por Xurxo Borrazás
A institución-Estado goza da facultade de exercer e dirixir a forza e a represión sobre as persoas, dita o abano de cidadás e actividades sobre as que exerce esa forza e as que non. A política, nunha frase, ocúpase de regular as relacións entre o Estado e o mercado. Esta definición é válida tanto para unha ditadura (sexa monárquica ou militar), como para unha democracia plena, para gobernos de dereita e de esquerda.
Falar de forza é hoxe politicamente inconveniente, por iso nos discursos a expresión desta facultade edulcórase e anonimízase, externalízase. A dereita económica é a que sinte máis vergoña de enarbolar a bandeira da forza sobre as persoas, motivos non lle faltan. Agora ben, a dereita non é máis parva que a esquerda, se acaso máis áxil para adaptarse ao medio, como naquela saída de Keynes: “Cando as circunstancias mudan, eu cambio de ideas, vostede que fai? Esa vergoña fai que na actualidade se poida falar dunha dereita transfigurada.
Por uso da forza entendemos obrigar as persoas a facer o que preferirían evitar ou prohibirlles facer o que realmente lles gusta. Isto pode acadarse por dúas vías, ben a da represión, mesmo a violencia ou a tortura no caso das autocracias, ou ben por medio da lei, o código penal, o sistema xudicial e multitude de normas subsidiarias, multas, etc, no caso das democracias plenas.
Medir os cornos
Nun e outro modelo a forza exercida debe estar lexitimada. O problema que teñen as autocracias é que o mantemento da orde social por medio da violencia física ten como única lexitimación posíbel a autorreferencialidade dos feitos consumados, o réxime mide os seus cornos de macho cabrío cos cornos da poboación e, se esta non cede, descarrega sobre ela unha serie de embestidas crecentes e faille ver claro aquilo do corrido mexicano: “a miña palabra é a lei” e calquera aspirante a derrocarme terá que verse cos meus cornos.
O combate causa feridas en ambos contendentes e non pode eternizarse porque levaría á destrucción mutua. A guerra só está gañada cando o macho alfa consegue que a simple ameaza do uso da forza abonde para garantir o sometemento, sen necesidade de desgastarse en resolver cada conflito a cornazo limpo. Na natureza funciona e os teóricos da ditadura apelan á natureza para lexitimarse, combinando a lei do máis forte coa protección e a orde que este en troques lle ofrece á manada.
O uso da violencia dos poucos contra a maioría para favorecer a acumulación de riqueza dá a volta nos sistemas democráticos plenos, converténdose na forza dos moitos contra os poucos para favorecer o reparto da riqueza (este é o ideal) ou dos moitos contra todos para asegurar a estabilidade, xa non en forma de cornadas ou paus senón de dura lex. Esta versión da forza canxa mellor co que se adoita entender como o ben común, pero vive na provisionalidade e o seu exercicio a base de coercións razoadas e burocracia de control tampouco ilusiona.
Estas contradicións e dilemas abren unha fractura entre o que se considera correcto e o que se considera desexábel, dando paso a distintos graos de insatisfacción con un e outro modelo. As oligarquías que sosteñen as autocracias deprímense pola falta xa non de obediencia senón de amor e gratitude por parte dos gobernados, a pesar de que o ditador transixe poñendo a careta de democracia e renunciando á tortura explícita, abrazando a censura sub specie de papeleo, remedos de xuízos, multas, desterros ou cancelacións públicas.
Pola súa banda, as democracias plenas levan á resignación máis que ao entusiasmo dos administrados, mesmo facendo que moitas das persoas beneficiadas por elas flirteen coa morriña masoquista da violencia como espectáculo, pensando que non ten por que tocarlle sufrila a eles.
Fábula da avespa e a eiruga
Que facer? Como deixar de sentirnos ratos co cerebro trepanado nun laboratorio ou ratos a correr na roda para non chegar a ningures? Os adscritos ao que eles mesmo autodenominan “liberalismo”, ou libertarismo, podendo chamarse a dereita transfigurada, cren ter dado coa tecla.
Os libertarios son xente civilizada, tolerantes cos dereitos e costumes individuais, non vai con eles a brutallada da forza gratuita, en xeral nada gratuito. Ocorre que os seus obxectivos coinciden cos de quen si exerce a forza bruta, ditaduras ou oligarquías, por iso deben atopar unha terceira vía, consistente en facer que a forza necesaria para a rapina e a andamiaxe dunha democracia plena se reconcilien e traballen a favor das elites.
Lógrano disimulando as decisións impopulares baixo comités de expertos-de-parte, algoritmos ou institucións supranacionais que trasladan a idea de que as decisións veñen dadas ou obedecen a criterios exclusivamente técnicos. Ao tempo invocan a liberdade e a meritocracia para lexitimar a inxustiza. Liberdade para quen extrae riqueza porque dispón dos medios para facelo. Quen non accede ao benestar polos seus propios medios é inútil ou manta, merece a súa desgracia. Hai que buscarse a vida e cadaquén atende ao seu, a competición mellóranos a todos, etc.
Este é o relato hexemónico no Estado fagocitado pola centrifugadora de Madrid en prensa, TV, blogs, redes sociais, youtubers, libros, cancións ou series. Supremacismo cañí que se vende como cool e substitúe a realidade por unha parodia nostálxica sen sobresaltos, un entusiasmo infantil que, xa de adultos, decote remata en accidente. Mesmo atrae os desencantados do guirigai da esquerda, desexosos de que se lles presentase a ocasión de desencantarse. Os neoliberais soft son a avespa autocrática que pon os ovos na eiruga lenta da democracia plena, que llelos incuba e a consomen ata a súa eclosión. Non se pode ser bo.