Domingo 18, Abril 2021
HomeOutros8-M: COA REBELIÓN DAS MULLERES

8-M: COA REBELIÓN DAS MULLERES

TEMPOS NOVOS Nº 22 · MARZO 1999

A violencia de xénero
MULLERES MALTRATADAS

Non hai un único perfil para a muller maltratada, como tampouco non hai un tipo único de maltratador. A simplificación dos reality shows onde non falta algún caso de agredida, entre variopintas temáticas eróticas, esotéricas ou morbosas sen máis, está a instalar na opinión pública a impresión de que sempre se trata de persoas de extracción humilde, con problemas familiares de paro, alcolismo ou drogas. Tamén se adoita simplificar ao concluír que a violencia física e as denuncias rematan coa denunciante no cemiterio. A realidad, en cambio, fálanos de casuísticas moi dispares e tamén de historias con final esperanzador. Hai que fixar pois a ollada na necesidade de contemplar a violencia de xénero contra as mulleres, cada vez máis, como un problema social e socializable, onde o compromiso solidario e a acción institucional teñen que xogar un papel relevante, que non ofreza só un paliativo á aflicción senón remedios preventivos que xeren as defensas precisas para conbatir esta lacra. Coa colaboración de María Xosé Porteiro

TEMPOS NOVOS Nº 42 · NOVEMBRO 2000

CONTRA O SILENCIO

Trescentas galegas, entre miles de mulleres de todo o mundo estaban alí, en Bruxelas, marcando polos seus dereitos. En Nova York, mulleres de todo o mundo fixeron das súas voces un berro unitario nesa mesma dirección. Alí estivo Lupe Ces, entre as poucas reprensentantes das mulleres das nacións sen estado. Todo un mes en busca de respostas solidarias. Que non chegaron, malia que reivindicasen o evidente: contra a feminización da pobreza, contra a violencia de xénero, contra un traballo precario e contra a represión sexual. Nestas matchas, mullere sde todo o mundo fixeron ecoar a voz calada das maltratadas, das paradas, das que teñen que achantar cos contratos en precario, das inmigrantes, amas de casa, das pobres, prostitutas e lesbianas. Tampouco os medios de comunicación se fixeron eco, pese a teren tantísimo interese en reproducir as consecuencias -feitos dramáticos, actos de sadismo, violencia puntual- desas lacras que sufre a muller, por selo. Colaboraron neste especial Belén Puñal, Beatriz Pérez Alonso, Rosa Aneiros.

TEMPOS NOVOS Nº 107 · ABRIL 2006

MULLERES CON CIENCIA

En Galicia hai un 17 por cento de catedráticas e só un 20 por cento de investigadoras lideran proxectos subvecionados pola Administración autonómica. Neste especial analízanse os mecanismos que exclúen ás mulleres dos postos de relevo da ciencia. Dende ese teito de cristal que fai que o masculino quede convertido nunha capacidade máis a ter en conta na selección de persoal, até os prexuizos sociais ou as dificultades impostas pola inexistente corresponsabilidade familiar. Un especial coordinado por Belén Puñal coa participación de María Graña, África González, María Xosé Alonso, Pilar Bermejo, Nieves Rodríguez Brisaboa, Carmen García Mateo, Nieves Lagares, Amparo Alonso, Coral del Río, Pilar Allegue, Montse Nogueira, Carme Adán, Elena Vázquez Abal e Betty León.

TEMPOS NOVOS Nº 162 · NOVEMBRO 2010

PROSTITUCIÓN E PRENSA

Que os xornais denuncien nas súas novas as redes de trata e explotación sexual que logo se anuncian na súa parte traseira fainos merecentes da acusación de hipocrisía e dobre moral. Un estudo do Colexio de Xornalistas desvela as contradicións duns medios que apenas afondan e investigan sobre un negocio do que a diario son partícipes. Unha reportaxe de Belén Puñal coa participación de Laura Seara.

TEMPOS NOVOS Nº 250 · MARZO 2018

A REBELIÓN DAS MULLERES

As movilizacións de mulleres provocadas pola revelación de numerosos casos de acoso, agresión e violencia sexual, e a folga mundial de mulleres convocada neste 8 de marzo coa finalidade de denunciar as violencias machistas, as desigualdades e precariedades que perviven nunha sociedade patriarcal e capitalista, racista e heteronormativa, son unha globalizada manifestación de rebeldía que desborda todas as previsións. A súa loita vai contra todo o que as quere seguir expulsando do espazo púbico. As mesmas conductas machistas que se denuncian eiquí e alí cómpre velas como unha estratexia de intimidación, unha reacción violenta, e xa que logo reaccionaria, que teima en frenar o avance cara unha maior igualdade. Unha estratexia de poder, xa que logo. Coas colaboracións de Mercés Expósito García, Miguel Vázquez Freire e María Xosé Porteiro entrevistando a María Xosé Queizán.

Nº 262 · MARZO 2019

TEMPOS NOVOS Nº 262 · MARZO 2019

A Galicia feminista
MULLERES CON CAUSA

Transformar a sociedade en feminista, xusta e igualitaria. Velaí o que enmarca unha nova onda reivindicativa arredor do 8M. Xusto cando hai indicios —sentenzas machistas, negación da fenda salarial, ameazas contra as lexislacións de igualdade e contra os dereitos reprodutivos, entre outros— que levan a pensar no rearme do patriarcado. Son outros tantos berros reivindicativos que se deixaron oír na manifestación convocada en Lugo polo feminismo galego, que tamén converxe coas demais organizacións do Estado na folga xeral do día 8.  Facéndose eco desa táboa reivindicativa, o TN de marzo transversaliza todas e cada unha das súas seccións habituais con textos xornalísticos que respaldan unha reportaxe, sete voces de muller, representativas doutros tantos ámbitos sectoriais, siluetan o retrato da Galicia menos igualitaria. Dúas investigadoras de prestixio abordan en dúas entrevistas as correntes de pensamento e as súas variables ideolóxicas, así como as novas identidades no entorno dixital. Un testemuño de excepción: a historia de Elisa e Marcela, amigas e amantes, que nos primeiros anos do XX foron quen de romper cos cánons sociais e morais da época, facendo delo unha lectura feminista o investigador que a desvelou. E son cinco os ensaios nos que seis galegas abren unha senda de reflexión feminista desde nós, valo-rándoo como un auténtico fenómeno editorial, tamén social e político, as nosas críticas culturais.

Nº 274 · MARZO 2020

TEMPOS NOVOS Nº 274 · MARZO 2020

A muller nos medios e na ciencia
TEITOS DE CRISTAL

Ten razón a delegada do goberno central contra a violencia machista, Victoria Rosell, cando criticaba hai uns días que os medios de comunicación abrían todas as portadas falando do coronavirus sen apenas mencionar ás dúas mulleres que foran asesinadas nas últimas 24 horas. “Hai silencios elocuentes. Cuestión de prioridades”, declarou. Os medios focalizan as súas preferencias sobre o novidoso, con maior razón cando aparentemente ten as características dunha epidemia e xera por iso medo e demanda de información contínua. Velaí a chamada ditadura das audiencias. Pero hai máis situcións nas que os medios de comunicación de masas, e de maneira máis ostentórea os informativos de televisión, non só non contribúen a erradicar a lacra das violencias de xénero, senón que as alimentan e lexitiman. Fano utilizando determinadas prácticas profesionais coas que invisibilizan formas de violencia menos evidentes, como a lesbofobia ou a transfobia, o maltrato psicolóxico ou económico, e outros aínda máis ocultos como o desprezo, a infantilización ou a obxetifi cación das mulleres. Malia os avances detectados nos últimos anos, hai aínda moito que andar. Nos medios, nas redaccións e nos centros de formación de xornalistas. Como sucede tamén noutros sectores da sociedade. Por caso, nos ámbitos da academia e da produción científica que se move dentro dela. Os indicadores de desigualdade, que se manifesta de múltiples maneiras, como poñen ao descuberto dúas profesoras e científi cas neste dossier de TN, seguen sendo inasumibles. Coas colaboracións deÁfrica López Souto, María Isabel Menéndez Menéndez, Elena Vázquez e Marilñar Aleixandre.

Nº 286 · MARZO 2021

TEMPOS NOVOS Nº 286 · MARZO 2021

Polémica Lei Trans a debate
PROCESO Á IDENTIDADE DE XÉNERO

A inminente presentación no Parlamento do Estado da Ley para la igualdad real y efectiva de las personas trans está a provocar un complexo e vivo debate, no que á previsible liña divisoria entre dereitas e esquerdas se ten sumado unha imprevista fenda en sectores feministas que afecta ao discurso común das esquerdas. Sobre esta temática escribe Carme Adán, actual coordinadora da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, e Inma López Silva entrevista a Lucas Platero, investigador, docente e divulgador da problemátiica trans.


Podes solicitar aquí calquera destes números.

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]