En destaque
A CONEXIÓN ATLÁNTICA
A prioridade lusa coas novas estruturas ferroviarias non é Madrid, senón Galicia. No Programa Nacional de Inversións 2030, o goberno socialista aposta pola conexión atlántica, e dá por seguro que de aquí a dez anos un tren de alta velocidade (AVE) cubrirá o itinerario Lisboa/Porto/Valença/
Vigo. A aposta lusa contrasta coa de España, que prioriza sustituir o vello Lusitânia por un tren que una as dúas grandes capitais ibéricas en competencia co avión. Iso non vai suceder. A cancelación definitiva do proxecto que pactaran no 2000 os presidentes conservadores Aznar e Guterres, que xa sufrira un parón no 2011 ordenado por Passos Coelho (PSD), é un serio revés para a estratexia centralizadora, de base fundamentalmente política e interesadamente mediterránea, que veu facendo de Madrid o nodo que vertebra as comunicacións no Estado. Razóns? Esa alternativa, vía Badajoz, sería moito máis cara e, sobre todo, relegaría á segunda cidade lusa, Porto. Garánteo a estratexia atlántica, que ten moitos valedores en Bruxelas. Por outra parte, “a Madrid xa se chega en avión desde Lisboa nunha hora escasa, e ademais hai máis lazos con Galicia que con outras rexións españolas” (Antonio Costa dixit). En efecto, tal e como subliña o economista Enrique Sáez na prestixiosa revista The Economist, a UE convertiunos de facto “no norte efectivo dunha fachada marítima de 12,5 millóns de persoas”, un exemplo claro do que se pode lograr “se facilitamos a integración ordenada e pacífica de territorios veciños. Aos que, neste caso, une tamén unha lingua que lles permite comunicarse con naturalidade”. Unha fachada, engadimos, que conta cunha decena de portos entre Lisboa e Ferrol. O proxecto que porá Vigo a 55 minutos de Porto e do aeroporto Sá Carneiro xa ten un orzamento de 900 millóns para un primeiro tramo, o comprendido entre Braga e Galicia. En paralelo coa alta velocidade para os viaxeiros, a estratexia portuguesa contempla para o tráfico de mercadorías rehabilitar sobre a vía férrea ordinaria un corredor atlántico, seguro e competitivo, entre o Occidente peninsular e Europa. Coas colaboracións de Gonzalo Rodríguez, Rui Monteiro e Ricardo Sousa.
En foco
[POLÍTICA] ANO BISESTO, ANO SINISTRO
O dito popular Ano bisesto, ano sinistro, que en castelán rima en consonante como debe ser, ás veces cúmprese, ás veces non. Pero neste 2020 ben que se cumpriu. E iso que empezou cunha epifanía laica, xusto despois da relixiosa dos Reis Magos, que nos trouxeron o día 7 de xaneiro o agasallo da investidura do socialista Pedro Sánchez como presidente e con el o primeiro goberno de coalición da actual monarquía, por certo co republicanismo militante de Unidas Podemos como socio. Cousas da política. Por Justo Beramendi
[ECONOMÍA] AS SECESIÓNS DOS MOI RICOS
Supoño que para boa parte da cidadanía abducida polo rampante centrismo neoliberal, o do lío madrileño sobre se está ben baixarlle os impostos aos ricos é unha perda de tempo que vai contra da marcha da historia. Ou non é de caixón que o diñeiro onde mellor está é no peto do que o gañou a pulso, en troques do Estado ou dun goberno autónomo?. Porque se do que se trata é de axudar aos pobres e aos fracasados, quen mellor o pode facer que ese que ten o diñeiro no peto, nunha operación quilo ou nunha doazón a unha asociación, ou cunha esmola?. Por non falar de se dese peto sae un crecente aforro e investimento que lle dá emprego a aqueles excluídos. Por Albino Prada
[IDEAS] EXPERTOS E POLÍTICOS EN CONTEXTOS DE RISCO
A pandemia COVID-19 desatou vivas controversias sobre as medidas tomadas polos distintos gobernos, e algúns grupos de científicos chaman a “despolitizar a toma de decisións e deixar o control da pandemia en mans dos expertos”. Nese sentido fíxose público o manifesto asinado por 55 asociacións do ámbito científico sanitario que reclaman o temón do barco. En prestixiosas revistas como Nature, Science ou The Lancet, discútese sobre as medidas empregadas polos gobernos e fálase en termos abertamente políticos, o que non é frecuente. Por Jorge Álvarez Yagüe e Carmela García González
[SOCIEDADE] NOVA LEI DE EDUCACIÓN. AS TRAMPAS DO CONSENSO
O xoves día 19 de novembro foi aprobada no Congreso de Deputados, pola exigua maioría dun só voto, a nova lei de educación, a LOMLOE (Lei Orgánica de Modificación da Lei Orgánica da Educación). O cacofónico nome contribuíu ao balbordo das voces, divididas entre dous extremos: quen, impetuosos, a descualificaban co berro outrora revolucionario de Liberdade!; e quen, queixosos, se laiaban de que unha vez máis se perdese a oportunidade de consensuar unha lei capaz de situar fóra da loita partidista as liñas estratéxicas do futuro da educación en España. Por Miguel Vázquez Freire
[ENTREVISTA] VINCENÇ NAVARRO
É un dos científicos sociais españois máis citados do mundo. Seguramente por tratarse dun exhaustivo cultivador do pensamento crítico sobre todo o que vén protagonizando o acontecer, tanto nacional como internacional, que maior incidencia ten na evolución dos modelos de sociedade e, como consecuencia, na vida das xentes. O profesor Vicenç Navarro —médico, sociólogo e politólogo— é un experto en economía política e políticas públicas, disciplinas que imparte nas universidades Pompeu Fabra de Catalunya e Johns Hopkins de Washington D.C. Foi asimesmo asesor de organismos como, entre outros, a ONU e a OMS. Dirixe o Observatorio Social de España, no que toman parte os compoñentes dunha rede de expertos nos estudos de diversas áreas do Estado de Benestar. Autor de numerosos libros, nos que plasmou o seu pensamento crítico a respecto do capitalismo liberal e a socialdemocracia keynesiana, sempre en defensa do Estado de Benestar. Colabora habitualmente en prensa, tanto en papel como dixital. Na súa web navarro.org están dispoñibles moitas das súas publicacións. En concreto, as que veu elaborando en relación coa pandemia sanitaria, a cuestión de máxima actualidade sobre a que aceptou falar para TEMPOS NOVOS. Por Manoel Barbeitos
CRÓNICA
As miradas de Isaac
DEZ OLLADAS DENDE A ESPERANZA, A FRUSTRACIÓN E O FRACASO.
Non é casual que para celebrar o centenario de Isaac Díaz Pardo cadrara un annus horribilis 2020. Se facemos un pouco de memoria, comprobaremos que a mala sorte visitouno en moitas ocasións na súa vida e na súa obra. Pois si, a pesares dos seus esforzos talentosos, os seus singulares proxectos e os seus froitos indiscutibles, hai detrás un mal fado que percorreu a súa existencia. Consonte á mala sorte que rodeou ao pai, que acabou asasinado nunha cuneta en agosto de 1936, Isaac, que recolleu moitos fracasos na súa vida, acabou os seus días abandonado e expulsado dos espazos que el, con desvelos dabondo, ergueu en medio da nada e o desleixo. Si, sexamos sinceros, este país non foi moi garimoso con algúns dos seus fillos ‘diferentes’ —nin coas obras que fixeron a contracorrente—, que axiña se asulagan nas lamacentas augas do río Leteo. Para paliar o desleixo, organizamos unha exposición, ‘As miradas de Isaac’, que se inaugurou o 6 de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, que ficará aberta ata o 4 de abril de 2021. Por Xosé Díaz Arias de Castro
ARGUMENTA. Ciencia e pensamento
A ESCOLA, ESPAZO DE PAZ. A experiencia da Rede Andaluza. Por José Antonio Binaburo Iturbide
[ENTREVISTA] FEDERICO MAYOR ZARAGOZA, director da Fundación Cultura de Paz.
Cultura
ENTREVISTA CON ALFONSO ZARAUZA, director de cine.
Protexta
Conversa con Rexina Vega. Por Inma López Silva e Manuel Forcadela
Libros do mes: narrativa, ensaio, traducción, poesía.
Masa crítica
[CRÓNICA] FILMES SEN DISTANCIAMENTO SOCIAL EN CINEUROPA
Música, banda deseñada, arte, cinema, serie documental.
E as nosas seccións habituais: Vidas wassap, enREDadxs, Argumenta, Natureza insólita, Gabinete de curiosidades, Corpos e almas, Boi de canto, Todo é peixe, E digo eu…, A velas vir.
Todo isto e máis no número de xaneiro de TEMPOS NOVOS.
Pide o teu exemplar aquí