Luns 2, Outubro 2023
HomeOutros Entrevista a Manuel García, ecoloxista e labrego limiao

[A LIMIA DAS MACROGRANXAS] Entrevista a Manuel García, ecoloxista e labrego limiao

“As administracións competentes pasan desta desfeita”

Desde que, nun acto de san ousadía, decidiu abandonar os estudos de veterinaria para compartir con outros activistas un proceso de contestación a canto xa daquela estaba poñendo en perigo a subsistencia dun modelo de sociedade e de vida na chaira limiá, Manuel García non deixou nunca de denuncialo en público e a través das máis diversas vías administrativas e mediáticas. Ao tempo, demostrou coa práctica que fronte á desfeita que para esa importante comarca ourensá comportou e comporta o modelo de gandería intensiva que a mantén colonizada, existe outro que respecta o medio ambiente e a biodiversidade, non contamina as augas con nitratos, non fomenta o éxodo poboacional e é competitivo.  

por Carlos Montenegro

O que o ministro Garzón declarou a respecto das macrogranxas pode ter a día de hoxe na Limia unha comprobación?

O Garzón ten moita razón no que dixo, pero non é ningunha novidade. Xa hai mais de 3 anos que a eurodeputada Lidia Senra e o deputado David Rodríguez denunciaron nos medios o tremendo e lamentable impacto ambiental, social e de saúde pública que provocan os residuos mal xestionados da industria cárnica asentada na Limia. Estas denuncias están baseadas nos resultados das  analíticas que sobre a calidade da auga realiza a  Confederación  Hidrográfica Miño Sil, que xa no 2011 redactou unha resolución/proposta de “Augas Afectadas” para o encoro das Conchas.

E tampouco houbo daquela reaccións?

Esta resolución/proposta meteuna Rajoy nun caixón e non soubemos nada dela ata que un inocente  funcionario do Miteco nos comunicou que existía e que ía ser sometida a exposición pública. O goberno galego (negacionista ao negarse a recoñecer que as augas estivesen contaminadas) aliñouse con Coren e alegou en contra. Por sorte, a proposta acabou sendo aprobada e cando en breve se faga oficial, a Xunta de Feijóo verase na obriga de declarar a Limia zona vulnerable debido á contaminación por nitratos.

“Está clarísimo que a intensificación da produción en base a agroquímicos e gandería industrial, hipersubvencionada, foi unha das causas principais que provocou a extinción masiva da granxa labrega tradicional (…) Como consecuencia, a Limia pasou de ter 40.000 habitantes a principios dos 80 a 19.000 na actualidade”.

Pero xa chegará demasiado tarde, non?

Si. Pero a ver se así o goberno galego renuncia á súa actitude de abandono, colaboracionista e deixamento de funcións, que foi a que permitiu a instalación de máis de 500 explotacións intensivas, deixando que asentasen en calquera sitio, sen esixirlles os máis elementais planos de xestión dos residuos que producen, e ignorando moita normativa que puidera dificultar as tramitacións ou comportar un maior custo de produción. Esta forma de proceder parécese bastante a iso que chaman prevaricación, non?.

Non entraremos no que parece obvio, que a gandería intensiva/industrial  produce carne de peor calidade, pero si no que ten a ver co nivel de competencia que aquela representa para a gandería extensiva, que garante a calidade do produto, e no referido á capacidade que teñen unha e outra para fixar poboación no rural. Que é o que se constata ao respecto na Limia?

Está clarísimo que a intensificación da produción en base a agroquímicos e gandería industrial, hipersubvencionada, foi unha das causas principais que provocou a extinción masiva da granxa labrega tradicional, que non puido sobrevivir nun mercado cada vez máis competitivo e globalizado, onde para gañar o mesmo cada vez tes que producir máis. Con este modelo intensivo, hoxe un labrego limiao precisa producir un millón de quilos de patacas, ou botar 100 hectáreas de cereal, que era o que producían todos os labregos do seu pobo xuntos hai 40 anos. E para vivir da gandería industrial hai que ter como pouco unha explotación de 2.000 porcos, 40.000 polos, 100 becerros  etc… Como consecuencia, a Limia pasou de ter 40.000 habitantes a principios dos 80 a 19.000 na actualidade. E todo este proceso de desertización  rural  foi paralelo a unha inversión millonaria nun proceso masivo de concentracións parcelarias  durante os gobernos de Fraga que provocaron un holocausto total do sistema agrario tradicional con toda a valiosa natureza a el asociada. Desta desfeita naceu a moderna estrutura agraria cuadriculada e de grandes parcelas, idónea para a implantación do sistema de produción industrial de alimentos  que hoxe coñecemos e padecemos.

Poden dárselles garantías aos veciños limiaos de que a auga potable que consumen é de calidade?

As augas de subministro controladas polos concellos supoño que si, pero a maioría dos pozos de particulares da chaira limiá teñen altas concentracións de nitratos e bacterias. É polo que a xente non se fía, e prefire mercar auga embotellada no supermercado ou ir a encher as garrafas nunha fonte. Craso erro o de pensar que nas aldeas afectadas teñen auga moi boa. Nelas hai fontes moi contaminadas, e os representantes municipais pasan bastante de controlalas e de advertir do perigo que supoñen para a saúde dos veciños. Penso por exemplo na fonte do santuario da Virxe de San Mamede, en Porqueira, onde se celebra unha pequena romaría no verán, e a xente xanta á sombra dos carballos e mata a sede nunha refrescante auga…rica en nitratos. Case duplica os 50 mg/l do límite permitido.

Aparte do referido ao servizo de auga potable, que é o que o modelo de produción das macrogranxas está afectando de maneira máis intensa á calidade de vida da xente que vive na comarca? Por caso, en relación cos cheiros derivados da aplicación masiva de xurros, sobre todo nas “parcelas de sacrificio”… 

Se o persistente e pegañento fedor dos xurros porcinos lle quita as ganas a calquera de vir vivir á Limia, hai que pensar que temos máis de unha granxa por quilómetro e moitas están mesmo pegadas as aldeas, o que supón unha perda importante do valor patrimonial para os propietarios de fincas rústicas e de casas. E temos despois un problema moi preocupante de saúde pública, que pode estar relacionado cos agrotóxicos e co consumo de auga contaminada por nitratos. É vox populi no ambiente hospitalario ourensán o dos altos índices de cancro e párkinson que temos na bisbarra. Por esta razón, nun escrito dirixido a consellería de Sanidade e asinado por tódolos grupos ecoloxistas galegos pediámoslle que fixeran un estudo epidemiolóxico para ver que de certas ou falsas son esas suposicións.

“Temos tamén un problema moi preocupante de saúde pública, que pode estar relacionado cos agrotóxicos e co consumo de auga contaminada por nitratos. É vox populi no ambiente hospitalario ourensán o dos altos índices de cancro e párkinson que temos na bisbarra”.

E as zonas de lecer? Por exemplo, as que tradicionalmente eran zonas de baño…

As únicas zonas de lecer  que nos quedan na chaira limiá son as estradas e pistas de concentracións para os que gusten do ciclismo… Os meus fillos desde logo que xa non poden disfrutar de bañarse ou pescar peixes e ras no rio Limia, tal e como o desfrutamos noutros tempos tódolos auténticos limiaos. Lembro os domingos nos que iamos toda a familia a pasar o día no encoro das Conchas. Muiños parecía a praia de Samil. Agora no verán nin os cans se poden achegar ao encoro porque corren o perigo de beber auga contaminada por cianobacterias.

Que capacidade de resposta están tendo vostedes, os produtores de gandería extensiva, ante o que se ten denunciado en relación cun maior emprego de produtos veterinarios (como hormonas, antibióticos, etc.) por parte das granxas intensivas? Tal vez unha maior implantación de cultivos ecolóxicos? Aproveitando máis outras alternativas tradicionais como a apicultura?

A intensificación agrogandeira provocou por desgraza unha desertización da cultura rural tradicional e familiar, esa que foi creadora de fermosas paisaxes, de biodiversidade e fonte de bos alimentos, famosos pola súa calidade en todo o Estado. Temos unha situación moi difícil de cambiar, pois existe nunha gran parte da poboación un eco-odio fomentado durante anos polos caciques e ignorantes políticos locais… Lembremos que unha das manifestacións máis grandes que se celebrou aquí na Limia foi para protestar contra a declaración de zona ZEPA (zona de especial protección para as aves). Isto impide a implantación de iniciativas que buscan xerar economía e emprego en base á recuperación da riqueza ambiental e a produción tradicional ou ecolóxica de alimentos. Outro factor moi negativo para o cambio é que aquí quen asesora aos labregos e gandeiros non son os axentes de extensión agraria, senón os que lles venden os agrotóxicos. A apicultura cecais sexa unha das alternativas máis numerosas, pero está limitada polos roces masivos, subvencionados pola Consellería, e polos xurros porcinos que ao amparo dunha gandería seudoextensiva) se ciscan por todos os montes que enmarcan a chaira, contaminando mananciais e intoxicando as abellas.

“Temos unha situación moi difícil de cambiar, pois existe nunha gran parte da poboación un eco-odio fomentado durante anos polos caciques e ignorantes políticos locais (…) E quen asesora aos labregos e gandeiros non son os axentes de extensión agraria, senón os que lles venden os agrotóxicos”.

Como está afectando toda esta situación á convivencia na Limia? É certo que se están utilizando métodos de presión e intimidación tan pouco ortodoxos como o envío de burofaxes a membros da Plataforma Auga limpa xa…?

É certo que a empresa Coren enviou burofaxes intimidatorios aos cabezas visibles da protesta, a dous membros da plataforma, e incluso se atreveu con dous científicos galegos da categoría de Serafín González e Eduardo Costa. Pero o máis grave aconteceu nunha feira de Xinzo cando catro membros de Auga limpa recollían sinaturas, sendo rodeados e ameazados por un grupo de 20 iracundos gandeiros.

Tamén vostede se sentiu ameazado?

En vista de que o método violento non tivo o efecto desexado, e moi cabreados pola ousadía de celebrar na capital ourensá unhas Xornadas sobre o impacto da gandería industrial, decidiron cortar polo san, colléronme como cabeza de turco e ameazáronme cunha demanda por valor de un millón de euros se non saia nos medios retractándome das miñas manifestacións públicas sobre o perigo dos residuos da gandería industrial. No acto de conciliación celebrado no xulgado de Xinzo de Limia reafirmeime nas miñas declaracións. Desde entón quedou aparcada a demanda, e iniciamos frutíferas conversacións para ver como se podían xestionar de mellor maneira os residuos, e coido que a cousa ten mellorado nos últimos dous anos….Pero queda moito por limpar despois de dúas décadas de permisividade total por parte das administracións competentes, que a dia de hoxe seguen pasando de todo.