Luns 2, Outubro 2023
HomeOutrosA LEI DO DESORDE

A LEI DO DESORDE

por Belén Puñal

Para a xustiza xa non existen parches posíbeis. O que puxo de manifesto o caso Mariluz non foron senón males endémicos que só se poden atallar con medidas estruturais. A imaxe das ringleiras de carpetas amoreadas nos xulgados dío todo: Lentitude, conxestión, descoordinación, desaproveitamento das novas tecnoloxías, medios persoais e materiais insuficientes, organización decimonónica das oficinas xudiciais, distribución ineficaz do traballo, problemas de formación do persoal… Se dunha empresa se tratara, faría tempo que tería entrado en quebra.

En Galicia a situación non é mellor. Somos, en empate técnico con Valencia, a sexta comunidade de todo o estado con maior taxa de pendencia (a que resulta de dividir os asuntos pendentes e os resoltos a final de período) e a quinta con maior índice de conxestión, segundo datos de 2008 extraídos do último informe do Consello Superior do Poder Xudicial (CPXG). Precísanse máis medios –en 2009 dende Madrid só se concederon 9 dos 34 órganos xudiciais solicitados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia– pero tamén unha mellor organización dos mesmos: o actual mapa de partidos xudiciais, ao igual que a forma de traballo nas oficinas xudiciais, provén do século XIX. Mais Galicia, a non ser en recursos materiais e humanos, só pode propor, non dispor. O limitado das competencias que, neste eido, recaen nas autonomías couta unha verdadeira reforma, a fondo e dende o propio país.

Dende a folga de xuíces, sucedéronse os cambios. O novo ministro, o ceense Francisco Caamaño prometeu máis millóns para a xustiza (600 en tres anos, fronte aos 20 anunciados por Bermejo) e un renovado talante de diálogo mais, porén, non conseguíu acalar as ameazas de nova folga. Tamén os outros dous poderes implicados na xustiza (o xudicial e o autonómico) fixeron relevo de representantes: á fronte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o progresista Miguel Cadenas, e da respectiva dirección xeral da nova Xunta popular, Juan José Martín. Mais, suporán unha auténtica viraxe no rumbo? Para conseguir tal, ás tres administracións que representan (goberno central, comunidade autónoma e Consello Xeral do Poder Xudicial) cumpriralles máis o oficio de arquitectos que o de fontaneiros. E para iso fai falta capacidade de planificación, investimento, ambición política para Galicia, discurso en clave de país e consenso, que soan case a utópicos en momentos de crise económica e crispación política.

Preiteando espero

A lentitude é a cara máis visíbel dos problemas da xustiza. Os procesos eternízanse, e queda así tocado de raíz o dereito da cidadanía a unha tutela xudicial efectiva, é dicir, a que o que demandemos da xustiza sexa resolto nun tempo prudencial. Os datos son ben reveladores. Cando 2007 tocou fin, quedaban en Galicia 144.714 asuntos pendentes de resolver, case 9.000 máis que no ano anterior. A finais de 2008, a morea subía xa a 166.465, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial. Un esclerótico funcionamento da maquinaria que, para quen demanda xustiza, é difícil de comprender. “O xustizable non entende o que pasa –afirma o avogado Miguelanxo Fernández, membro de Xustiza e Sociedade- “Nós, como letrados, temos que explicarlle cuestións sobre as que non temos solución, como que a demanda que presenta, en dous anos, e cun pouco de sorte, non terá unha sentenza firme, e que logo haberá que iniciar outro procedemento para executala”.

Tradicionalmente, son as xurisdicións do Contencioso-administrativo e o Social as máis afectadas. A finais de 2008 as taxas de conxestión eran do 2,9 no Contencioso-administrativo, de 1,8 no Social, de 1,6 no Civil e 1,19 no Penal. Se temos en conta que o índice 1 é o que marca o punto de equilibrio, os datos revelan ben ás claras até que punto estes eidos están superados. No Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a Sala do Contencioso administrativo arrastraba 18.637 asuntos pendentes en 2008 –converténdose así na principal culpábel do elevado nivel de conxestión nesta xurisdición– e 9.695 a do Social.

Se o curso da xustiza é xa de por si pouco fluído, a crise vólveo aínda máis mesto. A actual anemia económica aguilloa a litixiosidade en todos os eidos e a maquinaria xudicial queda máis curta ca nunca para responder á demanda. “O administrado non debe pagar dobremente a crise”, reclama Manuel González Carvajal, responsábel de Xustiza de UGT. Para exemplificalo, non hai máis que botar a vista de novo aos datos ofrecidos polo Consello Xeral. Na xurisdicción Civil, as execucións hipotecarias –é dicir, os embargos– aumentaron nun 95,3 por cento en 2008 con respecto ao ano anterior. No Mercantil, as quebras de empresas (FADESA á cabeza) incrementaron os concursos de acredores nun 204,9 por cento no mesmo período, até o punto de que na Coruña o segundo xulgado especializado na materia concedido para este ano non chegará para dar abasto. As reclamacións de cantidades, tamén no eido mercantil, fixérono nun 33 por cento. Na xurisdición Social, o colapso vai a máis co ascenso a un 55,8 por cento dos despidos presentados nos xulgados. E no Penal, as cifras increméntanse pola delituosidade aguilloada ante a falta de recursos. Para máis, cambios lexislativos como os que marcan a celebración de xuízos rápidos para a retirada do permiso de conducir veñen inflan aínda máis o fol do atasco.

A situación é tamén abondo preocupantes se de execucións de sentencias falamos (lembremos que o asasino da pequena Mariluz estaba en liberdade por unha sentenza pendente de pórse en práctica). Para garantir os dereitos cidadáns non abonda con que se dite sentencia. É preciso que se execute. Porén, Galicia cangaba, a finais de 2007, con máis de 12.700 sentenzas sen materializar. “A execución está totalmente esquecida da Administración”, afirma Ángel Garmendia, ex-responsábel de Xustiza de CCOO en Galicia. Nin sequera se ten en conta para valorar o traballo realizado por un xulgado –en función do módulo estabelecido polo Consello Xeral do Poder Xudicial– xa que a nivel estatístico só contan os casos ingresados e os resoltos.

A creación de órganos xudiciais, abertamente insuficiente, semella ser só quen de tapar unha goteira aquí mentres unha nova vía de auga se descobre acolá. Cada vez máis, somos unha sociedade máis propensa aos litixios, e a creación de máis prazas de xuíces, maxistrados e xulgados está lonxe de ir á par. Se o número de asuntos se incrementou nun 20,6 por cento dende 2001 a 2008 en Galicia, a creación de novos órganos xudiciais (das máis baixas do Estado), só o fixo nun 15,9 por cento. As máis litigantes, as provincias da faixa atlántica, con maior concentración poboacional e un peso tamén maior da actividade industrial e comercial: o número de preitos, por cada 100.000 habitantes, foi en 2008 de 185 en Pontevedra e 162 na Coruña, fronte aos 120 de Lugo e os 135 de Ourense.

A presión tiña que estalar antes ou despois e fíxoo coa folga de xuíces e maxistrados que, cacería e rifa política de por medio, levou por diante ao exministro Bermejo. “Levamos negociando varios anos sen conseguir nada e, mentres, medra o volume de litixiosidade a un ritmo alarmante sen crear as prazas necesarias nin sequera para cubrir os excesos dun ano para outro”, responde o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. “Así non se pode xulgar, non se pode reflexionar sobre os problemas reais que presenta a xente. Necesitariamos máis sosego, e iso conséguese creando máis xulgados”, afirma. O cambio de ministro non trouxo, para o xuíz decano da Coruña, as solucións agardadas. “O noso déficit é o número de prazas de xuíces, e sobre a creación de máis xulgados eu non escoitei nada”, afirma. Segundo Fraga Mandián, non é un problema de estrutura, senón de máis órganos xudiciais. Un debate de fondo, porén, no que as análises expertas distan de converxer.

Para cando o novo mapa xudicial?

A creación de máis órganos é remedio para os síntomas máis alarmantes dun sistema doente, mais non soluciona os problemas derivados doutras insuficiencias crónicas, como a falta de modernización, as carencias organizativas e as dificultades derivadas da distribución territorial do mapa xudicial. Xa choveu dende que, en 1988, a Lei orgánica de demarcación e planta estabeleceu onde deberían ir localizados os órganos xudiciais. Ao igual que o territorio galego cambiou arreo nas últimas dúas décadas, tamén o mapa xudicial cómpre ser revisado. A concentración da poboación na faixa atlántica, o incremento de litixiosidade nela, a conformación de áreas metropolitanas, a despoboación do interior ou a mellora das vías de comunicación fai necesario volver a cartografar o territorio xudicial para adaptalo ás novas necesidades.

O minufundismo e o localismo teñen, no xudicial, unha agre versión. No mapa da xustiza galega abrollan partidos xudiciais en áreas moi próximas –como Marín e Pontevedra e Vigo ou Redondela– e abundan os órganos unipersoais –cun só xulgado e un só xulgador–, adoito cubertos por xuíces e xuízas de primeiro destino que tan pronto poden marchan, cos consecuentes efectos negativos da provisionalidade para o seu funcionamento. “O poder político no seu momento considerou que era mellor estabelecer moitos xulgados en determinadas comarcas e concellos que, coas comunicacións que temos hoxe en día, non teñen sentido”, afirma o letrado Miguelanxo Fernández. A creación de xulgados especializados (de violencia de xénero, de familia, do mercantil…) pasa, segundo este avogado, pola concentración de órganos xudiciais en sedes máis amplas. A comarcalización podería ser unha solución idónea, sobre todo, tal e como apunta o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, para o interior do país.

O irracional do mapa xudicial ten aínda máis facianas. En Galicia podemos atopar concellos de arredor de 40.000 habitantes, como Narón, con só un xulgado de paz, e outros como Noia, con preto de 15.000, atendido por dous xulgados de primeira instancia e instrución. A área de influencia das audiencias provinciais, nas súas sección de Santiago e Vigo, e dos xulgado do Penal e do Contencioso administrativo tamén nas dúas cidades, responde tamén a criterios escasamente funcionais. “Os de Tui van de romaxe a Pontevedra en vez de ir a Vigo, e os de Noia van á Coruña en vez de ir a Santiago”, recoñece José Manuel López Martínez, funcionario do gabinete técnico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no seu traballo A xustiza en Galicia e a reforma da oficina xudicial. Mesmo algunhas voces, entre elas a do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, propoñen ir máis aló dos límites provinciais: “Imaxinemos que constituímos un xulgado de violencia de xénero en Santiago de Compostela, con xurisdición comarcal. A Estrada, que coas novas comunicacións está a dez minutos de Santiago, non debería depender dese xulgado de violencia de xénero? Ou tería que depender dun que se creara en Pontevedra? O mesmo sucede con Lalín”.

Porén, hoxe por hoxe, Galicia non conta coas competencias precisas para volver a trazar, co seu propio lapis, o mapa xudicial. Reorganizalo requirirá, de facerse algún día, valentía política: para encarar posicións localistas que con probabilidade se oporían á retirada ou agrupación de partidos xudiciais, ou para enfrontarse a intereses partidistas derivados do feito de que o número de deputados e deputadas provinciais vaia en función dos partidos xudiciais. Un xardín no que, até o de agora, ninguén se atreveu a poñer man.

Oficinas decimonónicas

Dicir que as oficinas xudiciais son decimonónicas non é mero clixé. A súa estrutura non só está anquilosada no pasado senón que mesmo se rexe por leis procesuais que proveñen do século XIX. A organización do traballo do xulgado e dos seus funcionarios segue a xirar ao redor do xuíz, como unha especie de rei sol. Así as cousas, é inevitábel o efecto funil que contribúe ao actual colapso xudicial. “Os litixios avanzan a ritmo normal até a vista ou até ditar sentenza, que é onde teñen que esperar porque un só xuíz ou unha sala non é abondo para tal volume de asuntos”, explica José Manuel López Martínez.

Hai tempo xa que no Estado se está a voltas coa reforma da oficina xudicial. En 2001 asinouse o Pacto pola Modernización da Xustiza entre as dúas forzas maioritarias no Estado e en 2003, cando xa o goberno do PP expiraba, aprobouse a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que sentaba as bases da nova oficina. Dicíase entón que sería cuestión duns meses mais vai para seis anos sen que se conseguira facer da oficina xudicial unha realidade. É máis, o proxecto de lei que dita as necesarias reformas procesuais para a implantación da oficina xudicial aínda neste pasado maio estaba en fase de presentación de emendas.

Modernizar a xustiza pasa por dar pasos decididos cara a unha nova organización na que os xuíces e xuízas se dediquen en exclusiva a xulgar e executar o xulgado, e queden libres de responsabilidades organizativas e de xestión. Na reforma prevese que sexan asumidas polos funcionarios do xulgado e de maneira especial polo secretario xudicial, quen se responsabilizará dos novos servizos comúns de ordenación do procedemento, e contará con capacidade de decisión e competencias resolutivas.Porén, a reorganización da oficina xudicial vai máis aló. Suporá rematar cos reinos de taifas que hoxe en día son os xulgados, habitáculos illados que contan cada un, aínda que estean situados á beira, co seu propio secretario xudicial, os seus funcionarios e o seu propio modo de organizar o traballo. Para tirar cos muros de tal compartimentación, a idea é crear servizos comúns procesuais (de execución, de auxilio xudicial, de actos de comunicación, de rexistros…), onde un amplo grupo de funcionarios dean servizo a diferentes xulgados. Á beira do xuíz, quedarían pois só un moi reducido número de traballadores e traballadoras que constituirían as unidades de apoio directo.

O modelo en si é esperanzador, mais atopou fronte a si non poucas dificultades. En primeiro lugar políticas, pois supón a reforma dun bo monllo de leis procesuais que precisan para a súa reforma dun amplo consenso político. Tal e como lembra Manuel González Carvajal, responsábel de Xustiza de UGT, a reforma foi xa vetada unha vez no Congreso e no mes de febreiro, xa en fase de presentación de emendas na Cámara, vimos de novo perigar o consenso político cando dende o PP se anunciaba a ruptura do pacto pola Xustiza. En segundo lugar económicas, pois os presupostos para xustiza son escasos (1,5 por cento do PIB en España fronte ao 3 por cento de media en Europa) e custosa a reorganización que leva consigo a nova oficina xudicial. E en terceiro lugar, como agora veremos, de planificación.

Para facer realidade as novas oficinas xudiciais, precísanse edificios diáfanos e sen compartimentacións (en Galicia, só Lugo, Santiago e o futuro edificio xudicial de Vigo cumprirán tales requisitos), unha nova regulación de postos de traballo e unha adaptación dos cadros de persoal ás novas necesidades (para o cal haberá que ver que se fai coa actual descompensación de persoal, pois 900 dos máis de 2000 funcionarios de xustiza, segundo Ángel Garmendia, son grupo B, é dicir, un nivel similar ao do xefe de servizo). Garmendia mesmo formula a necesidade dun corpo único de funcionariado que, ademais, faga máis flexíbel a distribución do traballo.

A coincidencia de tres administracións distintas –os xuíces e maxistrados dependen do Consello Xeral do Poder Xudicial, os secretarios, do Ministerio de Xustiza e o resto dos funcionarios da Administración autonómica– non fai senón dificultar a chegada a acordos. Para o exresponsábel de CCOO, a solución pasa por unha planificación no tempo a medio ou longo prazo e, ademais, por un necesario pacto entre partidos e profesionais: “Sería preciso empezar a traballar coa oficina xudicial, crear ese plan de ruta e poñer de acordo a todas a organizacións políticas e sindicais, a todos os colectivos xudiciais en Galicia. Sería o pacto galego da xustiza”.

Carriños de papel

Cando Pablo Baleiras, agora responsábel de Xustiza en CCOO, comezou a traballar nos xulgados, aló polo ano 92, puxéronlle diante unha máquina de escribir Olivetti 98. O dato dá conta do atraso que arrastra a Administración de Xustiza na introdución das novas tecnoloxías. “Parece que a informática deixou de funcionar a partir do caso Mariluz, e non é certo. Nunca funcionou. Casos como este poderían ter sucedido mil veces”, asegura.

Os problemas acumúlanse un tras outro. En febreiro comezou a funcionar o rexistro de medidas cautelares, requisitorias e sentenzas non firmes, que de ter existido antes evitaría casos como o asasinato da nena onubense. Segue sen haber, porén, un sistema de interconexión, tal como dende hai anos funciona con éxito na Axencia Tributaria, que permita ter ligados informaticamente os xulgados de todo o Estado. Os programas informáticos utilizados polas diferentes administracións son incompatíbeis. As comunidades autónomas foron desenvolvendo os seus propios programas sen que se estabelecera ningún tipo de coordinación entre elas.

Ademais, os asuntos han ser rexistrados unha e outra vez nas distintas fases do procedemento, cando pasan ao xulgado do lado ou a un xulgado superior. Pérdese tempo enviando por correo notificacións, trasladando carriños da compra cheos de expedientes en papel e acumulando máis e máis documentos cando se podería facer vía telemática. Falta unha conexión adecuada coas forzas e corpos de seguridade do estado que permita, por exemplo, a recepción electrónica de atestados. Desaprovéitanse medios, como as videoconferencias, para evitar o desprazamento de testemuñas ou mesmo para evitar ter a un funcionario, o secretario ou secretaria, estando presente para dar fe. E así poderiamos continuar co suma e segue.

As administracións van dando pasos mais serán só parches mentres non se logren encaixar adecuadamente. En Galicia, a dirección xeral de Xustiza está a acometer a dixitalización dos rexistros civís (xa rematada nas cidades), o que fará posíbel obter unha partida de nacemento, matrimonio ou defunción, en galego. E está a implantar, ademais, un novo programa, Minerva, a base para introducir posteriormente o Minerva NOJ (Minerva Nova oficia xudicial) e con acceso directo a Lexnet, a ferramenta que se utilizará para introducir o o expediente electrónico. Segundo Juan José Martín, o novo director xeral de Xustiza, para despois do verán ficará rematada a súa implantación. Mais para o sindicalista Pablo Baleiras o novo sistema tamén ten carencias: a súa lentitude, o feito de que fora elaborado dende o Ministerio e non dende a comunidade autónoma, e que non fora testado e negociado cos traballadores.

As centrais sindicais coinciden en demandar máis gasto non só en novas tecnoloxías senón tamén na formación dos traballadores da Xustiza. Formación que amosa deficiencias nunha dobre vertente –no coñecemento das aplicacións informáticas e tamén nos cambios lexislativos e no procedemento– e que se fai especialmente necesaria no caso do persoal interino. “As persoas que forman parte da bolsa de interinos deben estar formadas de igual maneira que os titulares”, afirma Ángel Garmendia. Semella que a Administración galega xa tomou nota e vén de estabelecer unha nova regulación da bolsa de interinos onde xa se prevé un período de formación.

Á Xustiza úrxelle recuperar a reputación perdida. Porque non só é un poder do Estado senón un piar básico, ao igual que a sanidade ou a educación, para garantir dereitos e igualdade, aínda que en investimentos siga a ser a irmá pobre. Máis do 80 por cento dos cidadáns queixábase, nunha enquisa realizada polo Movemento en Defensa dos Dereitos Civís, da súa lentitude. Mentres o vello mastodonte non se adapte aos novos tempos, son os dereitos de todas e todos nós os que unha e outra vez seguirán a ser tripados. Mais para iso os parches non abondan. É preciso investimento, decisión e capacidade de planificación. Darlle a volta completa ao calcetín.