Domingo 4, Xuño 2023
HomeOpiniónXaime Isla: construír Galiza

Xaime Isla: construír Galiza

Xoán López Facal

Xaime Isla (1915-2012), Isla a secas como o coñecíamos, pertenceu a unha xerazón insobornábel que tiña como misión construír a Galiza-nación. Un oficio case incomprensíbel neste tempo de penuria económica e de ideas onde o futuro se mide por trimestres e o país pola capacidade de influencia nos despachos. De bos e xenerosos calificou o bardo de Ponteceso á estirpe dos construtores da nación. Xaime foi un home esencialmente bo e da súa xenerosidade non cabe dubidar. É bon lembralo agora cando crecen bos e xenerosos como cogumelos e efémeros recoñecementos de suposta abnegación galeguista. Xaime Isla deixou moi alto o nivel: noventa e sete anos de esforzos e perseverancia na tarefa de facer país.

A xerazón de Xaime, o nacionalismo republicano que se atreveu a imaxinar un país con futuro propio é aínda a única tradición política decente que podemos exhibir. Sen negar as virtudes da democracia posfranquista, debemos recoñecer que nen as institucións autonómicas, nen o actual sistema de partidos estiveron á altura proclamada pola xente de Castelao. Esta foi a mágoa que arrastraron os seus sobrevivintes toda a súa vida. Un proxecto finalmente trasmutado en miraxe. Non podemos esquecer –nen perdoar- que o noso idioma propio pasase de emblema e raíz do proxecto nacional a preocupante problema de curriculum educativo ou que as medallas Castelao, por aludir a un artefacto simbólico de actualidade, non teñan máis valor que o diploma dun cursiño de salvamento e socorrismo. Por certo, por que denominan asi unha insignia destinada a premiar xente que confunde Castelao con Castelar ou mesmo ás veces coa Castellana?. Bon, falamos de degradación de proxectos e valores cando van desaparecendo os últimos mohicanos da Galiza substantiva.

Crise de valores, sermonean ao unísono o episcopado e os costaleiros da dereita peidosa. De valores, de convicións cristiás algo sabía Xaime Isla. Procedente da tradición do catolicismo democrático e alfabetizado, sen apenas tradición en España, humanista, fiel ao seu país, que prolonga as súas raíces até o arcebispo compostelano Manuel Lago González (1865-1925) e á revista de pensamento cristián Logos (1931-1936) -inteiramente escrita en galego- Isla pasou por ser o católico do grupo Galaxia. Non á maneira de Otero Pedraio ou de Filgueira senón máis ben á maneira da militancia sociopolítica que abrollou na democracia cristiá que tanto contribuiu a configurar o que hoxe é a Unión Europea. A igrexa oficial, naturalmente, non o recoñeceu. Na óptica de poder que sustenta a súa práctica e discurso, Isla era “un galeguista”, é dicir, un amistoso marxinal un tanto inconsciente e inocuo. O nacionalcatolicismo non estaba nen está para fantasías.

Foi no solar do pensamento cristián xenuino onde xerminaron as convicións dos irmáns Isla e as que conduciron a Xaime a impulsar a Editorial SEPT (1966) da cal sairá a tradución ao galego do Novo Testamento (1980) e a primeira versión íntegra da Biblia ao noso idioma (1989), coa colaboración da mellor equipa de biblistas do país. A SEPT pretendía ser algo máis que unha editorial dos documentos básicos da fe cristiá; a difusión de textos de economía, dereito e socioloxía formaba parte -talvez a esencial na intención primitiva- do proxecto editorial do grupo promotor. Era inevitábel; Isla, como Paz Andrade, mantiñan a firme convicción da importancia do pensamento económico e social no labor de interpretación e construción nacional de Galiza. Neste sentido, Beiras foi un fillo consecuente. Xaime Isla, que exerceu de director da Revista de Economía de Galicia (1958-1968), por onde pasou tamén Xosé Manuel Beiras, desenvolveu os maiores esforzos no intento de conectar Galiza co pensamento económico coetáneo. Daí o seu empeño en suscitar un corpus intelectual capaz de explicar o país e abrirlle as portas da modernidade social. Un esforzo de superación, no fondo, do biés literario e historicista que caracterizaba ao nacionalismo. A SEPT publicou, nesta liña, traballos de economía, de Barral Andrade e do profesor Pena Trapero, xunto cunha compilación de dereito civil de Galiza a cargo de profesores e especialistas na materia.

Venme ás mentes a imaxe dun encontro fugaz con Xaime, Vigo 68 ou 70, talvez. Levaba un libro do Fondo de Cultura Económica na man, creo recordar que era a “Economía Interindustrial” de Chenery e Clark. Estaba entusiasmado. “Estou coleccionando libros de economía para…teño un proxecto para…fai moita falta que…por que non ves á miña casa e…”

Asi era aquela xente, a xente de Castelao. Sempre a cociñar ideas e proxectos, institucións e editoriais -Galaxia, Sept…- maxinando partidos capaces de articular a sociedade galega no novo tempo democrático. Sen subvencións, sen cordón umbilical con ningún poder constituido, sen rede social de apoio, sen complicidades. Un traballo arduo, inmune ao escepticismo e a desmemoria. O futuro non confirmou as esperanzas daquela xerazón pero si contribuiu a facer de Galiza un país máis habitábel. Foi xente coma el, como Paz Andrade ou Díaz Pardo, como Dieste e Seoane, como don Ricardo e don Paco, e tantos e tantos outros.

Nacionalista de primeira hora, humanista cristián, economista por vocación, militante dunha Galiza que ainda non foi pero que ha de chegar a ser porque así a imaxinaron eles e asi o defenderemos nós. Foi Xaime Isla, foron todos eles, mestres morais para un tempo e un país que precisa de urxencia reinventar o seu futuro. Que a luz perpétua luza sobre el.