CINEMA
O que arde (Galicia, 2019)
Dirección: Oliver Laxe; Produción: Andrea Vázquez, Xavi Font, Andrea Queralt e Mani Mortazavi; Guión: Oliver Laxe e Santiago Fillol; Montaxe: Cristóbal Fernández; Fotografía: Mauro Herce; Son: David Machado, Sergio da Silva, Amanda Villavieja e Xavi Souto. Intérpretes: Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Fernández, David de Poso, Álvaro de Bazal.
por Yolanda López
Non é difícil unirse á ledicia, á entrega comunitaria, ante o último traballo de Oliver Laxe. O percorrido por festivais e galardóns viña asubiando un tremor de beleza que puidemos experimentar ante a pantalla, xa desde o preludio hipnótico deses bulldozers limpando terreos de eucaliptos. Transitamos desde as luces da estampa nocturna até o lume das secuencias finais para, a través desa circunferencia, contemplar, nun exercicio que nos devolve a ollada precisa, observadora e pausada, a vida na montaña lucense. Se cadra un reto revolucionario e esperanzador para os ollos apurados e bulímicos dos espectadores hiperestimulados do século XXI que somos. Logo, ademais, está a coherencia do tempo e os tempos que veñen marcados polas estacións… O inverno, a primavera, o verán. O outono só como sospeita logo dos títulos de crédito, nunha visualización necesaria do maxín.
Cando dixiramos a súa presenza nas salas comerciais xuntaremos parágrafos e reflexións de moi distinta natureza. Haberá tempo para quen procure analoxías co cinema de Béla Tarr, para quen debulle os elementos etnográficos e sociolóxicos, ou para quen subliñe o seu valor como primeiro filme rodado en galego con presenza en Cannes. O que temos claro xa e que estamos ante un filme totémico dentro da historia do noso cinema, e non só pola súa condición de oda a un rural que escorrega fuxidío. Máis que salientable o traballo dos protagonistas, actores non profesionais: a melancolía de Amador (curiosamente, garda forestal na vida real) e a tenrura de Benedicta (gañoume desde ese “tes fame?” como axioma materno).
Nun exercicio antropolóxico de grande delicadeza, Laxe fala do modo de vida de quen coñece as reboleiras e a calor das cociñas de ferro, pero sobre todo, de quen procura a defensa do patrimonio. Lumes fortuítos ou provocados que, seguindo as súas palabras, responden a factores tan dispares como complexos: “…o lume que fascina, o que se emprega como arma de vinganza política, o que recalifica o uso dos terreos, o que fai baixar os prezos da madeira, o que prolonga os meses de traballo do servizo de extinción…” A culpabilidade e a inocencia aloumiñándonos a un tempo neste réquiem telúrico.
A posta en escena caracterízase polos espazos austeros, os planos longos, a locuacidade dos silencios e os xestos lentos entumecidos pola friaxe. O traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, rodado en 16 mm, engrandece o conxunto final. O poder da suxestión, do que non se di, do que se intúe, procura unha ollada atenta, coma se todoconducise ao equilibrio entre a fraxilidade da vida, a purificación do lume e a sospeita do outono.
__________