Mércores 28, Setembro 2022
HomeOutrosÁS VOLTAS COAS RELIXIÓNS

ÁS VOLTAS COAS RELIXIÓNS

Non hai sociedade ou cultura humana coñecida sen relixión, é dicir, sen crenzas e institucións relativas a unha relación co sagrado, misterioso, divino, transcendente ou sobrenatural. As relixións son parte da nosa civilización e cultura. A cultura sobre as relixións é parte da cultura xeral. Trátese dos pobos chamados “primitivos” sen escritura ou de pobos modernos, de culturas rudimentarias ou de culturas tecnolóxicas, as relixións aparecen como un elemento nuclear. Mesmo nos Estados aconfesionais, as relixións persisten como sistemas de crenzas, como fonte de moralidade e como elemento ritualizador de parte da vida da cidadanía.

 por José Antonio Binaburo Iturbide

As relixións son fenómenos culturais e como tal non constitúen un fenómeno autónomo ou illado do resto de manifestacións culturais da sociedade, como a política, economía, familia, arte, tecnoloxía. Ata tal punto cómpre apreciar este dato, que as crenzas e prácticas sociais das relixións compréndense só cando se as integra nas sociedades onde se manifestan. As relixións botan raíces nalgunhas culturas e resulta moi complexo comprendelas sen recorrer aos seus compoñentes.

Consisten fundamentalmente as relixións nunha relación do ser humano co sagrado e coas reaccións que o sagrado provoca nel. Porén, en canto esta relación ser humano-sagrado se exterioriza, e se asocian os participantes dunha mesma relixión para compartir as celebracións rituais á divindade, as relixións transfórmanse nun fenómeno social. Daquela atopámonos xa ante os dous vectores que vertebran o feito das relixións, a dimensión individual e a social. Para a súa investigación apoiareime na Fenomenoloxía da Relixión, que descobre a estrutura coherente que teñen todas as relixións.

Por mor da mutua interdependencia dos fenómenos sociais, nalgunhas sociedades onde o fenómeno da relixión está moi arraigado o cambio de modelo económico repercute na política, no modelo de familia e na percepción do feito relixioso.

As relixións operan con símbolos, mitos e ritos. O símbolo é toda representación dunha realidade ausente, non inmediatamente aprehensible polos sentidos. Na medida na que o ser humano, desde a perspectiva das relixións, cre nos seres sobrenaturais e invisibles, non ten outro remedio que representalos mediante símbolos. Os símbolos das relixións poderían entenderse como expresións e articulacións a través das que o ser humano pode transcender o seu espazo físico. Cada cultura e, xaora, cada relixión, ten o seu propio universo simbólico. Os símbolos son vitais para as relixións e para as culturas porque colaboran a manter as súas institucións e transmitilas a outras xeracións, é dicir, a pactar unhas canles de comunicación e de sentido, dado que non se limitan exclusivamente ao mundo dos feitos, senón tamén ao dos valores, o símbolo non se reduce a ordenar e interpretar o que é, senón que tamén suxire o que debe ser.

Os mitos nas relixións teñen a misión de construír relatos e narracións para explicar a orixe e a finalidade, o sentido do mundo e do ser humano. Mito neste sentido non equivale a fabulación ou quimera. O relato mítico, mesmo sendo de natureza diversa á doutras narracións históricas, aspira a reflectir un nivel específico da realidade.

Mediante os ritos ou cerimonias simbólicas, os seres humanos que participan nas relixións tentan relacionarse activamente coas realidades superiores e suprasensibles obxecto das súas crenzas. A linguaxe das relixións é consciente do seu carácter mítico-simbólico, de tal xeito que a eliminación dos mitos e símbolos sería un atropelo ás regras do xogo lingüístico das relixións. O característico da linguaxe das relixións é a súa orientación non empírica, xa que lle interesa máis salientar unha actitude vital diante do mundo.

A mirada cultural e social sobre o fenómeno

Os conceptos “cultural” e “social” para esta análise das relixións representan camiños alternativos ou modalidades dos mesmos fenómenos. Ao inicio considerei o fenómeno das relixións desde a perspectiva cultural, coma un sistema ordenado de valores e crenzas en virtude dos cales os seres humanos oriéntanse no seu mundo real. Os seres humanos conformamos unha sociedade, un conxunto de persoas que actúan e interactúan en base a un modelo cultural. Os modelos específicos de interacción social baseados en crenzas relixiosas dan lugar ao conxunto de funcións sociais das relixións.

O interese de observarmos o fenómeno das relixións desde a súa vertente social ten como obxectivo o de dar luz a cal é a función das relixións entre as diversas manifestacións culturais das sociedades. Porén, as manifestacións culturais dunha sociedade concreta non se poden comprender se no se teñen en conta as súas funcións mutuas. Unha sociedade é un sistema de relacións, non unha colección de partes sen relación algunha entre si, polo que non podemos obviar a mutua interdependencia dos fenómenos sociais, e así pode observarse que nalgunhas sociedades onde o fenómeno da relixión está moi arraigado, o cambio de modelo económico repercute na política, no modelo de familia e na percepción do feito relixioso.

Á sociedade moderna occidental se a cualifica de secularizada pola perda de influencia das relixións, entendendo por secularización a emancipación de amplas áreas sociais, a política, a arte, a moral pública, a educación, as ideoloxías, etc., verbo da tutela do relixioso. A sorte que corra unha sociedade no proceso de secularización está, sobre todo, determinada pola actuación social da súa cidadanía ao non querer convivir baixo a protección das súas relixións. A consecuencia desta progresiva secularización da sociedade occidental carrexa a crise das relixións. Este proceso de secularización comezou xa na Baixa Idade Media, co primeiro cuestionamiento do réxime de cristiandade, e deu un gran paso adiante no Renacemento. A Modernidad proseguiu con este avance da secularización polo empurre recibido da Ilustración.

Porén, fronte a unha concepción “débil” do proceso de secularización, do xeito que o describo, no sentido de que a secularización é compatible co mantemento do talante das relixións nalgúns núcleos da cidadanía nas sociedades modernas, hai outra concepción en sentido “forte” do proceso de secularización e que se denomina secularismo, sendo este un rexeite en bloque das relixións, a simple negación da existencia de Deus e dos deuses, achegándose deste xeito ao posicionamento do ateísmo tradicional, ao que se pode considerar como a outra dimensión da crise das relixións.

As relixións forman parte da sociedade desde os tempos remotos da historia da humanidade, aínda que con crises, a meirande das cales é sen dúbida a que arrastra desde o século XX ata os nosos días. Por ateísmo entendemos sinxelamente a negación dun Deus, é dicir, a vontade militante de desligación de Deus, e que se pode expresar desde diversas perspectivas: ideolóxicas, sociais, persoais, científicas, etc.  Malia que o fenómeno do ateísmo se presenta como un feito irreversible, preparado para as condicións da vida moderna, cómpre matizar que non é a primeira vez que na historia da sociedade moderna e na historia das relixións se fala e proclama a morte de Deus. De aquí que sería conveniente analizar a secuencia completa nos seus diversos planos históricos de tan complexo fenómeno.

Xunto a estas dúas manifestacións, secularización e ateísmo, é oportuno anotar o laicismo, que é a expresión máis moderna e perfilada do proceso histórico de secularización, que alumeou os dereitos e liberdades fundamentais da actual cidadanía.

Xunto a estas dúas manifestacións, secularización e ateísmo, é oportuno anotar o laicismo, que é a expresión máis moderna e perfilada do proceso histórico de secularización, que alumeou os dereitos e liberdades fundamentais da actual cidadanía, e permitiu a consolidación das institucións democráticas que fan posible a nosa convivencia en liberdade e igualdade.

Un segundo proceso de secularización

O proceso de secularización que ten afectado a Occidente na época moderna non equivale, con todo, a unha desaparición do fenómeno das relixións. Máis ben semella ter consistido nun proceso de diferenciación social e institucional, para que o ámbito da relixión  e da política acade cada cal a súa entidade, autonomía e desenvolvemento específico. Na actualidade, estamos asistindo a un segundo proceso de secularización, que se manifesta nas crises das estruturas de pensamento, é dicir, na crise dos ideais ilustrados e das imaxes racionalizadas da modernidade. O que parece sobrevivir é a razón fragmentada e unha serie de conviccións puntuais para saír do paso.

Ás relixións tradicionais vanlles suceder outras manifestacións humanas para as que aínda non temos nomes axeitados, e que se poderían resumir nesta tipoloxía de actitudes profanas, unha gnose que non se identifica coa ciencia pero que tampouco a contradí; unhas actitudes diante da natureza na que se a mira, outra vez de novo, como algo case-máxico que repercute nunha maior conciencia ecolóxica polos seus coidados; unha ética pública que recrea as relacións básicas da convivencia e unha ética individual que nos lembra a dignidade da persoa; mesmo unha experiencia emocional que por se referir á totalidade do real ben se puidese chamar sentimento místico.

Recompoñer este puzzle implica redefinir que concepto temos das relixións para que abrangue tantos aspectos heteroxéneos. Un exemplo de manifestación relixiosa moderna e que se trata de aderezar con anhelos de transcendencia, son as actividades profanas da chamada “Relixión Civil”, que consiste na sacralización de certos riscos da vida a través de rituais públicos, liturxias cívicas ou políticas. Dáse unha especie de autocompracencia da comunidade política para reforzar e asegurar a fidelidade da cidadanía.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]