Domingo 1, Outubro 2023
HomeOutrosSUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 269 · Outubro 2019

SUMARIO TEMPOS NOVOS Nº 269 · Outubro 2019

En destaque                                   

TRABALLO E RIQUEZA. REDISTRIBUCIÓN OU COLAPSO

Traballar, producir e consumir máis. Velaí a receita coa que os gurús da economía capitalista nos venden a moto do parnaso terrenal. Todo o someten á escalada PIB, sen que poidan explicar por que seguen medrando en direcións opostas a multiplicación desde factor de crecemento e o noso cada vez máis coparticipado desasosego. Que irá a máis, agás que as contradicións que evidencian a inconsistencia desa dogmática receita poñan ao descuberto ese seu falso poder taumatúrxico, e queden desautorizados ao mesmo tempo os moitos oráculos pibetanos que a veñen alimentando, ao servizo de intereses inconfesables. Nesa tesitura, que xa é real desde o momento en que se está poñendo en cuestión ese anómalo modelo de traballo e produción, a alternativa pasa por redistribuir o emprego social (que cada vez será menor), o traballo que se considere necesario e a riqueza xerada, que cada vez será maior. Partindo ademáis do que xa se está demostrando: que traballar menos horas non ten por que significar que a economía medre menos, ou que a retribución salarial teña que ser menor. Con máis tempo para o lecer e o benestar individual e colectivo. E con máis dignidade. Claves para saírmos o 99% dos mortais dese estado de desasosego que nos mantén traumatizados. De non facelo así, como apuntan os expertos que participan neste dossier/informe de TN, corremos o risco de sufrirmos un colapso, tanto ambiental como social. Coas colaboracións de Pedro Rey Araújo, Manoel Barbeitos, Albino Prada Blanco, Roberto Bande Ramudo e Yolanda Pena Boquete.

En foco                                                                

[POLÍTICA] XOGANDO CON LUME

O martes 17 de setembro, na tardiña, chegou a noticia que a maioría esperaba pero non desexaba: constatada por boca dos propios responsables que non había posibilidade de que ningún candidato obtivese a maioría parlamentaria suficiente para ser investido presidente do goberno, o Rei comunicaba que non propoñía ninguén, co que se daba por pechada a lexislatura e o 23 convocaríanse automaticamente eleccións xerais para celebrar o 10 de novembro. As cuartas en menos de catro anos. Naturalmente nestes días posteriores asistimos a unha “gota fría” política, paralela á climática, que dende os medios e as redes sociais ameaza afogarnos cun asolagamento de condenas aos comportamentos dos partidos, de duras descualificacións dos seus dirixentes (a uns máis ca outros segundo os barrios), de peticións de que os cambien porque estes non serven para o que foron elixidos, de análises variadas sobre as causas deste desastre e de pésimos augurios sobre o que está por vir. Todo sobre o pano de fondo do abraio, a indignación e o fastío da maior parte da cidadanía, que xa veremos a onde nos leva. E todo, se non sempre acertado, si totalmente xustificado. Por Justo Beramendi.

[ECOLOXÍA] ENDESA APAGA O CARBÓN

O 27 de setembro pasado foi unha xornada histórica para a defensa do clima desde o noso país. Por un duplo motivo. Por primeira vez, após décadas de apatía climática, e empurrada pola xente moza, Galicia saiu á rúa con forza para demandar solucións reais á crise climática global. No mesmo día, Endesa anunciou que deixa de queimar carbón na térmica das Pontes, a industria do sur da UE que máis contribúe ao cambio climático, xunto con outra central de carbón, a de Torrevaldaliga Nord, propiedade tamén do Grupo Enel, transnacional italiana cunha importante participación estatal que controla a outrora empresa pública estatal española Endesa. Por Xosé Veiras

[SOCIEDADE] NOVAS IDENTIDADES DE XÉNERO, NOVAS ORIENTACIÓNS SEXUAIS

Tinder, a aplicación de citas online, anunciou no 2017 que permitiría escoller entre 22 novas identidades de xénero á hora de definirse, máis alá da opción binaria home-muller. Hoxe en día podemos acceder a comunidades webs tan populares entre a mocidade como Tumblr e atopar ata 50 tipos distintos de orientacións sexuais. Neste contexto cómpre preguntarse, que implicacións políticas supoñen a proliferación destas etiquetas ao redor da nosa propia identidade? Por Priscila Tamara Retamozo Ramos

Entrevista                                                         

ANDONI ORTUZAR, presidente do PNV. “En Madrid aínda teñen mentalidade de imperio” Por Luís Villamor

Crónica                                                             

COMPOSTELA, NO EPICENTRO DA ARTE CONTEMPORÁNEA E DAS MÚSICAS DE VANGARDA. Por Olga Roca

Argumenta [ciencia e tecnoloxía]                  

Entrevista. José María Delgado García, neurocientífico. Por Xurxo Mariño
Neurociencia e educación. Por Eva Garea Traba

Protexta                                                            

Conversa con Ledicia Costas
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.

Masa crítica                                                      

Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de setembro de TEMPOS NOVOS.

Pide o teu exemplar aquí