Domingo 1, Outubro 2023
HomeOutros30 ANOS DA FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA

30 ANOS DA FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA

Aquí vos deixamos unha cronotopía posible do que deron de si estes 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Un relato feito con datos e datas, mais tamén con lugares en penumbra, paraísos fragmentados e buracos polos que mirar.

A FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA: 30 anos de derivas institucionais e afectivas

 

por María Bella, María Marco e Daniel L. Abel

No ano 90 o mundo da arte contemporánea choraba a morte por SIDA de Keith Haring e dixería como podía as falcatruadas dos chamados Young British Artists. Esa etiqueta fora empregada polo pintor e crítico de arte Adrian Searle para referirse a uns cantos estudantes da Escola de Arte de Goldsmiths que no 88 autoorganizaran a exposición Freeze. En 2007, nun especial publicado en El Cultural sobre a educación artística, o mesmo Searle, dicía: “Os estudantes de Goldsmiths eran bos, pero non visiblemente mellores que os de outras institucións londinenses; si estaban, en cambio, mellor organizados. O que si se percibía no ambiente desa escola era un latido de rebeldía e cambio, unha sensación que emanaba dos propios estudantes que me permitiu descubrir, non sen sorpresa, que o diálogo máis importante é o que ten lugar entre eles mesmos. As escolas de arte limítanse a facilitar o marco idóneo”.

1990
Culmina o proceso de segregación da Universidade de Santiago e créase a Universidade de Vigo, cos campus secundarios de Pontevedra e Ourense. Comezan as clases da primeira promoción de Belas Artes nun edificio cedido pola Deputación, o antigo Fogar Provincial na Rúa Serra, no lugar onde hoxe se atopa o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. As instalacións serán temporais (e precarias) mentres non se acondicione o edificio do Cuartel de San Fernando, que estaba no punto de mira das administracións para este fin. Matricúlanse ese curso, pagando unhas taxas de 62.162 pesetas, 50 mozos e 68 mozas. A equipa docente fórmana 7 profesores.

1992
O Concello de Pontevedra completa a adquisición do Cuartel ao Ministerio de Defensa por 650 millóns de pesetas. Os soldados abandonan o edificio e a Deputación convoca un concurso público para a remodelación do edificio do que resulta gañador o proxecto de César Portela e J. Rodríguez Abilleira. As obras non comezarán até xaneiro do ano 94.

“A arte como obxecto de reflexión. A imaxe como forma de entender a vida […]. A arte coma sutil veleno que nos recorda a nosa condición de seres vulnerables traballando nun mundo vulnerable con obxectos e materiais vulnerables. A arte coma algo que pasa por debaixo da vida e que algo leva escrito nunha lingua que segue sen poder descifrarse”.

Juan Fernando de Laiglesia, no catálogo da mostra `Insinuacións´ (1993)

1993
É o primeiro Ano Xacobeo da era Fraga. Inaugúrase o CGAC en Compostela. Desde a Facultade, o seu primeiro decano, procedente da Complutense de Madrid e especialista en estética e pensamento, Juan Fernando de Laiglesia, promove dúas exposicións cos seus respectivos catálogos: Pensar, habitar, construír, con proxectos dos profesores da facultade e Insinaucións, con traballos de estudantes que completaban o primeiro ciclo da carreira.

1994
Preto de 600 alumnos e alumnas da Facultade protestan con actos culturais e unha folga indefinida polo atraso no traslado á súa nova sede.

Di Rebeca Solnit en “A arte de perderse” que o labor dos e das artistas é abrir portas e deixar entrar as profecías, o descoñecido, o estraño. Pensemos por exemplo que o cuartel de San Fernando foi en realidade unha arquitectura prematura como o Museo da Ruína de Isidoro Valcárcel Medina, proxectado para que se autodestrúa. Se isto acontecera, que desexaríamos despois? Podemos imaxinar a existencia dunha prótese académica nalgún lugar do edificio, ao máis puro estilo Santiago Cirugeda, e desexar xuntar nela a persoas e cousas importantes, esas que ás veces se manteñen distantes por rutinas arraigadas. Ou pensemos na alternativa de Beabourg recreada polo sociólogo Albert Meister coma un espazo subterráneo baixo o Centre Pompidou de París. “Todas esas plantas están dedicadas á cultura, á cultura que vós ides facer, porque eu non teño nin unha definición a priori da cultura nin poder para impoñer unha”.

1996
Varios estudantes participan nun obradoiro co refutado artista conceptual Vito Acconci, co gallo da súa exposición no CGAC. Xuntos instalarán unhas escaleiras na fachada do edificio que transformará temporalmente a emblemática arquitectura de Álvaro Siza.

1998
Nace o festival de arte na rúa Kaldarte, unha colaboración entre artistas vinculados á Facultade e o Concello de Caldas de Reis no marco do Festival Cultura Quente. Segue a celebrarse na actualidade.

1999
Arrinca o contestado proceso de Bolonia.

En Pontevedra inaugúrase A Illa das Esculturas, un proxecto comisariado por X. Antón Castro e Rosa Olivares no marco do Ano Xacobeo. As instalacións parten do granito galego para inspirar aos máis importantes escultores a nivel internacional (Ian Hamilton Finlay, Richard Long, Jenny Holzer, Giovanni Anselmo, Robert Morris, Ulrich Rückriem, Anne y Patrick Poirier, José Pedro Croft ou Fernando Casás). No verán, un festival de performances na compostelá Sala Nasa acolle unha das primeiras accións do colectivo Flexo, formado por estudantes da facultade e moi activo até o 2004.

2001
Protestas estudantís en todo o Estado contra a Ley Orgánica de Universidades. Estudantes de BBAA de Pontevedra, xunto ao profesor Juan Luís Moraza, crean o ficticio Partido Privado e irrompen no espazo público sumándose ás protestas cunha serie de actos performáticos.

A finais de ese ano Salvador Cidrás, alumno da primeira promoción, inaugura unha exposición individual no Espacio Uno do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Ata ese momento ningún artista galego vivo expuxera en solitario na prestixiosa institución madrileña.

2002
Do encontro entre os colectivos SINSALaudio e Flexo, máis a Delegación de Alumnos da Facultade —reforzada polo activismo das campañas antiLOU— nace o Festival IFI. Á edición de maio de 2002 seguirán outras dúas en 2003 e 2004.

O 13 de novembro inaugúrase o MARCO de Vigo. Un cordón policial protexe ás autoridades das primeiras accións de protesta ante a ameaza de marea negra do petroleiro Prestige, que esa mesma mañá acababa de romper os seus tanques fronte ao litoral galego. A nefasta xestión do accidente provocaría a maior catástrofe ecolóxica da historia do país, e tamén unha explosión cidadá inédita; a do Nunca Máis. Poucos días despois un autobús con alumnado da Facultade encamíñase á Costa da Morte para colaborar na limpeza do chapapote. Péchanse con outros activistas culturais da Plataforma contra a Burla Negra na Casa da Cultura de Laxe. Contan que alí uns cantos (estudantes) recibirán unha lección maxistral de Kukas (o dos monicreques), que lles aprenderá a pintar correctamente unha pancarta.

Propostas de fronteira, instalacións, performances, ruído, arte ambiental, obradoiros de audio creación e creadores galegos e internacionais (músicos, djs, vjs, colectivos de produción…) que, o 23 de maio de 2002, artellarán unha intensa viaxe polos máis contemporáneos e reveladores espazos da linguaxe artística do noso presente-futuro; alí onde arte, tecnoloxía, olladas acesas, música e experimentación integran a singular acústica visual da que IFI xa nos fai parte.

Fragmento do texto de presentación da I Edición do Festival IFI, maio de 2002.

2003
Primeira edición de Chámalle X, Xornadas de Arte de Acción, un encontro anual dirixido polo Profesor Carlos Tejo que terá dez edicións.

As sinerxias xeradas polo Festival IFI serán o caldo de cultivo para a creación da Comunidade de arte e acción Alg-a (Artistas Libres de Galiza).

2005
Anúnciase o proxecto, logo frustrado, do futuro “Edificio das Artes”. Con el, a Universidade de Vigo pretendía converter o Campus de Pontevedra no “centro neurálxico da arte en Galicia”, ofrecendo novas titulacións relacionadas con este sector como Escenografía, Deseño e Arte Dramática.

A sala de exposicións da entrada da Facultade pasa a denominarse Sala X e a ter unha programación estable, coordinada até o 2011 polo profesor X. M. Buxán, actual decano. A sala servirá de banco de probas e primeiro expositor para moitos proxectos xerados na Facultade, tanto polo profesorado como polo alumnado. A singular identidade gráfica da sala incluía uns simpáticos buracos, á altura dos ollos, nos vinilos que tapaban os cristais das portas.

2006
O museo MARCO de Vigo produce unha exposición con pretensións xeracionais que inclúe a unha importante cantidade de estudantes de Pontevedra: Urbanitas. A exposición resulta un gran éxito.

O proxecto fóra fai frío (fff), coordinado por Javier Tudela, pénsase como unha intervención desmaterializada e conceptual sobre a idea de taller na propia Sala X. Trabállase en torno aos conceptos interior/exterior, laboratorio, proceso, interacción, a construción da obra e o seu cuestionamento crítico… Participan os artistas Samuel Castro, Amaya González Reyes, Vanessa Díaz, Leila Durán, Laura Herreros, Arturo Reboiras e Lucía Romaní.

2007
O Ministerio de Cultura elixe como comisario do Pavillón Español da Bienal de Venecia a Alberto R. de Samaniego, profesor de estética da Facultade. Rubén Ramos Balsa é o primeiro alumno en expor na meca da arte internacional.

Primeira da serie de exposicións Afinidades Selectivas, unha colaboración entre a Facultade e o Concello de Vigo onde profesores escollen a alumnos para poñer en relación as obras e investigacións destes co seu propio traballo.

A man que pensa non pode ser domesticada. A educación artística é unha disciplina corporal; precisa do seu corpo e o seu espazo. A man, o brazo e o cerebro non pasan pola pantalla nin o píxel. Iso vén despois. A escultura é tacto; ten que tocarse, pulirse, rabuñarse. Cómpre unha medida das presenzas; o meu tamaño en relación ao tamaño do papel e o da madeira e o do barro e o do xeso. O meu corpo coma medida do mundo. No taller podo cortalo e volvelo pegar. Constrúo o mundo á medida dos meus soños. Empodérome.

2010
Péchase a XXXI Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, titulada UT(R)ÓPICOS e comisariada por Santiago Olmo, con récord de visitantes. Porén, a crise económica e a remodelación da súa sede principal, o Museo Provincial, converterá a de 2010 na derradeira edición da Bienal.

2011
Nace o Liceo Mutante de Pontevedra. Aínda activo, virá a continuar unha longa constelación de espazos autoxestionados (os desaparecidos Baleiro, Amalgama, Fac Peregrina, Alg-a Lab, Casa Tomada, Halcón Milenario,…) que foron caixa de resonancia para moitos proxectos artísticos de estudantes e graduados en Belas Artes, máis aló dos circuítos pechados das salas institucionais.

2014
De novo, o MARCO organiza unha exposición na que participan un número importante de artistas das novas xeracións saídas de Facultade: Veraneantes.

2016
Constitúese A Colectiva. Asociación Profesional de Artistas de Galicia, impulsada e presidida por artistas formados en Pontevedra.

2017
Pasamento do pintor e docente en Belas Artes Manuel Moldes. No ano seguinte falecería a artista Berta Cáccamo, tamén profesora da Facultade.

2020
Unha pandemia vírica baleira os talleres da Facultade converténdose en vector de docencia online.

A facultade transfórmase en espazo social e creativo onde emerxen dinámicas vitais e artísticas. A facultade como laboratorio, como acubillo, como casa. Onde o alumnado pasa prolongados tempos de conversas e intercambios. Onde o corpo aprende, o corpo coñece, o corpo pensa. A facultade espida de institución convertida en fogar. O taller coma sala de estar. Convídasme e convídote. É alí onde a arte acontece. Ou iso din.

2021
A pandemia obriga a adiar a exposición coa que o CGAC ía conmemorar os 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e provoca que finalmente a celebración coincida en Ano Santo. Como complemento da mostra dos grandes nomes saídos da Facultade, o programa Aula Aberta, un espazo de debate e documentación dirixido por Natalia Poncela coa colaboración de Miguel Anxo Rodríguez, orientará esa mirada retrospectiva non só aos éxitos senón tamén a eses belos e intranscendentes fracasos que marcan calquera percorrido.