder estar no seu día a día, telos ao carón para axudalos no malo e gozalos no bo é media vida. Como se vive coa presenza fantasmal do que máis queres a miles de quilómetros de distancia?

A emigración continúa a ser a nosa grande, a nosa maior traxedia como sociedade. A maldita consciencia de provincia afastada, falta de oportunidades, foi sempre o dinosauro que nos agardaba a cada espertar. Nas últimas décadas esa bicha volveu gañar voracidade. Desde a gran crise os aeroportos galegos abalan regularmente, ano tras ano tras ano, a mocidade que non se conforma, a que pelexa. As cifras estarrecen, “este marcha e aquel marcha e todos, todos se van”. A ben seguro moitísimas de vós, que ledes isto, experimentastes xa esa dor profunda do afastamento dos fillos. Como se vive con esa ausencia, como se lidia coa esperanza algún día do retorno? Nós, as xeracións que quixemos crer na autonomía e na modernidade do país, como imos asumir que coidamos dun patrimonio que difícilmente habitarán as novas xeracións? Nun futuro de megaurbes, nós imos quedar condenados a ser un lugar vacacional, un lugar ao que chegarán netos que serán froito xa de distintas coordenadas culturais. O estigma permanente da diáspora está volvendo a ser maioritariamente legado ás novas xeracións de galegos e galegas, unhas xeracións que, a diferenza da emigración do XIX e do XX, lembran unha infancia e xuventude confortables na súa terra. Ese paradoxo, sospeito, háos de acompañar mentres vivan, ha de se converter nunha cicatriz tenaz, o paraíso perdido.

Convertidos en paisaxe, conscientes do fracaso político, camiñamos cara a un deserto demográfico no que só nos queda teimar en estrar de faragullas o camiño para continuar a alimentar a esperanza de que todos os que marchan atopen algún día o camiño de regreso.

Verán estraño

Este verán volve ser estraño, malia a alegría da vacinación, esa armadura vigorosa, estamos de novo caendo no desánimo. Quixemos crer que era xa tempo de retomar a vida plena, a das festas, as verbenas e os foguetes, a dos concertos, as apertas e os bicos… pero non. Aínda non.

Tampouco axuda este gris permanente, esta néboa do Atlántico que nos asalta en dentes de serra e que nos deixa tremendo de frío á beira da praia. Neste verán que non acaba de ser verán, a cidadanía está dividida en dúas grandes clases: quen temos escudo e quen vai a peito descoberto ao encontro do virus mutante. Posuír un certificado de pauta completa deberíanos dar tranquilidade abonda, pero non. Porque ao noso carón temos fillas e fillos, sobriñas e sobriños, curmáns e curmás que se están infectando a velocidade de cruceiro e temos tamén nais e pais, tías e tíos xa maiores que permanecen encerrados nas súas casas, mortos de medo.

Así están as cousas neste verán xa mediado que non acaba de traer a alegría que prometera. Eu xa non sei como facer por comunicar tranquilidade a vellos e vellas que escoitan de novo o bombardeo contino de noticias ameazadoras nos medios, presos outra volta da neurose pandémica. Neste tempo distópico non hai conversación tranquilizadora, o futuro inminente vén preñado de pánico. Pero, alén da poboación maior, se hai un grupo afectado, ese é o dos novos. Como raio podemos pedirlles máis sacrificios? Como se nos ocorre demonizalos como o estamos facendo arestora? Xa teñen unha ferida, unha ben profunda, a saúde mental comprometida cunhas taxas de depresión e ansiedade nunca vistas. Non aturan máis confinamento, necesitan doutros corpos, ese é o mandato da idade, un mandato biolóxico ante o que o que as toneladas de responsabilidade cívica son xa papel mollado. Non, non se lle pode pór xa portas ao campo, esixir cumprimento estrito de medidas de prevención sen que exista unha sanción gubernamental. Así que só nos queda esperar a que o maná das vacinas os cubra co seu manto protector mentres os maiores contemos a respiración e agardamos a que volva o verán de verdade e mailo sol!


 

Novidades