Domingo 4, Xuño 2023
HomeOutrosA fábula expansiva

A fábula expansiva

O goberno de Núñez Feijóo vén de presentar no Parlamento os orzamentos para o 2017. Reveladores, sen dúbida, dunha mirada acuosa que fai do país unha foto fixa -e movida- e non secuenciable -histórica e xa que logo social e culturalmente activa, propulsiva-. A propaganda, con gaiteirada incluida ás portas do Apóstolo, quere facernos crer que estamos no kilómetro cero da crise económica e das políticas austericidas, das que o presidente se autoproclamou discípulo avantaxado. Pero non é asi.

Estamos peor que no 2009, e non dan de si as contas orzamentarias o que en boa lóxica debera servir non só para atallar a hemorraxia, tamén para poñer o reloxio político, social, económico e cultural en hora. Con ambición política, sen tutelaxes externos, e sen os corsés ideolóxicos e partidarios que o atan ao “rajoismo“ máis puro. Eis a súa renuncia a facer valer para o autogoberno a condición constitucional de Galicia como nacionalidade/nación, e días despois da súa nova toma de posesión o seu penúltimo renuncio electoral e parlamentario, someténdose e compartindo os plans que o ministro de Fomento ten para a AP- 9 -non hai rescate posible- e para o AVE -o conto de nunca acabar-.

Para ver o potencial político, económico, social e cultural destes orzamentos, é necesario que teñamos en conta o momento no que estamos -de onde partimos-, e o que poden dar de si para iniciar o desbordamento dos corsés neoliberais que nos teñen coa soga ao pescozo. O cancro da desigualdade que provocaron está facendo que centos de miles de familias galegas estean ao bordo da exclusión social, sufrindo os seus fillos máis novos graves procesos de desnutrición. E nin sequera aqueles que teñen máis sorte que esoutro case vinte por cento de parados e acceden a un posto de traballo -en precario e moi por debaixo do SMI- están en condicións de contribuir a reverir esa inxusta e inmoral situación. Coa lacerante coda que supón o repunte da emigración, que exporta principalmente xente moza e preparada.

As estratexias de consolidación fiscal coas que o Goberno afrontou a recesión convírtense na proba do algodón para argumentar en contra da filosofía do axuste fiscal, coa que os seus emisarios tentan agora xustificar estes orzamentos. Porque con elas Galicia non é quen de abandonar o vagón de cola no que están as comunidades españolas con menor nível riqueza. Teimar no que se coñece como teito de gasto, ese dogma económico co que pretenden xustificalo todo, é volver ás andadas. É o que se traduce de fixar para os anos 2017-2020 uns obxetivos de déficit -un 0,6, un 0,5%,un 0,3 e un 0,0- aleatorios, sen base científica algunha. Cos mesmos fundamentos económicos poderíanse propoñer outros ben diferentes e teren a futuro igual valoración.

Son criterios arbitrarios dos que se serve este goberno para cadrar recursos e compromisos partidarios. Non serviron durante os oito últimos anos nin servirán agora para reducir a débeda pública, que Feijóo case triplicou desde que ocupa a presidencia. Está nos 11.293 millóns de euros, segundo os orzamentos entregados no Parlamento. Sen que teña unha resposta decente a demanda dunha explicación razonable a esta aparente contradición: a de que, pese a incrementar nesas millonarias cantidades a débeda, non se tivera salvado dos salvaxes axustes e recortes o estado de benestar, nin se conseguiran frear as desigualdades, o desamarre industrial e laboral, e canto nos dá valor identitario como país. Non temos outra resposta que a do discurso retórico, ao que tan aficionado é o presidente conservador. Asi que nada mellor que botar man da obxetividade dos datos. Vexamos.

Segundo o que se deduce dos orzamentos, a Xunta terá que destinar un total de 1.624 millóns de euros para pagarlle á banca os xuros e amortizacións da débeda. Cinco veces máis que o que gastaba cando Feijóo se fixo cargo do goberno no 2009. Máis en concreto: se daquela a Xunta gastaba 3,4 euros por cada 100 euros da débeda, o que esa obriga de pago vai supoñer para o 2017 acadará o 16,9 por cento. O que supón a respecto do 2016 -ano electoral, con rebaixas fiscais de última hora en busca de votos- un incremento do 14 por cento. Pero hai máis que contar. Porque para o cálculo de déficits e débeda os orzamentos non inclúen os gastos derivados dos chamados contratos público-privado referidos a obras moi cuestionadas e cuestionables como a máis emblemática de todas, a do Hospital Xeral de Vigo, cunha débeda oculta que supera os 3.500 millóns de euros. Outra pregunta lóxica ao respecto que tampouco ten resposta oficial: se quedan fóra do cálculo do déficit e da débeda eses gastos en infraestruturas, por que non poden quedar tamén os gastos en servizos públicos de benestar e creación de emprego?

Hai caídas orzamentarias -por caso, un 42,5 por cento en políticas de emprego, ou un 59 por cento en políticas de medio ambiente, e ata un 40 por cento en cultura e lingua, como veñen de denunciar en Bruxelas 65 dos máis novos representantes da creación literaria e artística-, que desaceleran aínda máis os procesos de vertebración e defensa que Galicia necesita afortalar neste tempo de globalización e homoxeneización acelerada.

Que se vendan estes orzamentos como expansivos, asegurando que van servir “para consolidar a recuperación da economía galega”, non deixa de ser unha fábula. Porque o da recuperación é unha falacia – para demostralo, eis o estado de necesidade xa subli- ñado, e o que se traduce da memoria económica que rebaixa ao 2,5 por cento do PIB o crecemento previsto para o 2017 cando apostaran polo 3,2 no 2016-, e porque o documento que a Xunta entregou no Parlamento aporta datos que o negan. Como se pode falar dunha política expansiva cando ademais dos axustes xa subli- ñados nos servizos públicos básicos –ensino, sanidade, vellez, emprego, vivenda-, medra o gasto non produtivo, mantéñense os duros recortes iniciados no ano 2010 en sectores que son fundamentais para o crecemento económico, tales como desenvolvemento rural (-24,1%), pesca (-46,2%), comercio (-53,1%), turismo (-40,8%), industria (-6,8%) e ordenación do territorio (- 66,9%). Polo demais, o gasto en investigación (I+D+i) acada un intolerable 0,2% do PIB?

Non estamos, é evidente, nas mellores mans.